Orozco sitúa a Besteiro en primeira liña para suceder a Pachi Vázquez

O socialista Gómez Besteiro preside a Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG-PSOE vive un debate dobre (ou triple) dúas semanas despois dos seus nefastos resultados electorais no 21-O. Un debate de tempos e procedementos para reformular a súa estrutura, un debate de nomes e persoas para dirixir o partido e, malia que polo momento non se deu, un necesario debate de ideas no horizonte para repensar a súa proposta política en Galicia. 

Candidatos posibles para dirixir o partido hai moitos, aínda que todos semellan querer gardar as súas cartas cando menos até a celebración do previsto Comité Nacional do PSdeG-PSOE o 10 de novembro. Entre eles, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, aparece como un dos mellor colocados. E o alcalde da cidade lucense, José López Orozco, vén de situalo en primeira fila ao afirmar que o "animaría" a presentarse para díríxír o PSdeG "porque penso que é un bo candidato".

Con todo, Orozco afirmou que lle peocupa máis "o discurso" que os nomes: "iso é o que temos que resolver con tranquilidade, nunha conferencia política a nivel do partido federal e de Galicia, para que cando teñamos un candidato ou candidata sexa crible e sexa capaz de darlle unha alternativa a este dereita gobernante". A Conferencia Política federal do PSOE está prevista para a primavera de 2013 e o Congreso Nacional do PSdeG celebraríase inmediatamente despois, antes do véran. Porén, un mal resultado electoral en Catalunya, como apuntan todas as sondaxes, podería acelerar a celebracíón desa conferencia. 

Mentres, no PSdeG-PSOE continuará o dobre debate de tempos e nomes entre os partidarios de agardar até o 2013 e os que, dende a executiva provincial de Pontevedra liderada por Santos Héctor e na que Abel Caballero conta cun importante peso especifico, piden unha solución inmediata, a dimisión de Pachi Vázquez e o nomeamento dunha xestora que tome todas as decisións. Con todo, parece que o resto de cabezas visibles do PSdeG, dende Barcón a Orozco, pasando por Besteiro, Caamaño, o ourensán Raúl Fernández ou Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas, apostan por agardar. De momento.

O socialista Gómez Besteiro preside a Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.