"Os cambios que se van producindo teñen no Congreso o seu punto de partida principal"

Antón Louro © El Diario

Antón Louro (Lira, 1952) desenvolveu a súa actividade política practicamente en todos os ámbitos posibles: Subdirector xeral de Cultura (1989-90), concelleiro e tenente de alcalde en Pontevedra, deputado no Parlamento galego (1997-2004), deputado no Congreso (2004-2009) e delegado do Goberno (2009-11). Analizando a súa traxectoria xa cunha certa distancia temporal, salienta a importancia do traballo parlamentario e o labor realizado polos representantes socialistas en Madrid e anticipa as tarefas principais que a cámara resultante das eleccións do 20D terá que enfrontar na vindeira lexislatura: "Hai que facer unha reflexión profunda da España que queremos para o século XXI e da España que ten que cambiar xunta".

"Dende o Congreso dos Deputados observas a política dende unha posición privilexiada"

Como valoras o teu paso polo Congreso, tanto a nivel persoal como político?

Dende o punto de vista persoal foi unha experiencia moi interesante. Dende o Congreso dos Deputados observas a política dende unha posición privilexiada e descobres que os cambios que se van producindo teñen alí o seu punto de partida principal. Cando no Congreso se redacta e aproba unha lei coma a Lei de Igualdade ou a Lei da Dependencia, estás facendo cambios profundos na sociedade española, cambios que inflúen en como viven os cidadáns e cidadás. E para as persoas que nos dedicamos á tarefa de representar os cidadáns e cidadás, isto é o máis importante.

"Tocoume ser o coordinador dos deputados e senadores galegos entre 2004 e 2008. Foron anos de reivindicación para Galicia, anos moi frutíferos"

Entre a actividade que levaches a cabo, hai algún tema ou acción da que te sintas especialmente satisfeito?

Eu tiven ocasión de ser portavoz de Cultura do Grupo Socialista e isto levoume a ter que ser ponente de diversas leis, entre elas unha moi importante para o mundo da cultura, como é a Lei de Propiedad Intelectual. Tiven que traballar moito esa problemática e despois tiven que defender a lei no pleno do Congreso. É unha gran satisfacción que a un o fortalece dende un punto de vista político, persoal e tamén intelectual. Se teño que concretar que foi aquilo que me produciu máis satisfacción, seguramente sería o ser ponente en catro ou cinco leis do mundo da cultura.

E, despois, outra liña de traballo que desenvolvín ten que ver con Galicia. A min tocoume ser o coordinador dos deputados e senadores galegos entre 2004 e 2008. Foron anos de reivindicación para Galicia, anos moi frutíferos. O presidente Zapatero deulle un enorme impulso ás infraestruturas e aos equipamentos de Galicia. Sen este presidente comprometido con Galicia, e cun grupo de deputados comprometidos con Galicia e co Plan Galicia, hoxe non teríamos moitas cousas que temos: o eixo atlántico de alta velocidade, a A8, portos exteriores de Ferrol e A Coruña..., un volume de investimentos moi importante.

"Deputados galegos no Congreso houbo moitos, algúns foron máis produtivos e outros non o foron tanto. Eu respecto a todos, nacionalistas e non nacionalistas, de esquerdas e de dereitas, todos contribuímos en certa medida"

Como deputado que representou a Galicia no Congreso, que opinas do discurso que tende a identificar unicamente esta representación cos deputados e deputadas nacionalistas?

Paréceme un discurso ridículo, con todos os respectos. Deputados galegos no Congreso houbo moitos, algúns foron máis produtivos e outros non o foron tanto. Eu respecto a todos, nacionalistas e non nacionalistas, de esquerdas e de dereitas, todos contribuímos en certa medida. Hai que recoñecer a quen estivo na avanzadilla dos cambios e do proceso de modernización que en España e en Galicia se deu nun tempo determinado. Conseguimos que Galicia se enganchase a ese tren de modernización. O traballo que se fixo por Galicia entre 2004 e 2011 hai que recoñecerllo aos deputados que estaban detrás del. Eu, por exemplo, recoñezo a colaboración dun deputado do BNG como é Paco Rodríguez. Estaba moi atento aos asuntos de Galicia; era nacionalista, pero podía non selo. Eu non son nacionalista e tamén estiven moi atento a eses asuntos.

É moi distinto o día a día no traballo parlamentario cando se forma parte dun grupo de goberno e cando se está na oposición?

Son dúas posicións distintas. Os que temos vocación política o que queremos é gobernar, para cambiar as cousas. Non se pode estar mirando a paisaxe mentres outros fan as políticas contrarias ao que ti cres que é xusto. Por iso é importante gobernar, gañar as eleccións. Para poder facer leis e iniciativas que cambien e melloren a vida das persoas. Hai quen está cómodo na oposición. Quen estea en política por gañar un soldo, pois moi ben, na oposición gáñase un soldo. Pero quen está en política para cambiar o mundo, quere estar no goberno.

"Quen estea en política por gañar un soldo, pois moi ben, na oposición gáñase un soldo. Pero quen está en política para cambiar o mundo, quere estar no goberno"

Como ves as eleccións do 20D, un comicios moi distintos aos que vivimos nos últimos 30 anos en España?

Estamos nunha campaña electoral definida pola incerteza. Vivimos outras campañas nas que todo o peixe estaba máis vendido. Hai catro forzas políticas que teñen opcións de estar ocupando posicións de goberno, temos un escenario aberto onde caben distintas posibilidades. A política cambiou bastante, pero os que levamos un certo tempo nisto si que lembramos escenarios algo máis semellantes. Por exemplo, nas primeiras eleccións estaba o PSOE, estaba o PCE, estaba UCD e estaba unha dereita minoritaria, como era AP. Imos ver o que resulta o 20 de decembro. Eu creo nas opcións que ten o Partido Socialista e as opcións que ten Pedro Sánchez para chegar á Presidencia do Goberno. Haberá que falar e haberá que facer unha política de alianzas que veremos despois do 20D.

"Temos que perfeccionar o modelo territorial que nos demos, temos que conseguir que os distintos pobos de España se sintan cómodos e realizados neste proxecto que é España"

Que grandes retos deberá asumir na vindeira lexislatura o Goberno e o Congreso que saian das eleccións do 20D?

Na próxima lexislatura hai 3 ou 4 cousas que temos que facer. Primeiro, resolver a crise económica e minorar as consecuencias sociais desa crise, creando emprego. Esa ten que ser unha prioridade do Goberno que saia do 20D. Despois, obviamente, este país ten serios problemas de corrupción, dos que deriva unha crise institucional profunda, e iso hai que combatelo con todas as armas do mundo. A política non pode ser o santuario da corrupción, senón que debe ser o santuario da transparencia e do bo facer. Ademais, temos que perfeccionar o modelo territorial que nos demos, temos que conseguir que os distintos pobos de España se sintan cómodos e realizados neste proxecto que é España. Así como hoxe dicimos que hai que construír Europa, creo que se España non existise a estariamos construíndo, pero construiríamos unha España diferente da que temos. Hai que facer unha reflexión profunda da España que queremos para o século XXI, e da España que ten que cambiar xunta. España está aí para resolver os problemas da xente. Todos estes temas pasan por unha reforma constitucional e esta reforma hai que abordala dende a propia Constitución. Calquera outro experimento, eu non o vexo. Eu creo nas leis e a política faise dende a lei, a política non se fai sen respectar os cidadáns e sen respectar o ordenamento xurídico que se deron para convivir.

Antón Louro © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.