Oleiros, Cambre, Culleredo, Betanzos, Sada, Bergondo e A Coruña. Foron os alcaldes destas sete localidades os que asinaron o pasado 20 de outubro a Declaración de María Pita co obxectivo de impulsar a área metropolitana. Este ente supramunicipal no que tamén se incluirían Arteixo, Abegondo e Carral, cuxos rexedores -do PP e malia amosar sempre a súa disposición- negáronse a asinar o documento até que lograse o consenso no pleno da capital provincial. Ao tempo, Carballo, A Laracha e Cerceda postuláronse para formar parte dun espazo que leva tempo adiándose sen horizonte definido. Unha área duns 410.000 habitantes -case 460.000 de incorporarse estes tres últimos municipios- que busca botar a andar axiña.
Os concellos implicados na construción da área prevén ter listo nun ano un proxecto de lei para este ente supramunicipal
Os alcaldes implicados déronse un ano para ter listo un proxecto de lei da área metropolitana logo de que a declaración inicial marcase as liñas sobre as que traballan desde abril todos os municipios -tamén os do PP que contraprogramaron a Declaración de María Pita cunha xuntanza de partido- en mesas conxuntas de técnicos e políticos. Entre A Coruña e os nove municipios do Consorcio das Mariñas, xa desaparecido. Xestión conxunta de servizos, medio ambiente, urbanismo, transporte metropolitano, porto e aeroportos... Son varios os ámbitos claves dunha área que precisa dunha estrutura xurídica que determine a súa composición, as competencias ou os órganos de goberno.
O arranque oficial desta área metropolitana terase producido cando os plenos dos concellos o formalicen cunha declaración institucional que dea inicio á folla de ruta. Na Coruña, concello que levaba anos sen implicarse na área, o paso foi máis ben pequeno e simbólico, moito menos fondo do que pretendía o goberno local da Marea Atlántica. Votou a favor de apoiar institucionalmente a declaración do 20 de outubro cos votos do grupo de goberno e do BNG pero este acordo "de mínimos" non abonda. Adíase a votación que dea inicio formal ao proceso para crear o ente supramunicipal tras a abstención de todos os concelleiros de PP e PSOE -agás o voceiro socialista- a un texto que xa fora descafeinado para lograr un consenso que non se acadou.
Os alcaldes da Coruña, Oleiros e Sada reflexionan sobre o futuro da área metropolitana
Os socialistas xustificaron a súa votación en que non querían que o goberno puidese iniciar os trámites para a creación da área sen ter que volver pasar polo pleno, xa que a lei da Administración Local require maioría absoluta para o impulso á área. Os populares acusaron o alcalde Xulio Ferreiro de montar unha "cortina de fume" co ente e este retrucou aludindo a conversas entre municipios de case un ano. "A área metropolitana é un exemplo. PP e PSdeG din que é idea súa. Pois se é así, perfecto: saquémola adiante", dixo o rexedor na Radio Galega.
Sexa como for, e malia os atrancos, a área metropolitana parece non ter marcha atrás. Falamos cos alcaldes da Coruña (Xulio Ferreiro), Oleiros (Ángel García Seoane) e Sada (Benito Portela) para analizar os retos e atrancos deste ente supramunicipal do que se leva falando anos malia non terse empezado nin a negociar.
Reunión dos alcaldes da comarca / Concello da Coruña
Prioridades e obxectivos
Para Xulio Ferreiro, o obxectivo desta futura área metropolitana é "poder establecer unha estratexia común de actuación coa que poder enfrontar os retos máis relevantes para unha mellora da calidade de vida da cidadanía". Considera clave, nestes inicios, "definir a súa estrutura, a composición e as estratexias que permitan encarar os grandes desafíos a varias décadas vista" para abodar logo "cuestións como o planeamento territorial e mobilidade dos e das veciñas, pero tamén de crecemento económico".
