Os baltaristas crécense e prepáranlle unha homenaxe ao ex presidente da Deputación

Presentación dos actos de homenaxe CC-BY M. Carballada

O baltarismo resístese a desaparecer. Á marxe da sucesión formal e dinástica á fronte da Deputación de Ourense na persoa de José Manuel Baltar, os partidarios do que fora presidente do organismo provincial e líder dos populares ourensáns, José Luis Baltar, preparan unha homenaxe cidadá para, segundo as palabras do vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, render tributo a figura “humana” do barón popular.

A manifestación de adhesión e recoñecemento terá lugar o día 23 de xuño no recinto feiral Expourense

A manifestación de adhesión e recoñecemento terá lugar o día 23 de xuño no recinto feiral Expourense e contará coa participación de homes e mulleres “de toda a provincia”. Aínda que formalmente non se presenta como un acto político si estarán todos os cargos públicos do PP ourensán aliñados co fundador e distintos e diversos representantes da sociedade civil ourensá. De feito, na presentación da convocatoria no Liceo da capital de As Burgas xuntáronse dende o voceiro da asociación dos hemofílicos de Ourense, O Pepiño até o director da editorial Ir Indo, Bieito Ledo, e representantes dos empresarios ou asociacións de veciños.

O deputado Miguel Santalices, foi o que primeiro comezou a revelar por que se prepara esta homenaxe. Santalices explicou que “todos coincidimos en valorar o compromiso e o esforzo de Baltar en pro da provincia, da súa sociedade e da cultura”. O parlamentario non ten claro cara a onde camiñará todo este movemento pero non descarta promover a creación dunha fundación coa finalidade perpetuar o baltarismo. Porén deixou claro que “ningunha administración pública achegará un can para sufragar o evento do día 23”.

Bieito Ledo non dubidou en  proclamar o baltarismo como “sucesor” do galeguismo da Xeración Nós e dos fundadores de Galaxia

Sen dúbida un dos promotores máis entusiastas da figura de Baltar no acto do Liceo foi o director de Ir Indo, Bieito Ledo, que non dubidou en  proclamar o baltarismo como “sucesor” do galeguismo da Xeración Nós e dos fundadores de Galaxia. Para Ledo, que fixo profesión de fe da súa propia pertenza a tribo ourensá, José Luis Baltar foi “sempre defensor do galeguismo, un político xeneroso ao que hai que recoñecer”.  Ledo entende que “unha vez que a economía está globalizada, non é posible, nin rentable, nin desexable a independencia de Galicia”, por iso sostén que “quédanos defender a nosa fala para interpretar o mundo como fixo José Luis Baltar”. O editor enumerou a pensadores galegos sobranceiros como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e fechou a lista co nome do ex presidente do PP ourensán.

De feito, o secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, home de confianza do alcalde de Celanova, deixou claro que “o proxecto da Casa dos Poetas non sería posible sen a intermediación de José Luis Baltar”. Iso si, na súa alocución esqueceu comentar que a autovía Celanova-Ourense fixo saltar polo aires a ruta currosiana ou a intención do alcalde da vila de converter o mosteiro nun hotel desmantelando un instituto de ensino secundario.

O presidente da Confederación Empresarial de Ourense, Francisco Rodríguez, explicou que cando tomou posesión do seu cargo estivo agardando na antesala do seu despacho “porque estaba falando cuns paisanos duns 'galiñeiros'”. “Molesteime pero de seguido comprendín que era necesario”, dixo.

A presentación, pouco coidada no plano formal, distanciándose así do novo estilo de Baltar Blanco, estivo salpicada de numerosas anécdotas centradas na relación entre o ex presidente e os organizadores da homenaxe. O presidente da Confederación Empresarial de Ourense, Francisco Rodríguez, explicou que cando tomou posesión do seu cargo estivo agardando na antesala do seu despacho “porque estaba falando cuns paisanos duns 'galiñeiros'”. “Molesteime pero de seguido comprendín que era necesario”, dixo. Finalmente, dende a Cámara de Comercio, o seu vicepresidente, Juan Carlos Parada, resaltou que é obrigado “manter a lealdade co pasado” e destacou que José Luis Baltar “ten o pouso rural do corpo de mestres”.

Os promotores da homenaxe reuniranse nos próximos días para darlle forma á comida e de articular “esta corrente de recoñecemento á figura humana de José Luis Baltar”. Cómpre sinalar que na sala de faladoiros do Liceo non había nin rastro dos homes e mulleres de Feijóo na provincia.

Presentación dos actos de homenaxe CC-BY M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.