Os afectados das preferentes falarán no Parlamento

Afectados polas preferentes, nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

Custoulles moitas horas de rúa, peches, protestas e expulsións pero finalmente unha representación das persoas afectadas polas participacións preferentes poderá explicar, en primeira persoa, o que lles aconteceu nunha sesión do Parlamento de Galicia. Non será nunha sesión plenaria no hemiciclo do que foron expulsados cando a súa tensión deu en rebentar o pasado decembro, senón nunha reunión da comisión de investigación que indagará no entramado financeiro das malogradas Caixanova e Caixa Galicia, no seu proceso de fusión e na xestión dos seus responsables. Á espera de que este órgano parlamentario pacte un plan de traballo definitivo o voceiro do PP na Cámara, Pedro Puy, avanzaba na mañá deste luns que o grupo conservador aceptará que os preferentistas tomen a palabra.

Mentres os grupos ultiman as súas propostas de plan de traballo Puy asegura que a súa formación está diposta a que os labores da comisión sexan "amplos" no que atinxe á documentación a tratar e á nómina de persoas comparecentes, que ademais das afectadas polas preferentes incluirá tamén responsables políticos galegos e estatais e comparecentes de perfil máis técnico. Eles, din, aceptará que acuda todos aqueles que teñan "algo que achegar aos obxectivos da comisión".

Os preferentistas explicarán "a súa situación" na comisión de investigación

Amplitude e "transparencia" é, precisamente, o que reclaman os grupos da oposicion, que non só apostan tamén por que as preferentes sexan tratadas escoitando as persoas estafadas, senón que tamén tentarán coñecer, agora si, algunha da documentación que levan reclamando dende que comezou o proceso de fusión das caixas. Este é o caso, por exemplo, da auditoría elaborada pola empresa KMPG por encarga da Xunta que auguraba boa saúde financeira e rendibilidade da caixa fusionada. O documento, reclamando en numerosas ocasións pola oposición, nunca foi remitido e agora os socialistas, avanza o seu voceiro, Abel Losada, volverano reclamar para que sexa tratado na comisión. No caso das comparecencias políticas o PSdeG tentará que cheguen ata o entorno do ano 2002, cando naceron as normas legais que ampararon a comercialización de preferentes.

A oposición esixe copias da auditoría de KPMG e documentos sobre a xestión interna das antigas caixas

Pola banda da AGE a súa pretensión é que a comisión "abra o foco político" ata converterse "nun grande xuízo á banca no que se depuren todo tipo de responsabilidades, dende a falta de control por parte da Adminsitración pública ata as condutas irresponsables e delitivas por parte dos xestores" das propias entidades. Así, por exemplo, Alternativa reclama "todas as actas dos concellos de administración" e doutros órganos reitores das caixas dende 2005 e toda a documentación que a Xunta elaborase sobre as entidades. Ademais, o grupo que encabeza Xosé Manuel Beiras reclama tamén a "relación nominal dos 100 impagados máis importantes" e dos "100 proxectos de investimento máis importantes". En canto ás comparecencias, esixirán que pasen pola Cámara, entre outros, José Luis Méndez, Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego ou a conselleira de Facenda.

No caso do BNG a relación de documentos solicitados inclúe tamén as auditorías sobre a "situación patrimonial" das caixas, por separado e despois de fusionárense, os contratos laborais "e xustificacións de calquera liquidación ou pagamento por extinción da relación laboral" dos antigos directivos, ou documentos sobre as preferentes, entre os que reclaman "copia dos correos electrónicos remitidos pola dirección comercial de Caixa Galicia e Caixanova relativos á comercialización deste tipo de produtos". En canto aos comparecentes o Bloque quere que acudan ao Parlamento o actual presidente da Xunta e o seu antecesor, Emilio Pérez Touriño, o conselleiro de Economía do bipartito e a actual de Facenda, así como ex directivos, ex ministros de Economía e Facenda, representantes sindicais e membros das devanditas plataformas de afectados polas preferentes. 

Afectados polas preferentes, nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.