"O obxectivo é unha estratexia común para enfrontar os retos máis relevantes para a mellora da calidade de vida da cidadanía", di Ferreiro
Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, cre que a área "permitirá" principalmente "ofrecer mellores servizos a un menor custo" e considera que "a recollida do lixo, o abastecemento de auga ou a rede de saneamento aínda poden optimizarse a un importe máis baixo do actual". Ferreiro advirte tamén dese traballo en común que xa se realiza. "A empresa municipal de auga da Coruña abastece os concellos da comarca, o tratamento do lixo tamén se realiza na planta coruñesa de Nostián, un equipamento con clara vocación supramunicipal, ao igual que a EDAR de Bens", lembra e insiste en que o propósito é "dar institucionalidade a ese traballo en común e seguir avanzando nesa liña nestes e noutros eidos". O rexedor coruñés cita outros casos, como a protección da ría do Burgo, como un exemplo dun traballo xa en conxunto "a través da Mesa da Ría" que podería aínda mellorarse. E fala de "emprego, turismo, promoción económica e cultural, prevención de incendios ou coidado ambiental" como outros ámbitos básicos para o labor en rede, ademais da lóxica atención ao porto exterior -en Arteixo- e ao aeroporto de Alvedro, situado en Culleredo.
García Seoane cre que a área será clave para "poñer fin a problemas moi concretos da comarca, como as infraestruturas viarias ou o transporte público"
Para Benito Portela, alcalde de Sada, o obxectivo é "mellorar e homoxeneizar a prestación de servizos en todo o ámbito territorial desa área metropolitana e aumentar a integración e a cohesión de territorios diversos pero con obxetivos comúns". García Seoane, ademais, cre que será fundamental para "poñer fin a problemas moi concretos da comarca, como o das infraestruturas viarias ou a do transporte público" e lembra que a lexislación contempla a dotación de fondos para o ente "que poderían destinarse a mellorar todas esas estradas que Fomento e a Xunta teñen abandonadas" ou solucionar "as deficiencias do transporte público, que ata o de agora non preocuparon a ningún dos distintos gobernos autonómicos". "Podería desaparecer coa creación dun servizo de autobuses comarcal de calidade", advirte.
Funcionamento, gobernanza e modelo
As únicas áreas metropolitanas constituídas no Estado son a de Barcelona e, hai ben pouco, a de Vigo. "Desas experiencias por suposto que podemos coller ideas, ver as súas fortalezas, tomar exemplo, pero a área metropolitana da Coruña ten que ir a un modelo propio, que atenda as súas concretas características e necesidades", di Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, que cre que hai que "definir como queremos a área" e que repara en que "igual" na desta comarca tense que apostar por "órganos diferentes aos da de Vigo" e centrarse en aspectos como "todo o que atinxe ao transporte metropolitano". "Cunha nova Lei da Área Metropolitana tamén entendemos que temos novas capacidades competenciais, e máis forza á hora de falar das políticas específicas", reflexiona.
"É fundamental a participación cidadá, a xente ten que percibir que as carencias e necesidades están nos obxetivos da Lei", di Portela
"Para a gobernanza do ente é fundamental a participación cidadá, a xente ten que percibir que as carencias e necesidades están reflectidas nos obxetivos da Lei", asegura Benito Portela, alcalde de Sada, que por iso considera "importantisimo o traballo de transmisión que fagan os alcaldes e os diferentes membros da corporacións ás diferentes mesas de traballo".
Ángel García Seoane, pola súa banda, lembra que no Consorcio das Mariñas, desde a súa creación, "a variedade idelóxica dos alcaldes non supuxo ningún atranco" polo que considera que a gobernanza e o modelo a seguir non ten por que ser problema. "Sempre tomamos as decisións por unanimidade e funcionamos de marabilla", insisten quen se di "seguro de que tanto no proceso de creación da área metropolitana como no futuro funcionamento do organismo a maneira de actuar seguirá sendo a mesma".
Reunión de alcaldes da comarca / Concello da Coruña
Os tempos
Os concellos da futura área metropolitana márcanse como obxectivo ter listo nun ano o borrador da futura lei, un obxectivo que semella ambicioso vistos os atrancos partidistas que xa se empezan a poñer. É viable este obxectivo temporal?
"Si, un ano. É necesario ser ambicioso nos prazos", di Benito Portela, que cre que o proceso "teríase que ter iniciado hai moitos anos, pero A Coruña tiña que dar o paso á fronte que acaba de dar agora". O alcalde de Oleiros é aínda máis claro. "Estamos convencidos que no prazo dun ano o proxecto de lei estará no Parlamento galego para a súa aprobación", asegura García Seoane.
