Os alcaldes galegos rebélanse cunha voz única contra a reforma local

Comisión executiva da Fegamp © Fegamp

Os alcaldes galegos rebélanse contra a reforma local e fano unidos e cunha soa voz a través da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias), que vén de aprobar neste mércores por unanimidade as súas emendas ao texto, presentado en febreiro e aprobado polo Consello de Ministros en xuño entre as críticas maioritarias dos rexedores galegos.

Da protesta inicial dos municipios gobernados por PSdeG e BNG, nucleada arredor da fronte común nacida na provincia de Lugo e ao que se uniron os alcaldes de Anova ou CxG, pasouse logo ao malestar xeral e ao xurdimento de voces contrarias de rexedores do PP, que agromaron malia a dificultade que supón enfrontarse con rotundidade á reforma proposta polo seu partido. Alcaldes socialistas e nacionalistas ameazaron incluso con abandonar a Fegamp, pero a postura unánime en contra foi máis forte que as diferenzas.

As emendas non terán carácter xeral, senón que se centrarán nos artigos concretos que máis preocupan os alcaldes galegos

"O texto é, unha vez máis, froito do acordo de todos os partidos políticos, e recolle tamén a esencia das propostas remitidas polos concellos galegos que quixeron participar neste proceso", explica a Fegamp nun comunicado non que se anuncia a presentación das propostas contra o proxecto de lei que Goberno remitiu neste mes ás Cortes para o seu trámite parlamentario e que ten o vindeiro 24 de setembro como data límite para ser emendado.

As emendas, tal e como aclara a Federación, non terá carácter xeral, senón que se referirán a artigos concretos do texto legal e os que máis preocupan aos alcaldes galegos, tal e como acordaron nas súas distintas resolucións. A Comisión Executiva decidiu trasladar agora as propostas aos distintos grupos parlamentarios no Congreso e no Senado con representación en Galicia (PP, PSOE e BNG) e aos grupos políticos do Parlamento galego.

As obxeccións céntranse na eliminación dos servizos sociais, o reforzo das deputacións, o mantemento das competencias educativas e a perda de autonomía local

As emendas, que se farán públicas nesta mesma semana logo de enviárselles aos 314 concellos de Galicia, inciden, sobre todo, nas "liñas vermellas" expostas pola Fegamp desde o primeiro momento: o traspaso dos servizos sociais ás autonomías, o reforzo das deputacións provinciais en detrimento dos concellos pequenos, o mantemento das custosas competencias educativas nos municipios e o aumento da intervención no goberno local por parte doutras administracións.

Os servizos xurídicos da Fegamp ultimarán nos próximos días algunhas precisións no texto acordadas polos voceiros e ratificadas pola Executiva para logo remitilas ao Congreso antes dese 24 de setembro. A partir de aí, serán as diferentes formacións políticas as que canalicen estas emendas e é aí onde hai algunhas incógnitas, especialmente por parte do PP, do que non se sabe cal será a resposta ante a posición contraria da maioría dos seus alcaldes contra unha reforma impulsada polo seu partido. O PSOE, pola súa banda, anunciou unha emenda á totalidade, polo que queda por saber como levará as reivindicacións galegas á Cámara. No caso do BNG, a súa intención é tamén emendar a totalidade da reforma, propoñendo ademais a supresión das deputacións, unha postura que para nada é maioritaria na Fegamp.

A Fegamp destaca que o organismo "vólvese pór á cabeza do municipalismo en España, ao referendar publicamente unha postura moi crítica fronte á reforma local, co apoio de todos os grupos políticos e o apoio unánime dos alcaldes e alcaldesas de Galicia". “Fixémolo coas alegacións que aprobamos en marzo e volvémolo a facer agora”, destacou José Manuel Rey Varela, presidente da Federación e alcalde de Ferrol. "A forza do municipalismo radica na unidade de acción e de mensaxe, e esa ten que ser nosa única folla de ruta”, engade.

“O acordo alcanzado non entende de cores políticas, senón que responde a unha inquietude real de todos os alcaldes", di Rey Varela

Para Rey Varela, “o acordo alcanzado non entende de cores políticas, senón que responde a unha inquietude real de todos os alcaldes, especialmente nos concellos pequenos, ante a perda de servizos aos seus veciños”. O presidente da Fegamp valorou “o espírito de consenso e a capacidade de diálogo” mostrada polo tres grupos políticos, “que nunca se rompeu desde que se iniciou todo o debate da reforma local”.

 

Asemblea extraordinaria

Ademais, a Comisión Executiva tamén validou a proposta de José Manuel Rey de celebrar unha asemblea extraordinaria da Fegamp, aberta a todos os alcaldes e alcaldesas de Galicia, para o próximo 11 de outubro en Compostela. “Queremos dar voz aos representantes electos de todos os cidadáns, que sirva para que se escoite o profundo desencanto que esta reforma xera”, engadiu o presidente da Federación. Nesa xuntanza poderán presentarse propostas de resolución para o seu debate e posterior votación.

Comisión executiva da Fegamp © Fegamp

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.