Como en cada xornada electoral os principais candidatos aos comicios deste 21 de outubro aproveitaron as súas breves comparecencias ante os medios tras exerceren o seu dereito ao voto para, en xeral, animar á participación. Desta volta, no caso das formacións diferentes do PP os seus líderes deixaron caer ademais, dun xeito máis ou menos explicíto, o seu ánimo para que as urnas dean lugar a un cambio político no país. Pola banda do PP Alberto Núñez Feijóo votou na cidade na que está a súa residencia privada, Vigo. "Hoxe Galicia decide", explicitou o líder conservador, quen recuperou a que fora fórmula común na política galega dos 90 -e inspirada nos versos de Ramón Cabanillas- para asegurar que "hoxe Galicia é nai e señora do seu destino".
Feijóo insiste en cinguir "o partido" a Galicia
Nun contexto no que Feijóo evita entrar no debate de se pode recibir votos "de castigo" dirixidos ao PP, o aspirante á reelección esfórzase, non obstante, en insistir en que "o partido é Galicia, o campo é Galicia e o resultado afectará a Galicia", que "sabe moi ben o que se xoga". A anécdota da votación de Feijóo chegaba no momento en que unha xornalista da axencia Reuters o interpelou en inglés sobre se ten ou non "confianza" nos resultados. "Querida amiga, aquí estamos tentando mellorar o inglés", retrucou o popular, ao tempo que apostou por responderlle en español á informadora.
Mentres, no Carballiño votaba o candidato socialista, Pachi Vázquez, seguro de que "a xente participará" porque "Galicia sabe o que se xoga". "Para min é unha xornada de ilusión e esperanza" o mesmo que, di, "ten que ser" para o conxunto do país". "Síntome tremendamente satisfeito e orgulloso deste país e de que esteamos dando unha lección de democracia e normalidade", di Vázquez, convencido de ademais de que "os cidadáns acertan sempre". "Quédanos confiar nos cidadáns de Galicia e na esperanza deste país" no que é "o día das persoas", asevera.
Vázquez apela á "esperanza" e Jorquera, ao "cambio de rumbo"
Dende A Coruña emitía o voto e os ánimos a participar o candidato do BNG, Francisco Jorquera, nun "día decisivo para Galiza" porque "está en xogo que modelo de sociedade queremos e que futuro queremos". Nesta liña o nacionalista desexa que a cidadanía "participe masivamente" nuns tempos "realmente importantes". "Estou convencido de que hoxe o noso país iniciará un cambio de rumbo, que a Galiza lle espera un futuro mellor despois destas eleccións", di Jorquera, quen agarda estar "o máis relaxado posible" antes de trasladarse á sede nacional do BNG, en Compostela.
Beiras di que xa pode "morrer tranquilo", Bascuas chama á "responsabilidade"
Quen tamén opta pola relaxación ata a hora do escrutinio é o líder de AGE, Xosé Manuel Beiras, quen dende Brión centrou a súa intervención en amosarse especialmente satisfeito co percorrido realizado durante a campaña. "Pase o que pase hoxe, podería morrer antes incluso de coñecer os resultados", di o histórico nacionalista, quen se sente "como se viñese de superar unhas duras probas que conducen a entrar no reino da fraternidade". "Durante toda a campaña percibían a eclosión do sentido da fraternidade e da igualdade para que a xente do común teña exactamente os mesmos dereitos cívicos que calquera outro", di. "É como se prendésemos unha faísca nun material humano que estaba agardando" para "cambiar a situación", explicou.
O "cambio" estivo igualmente presente nas verbas do candidato de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, que tras votar en Santiago asegurou sentirse "un cidadán responsable" que, acompañado nas candidaturas por "outras persoas responsables", agarda a "responsabilidade do resto da sociedade", á que anima a participar para lograr un "cambio" no que CxG "teña un protagonismo notable".