Os alcaldes poñen o obxectivo ambicioso dun ano e todos veno "realisa": "Non cómpre prolongar os prazos e arriscar a que esvaeza"
Para Xulio Ferreiro, o marco temporal fixado é "axustado, pero realista" e coincide en que "non cómpre prolongar demasiado os prazos e correr o risco de que o proxecto esvaeza". Así, comprométese a que todos os concellos implicados traballarán "en coordinación para ter un documento de consenso e realizar todos os contactos para contar na constitución formal da área coa Xunta, a Deputación e todas as forzas políticas da Cámara". "Cando comezamos a traballar en rede sobre distintos asuntos xa estabamos poñendo os vimbios para este ambicioso proxecto", insiste o rexedor coruñés, que cre que a cidade e a comarca "non pode deixar pasar este tren, non pode volver esperar trinta anos".
Os alcaldes, xa que logo, esperan que a área metropolitana sexa unha realidade antes das vindeiras eleccións municipais pero advirten, como fai Portela, que "iso xa non depende só dos concellos, senón dos trámites doutras institucións". "Os prazos que nos marcamos están para ser cumpridos", engade García Seoane.
Atrancos
As disputas políticas poden atrancar ou ralentizar o proceso. É o temor que hai en moitos concellos, principalmente a que o PP, no seu obxectivo de recuperar boa parte dos municipios perdidos nas vindeiras eleccións municipais, non facilite a foto da constitución oficial dunha desexada área metropolitana antes dos comicios e liderada por un goberno coruñés da Marea Atlántica.
"O veto á 'Declaración de María Pita' foi unha mala xogada política dun dirixente do PP que quixo frear o proceso", di o alcalde de Oleiros
O alcalde de Oleiros lembra que os concellos da comarca "levan moito tempo agardando a que A Coruña dese este paso tan importante" e considera que o veto dos rexedores do PP á Declaración de María Pita foi "unha mala xogada política por parte dun dirixente popular que quixo frear o proceso", en referencia a Diego Calvo, presidente provincial da formación conservadora. Con todo, advirte que "todos os rexedores están de acordo en tirar cara adiante". "Non haberá freo ningún porque ata o propio presidente da Xunta manifestou publicamente o seu apoio á área", di.
Benito Portela, desde Sada, agarda que a batalla política-ideolóxica non sexa un atranco porque "a área metropolitana é o suficientemente importante para as veciñas e veciños" e "non se poden antepoñer os intereses partidistas aos da maioría social".
Na Coruña, Xulio Ferreiro advirte que concellos "de todas as cores políticas, tamén do PP" xa teñen a experiencia de varios meses "colaborando" porque "están de acordo no fundamental: a convición de que a construción da área e o impulso desa lei é unha necesidade para enfrontar os retos do presente e do futuro dos municipios". Respecto do veto de Arteixo, Carral e Abegondo á declaración do 20 de outubro, o rexedor coruñés amósase "convencido de que acabarán por entrar". "As dinámicas de partido ás veces teñen estas cousas, pero estámonos xogando o futuro de toda a comarca".
"Non se podería comprender que o que o PP entendeu que era bo para Vigo non fose bo para A Coruña", asegura Ferreiro
"Hai unha visión moi sinxela. Non se podería comprender que o que o PP entendeu que era bo para Vigo non fose bo para A Coruña", di quen aclara que como alcalde "non lidera" o proxecto "por ningún tipo de afán de protagonismo, máis que polo feito de ser o alcade da Coruña, se cadra a máis visible do proceso". "As decisións que se tomen serán de forma conxunta, e traballarase de forma conxunta, é a única forma de sacar isto adiante", aclara.
Cerceda, A Laracha e Carballo
A área metropolitana está concibida para dez concellos (Abegondo, A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), os nove que formaban parte do Consorcio das Mariñas máis a capital. Pero Carballo, A Laracha e Cerceda xa manifestaron a súa intención de formular a súa inclusión. Mesmo o alcalde carballés reuniuse co seu hómologo coruñés para postularse.
Benito Portela "só" lle ve a "parte positiva" a acoller máis concellos. "Na diversidade gañamos todos e sería imprescindibel que a cidadanía se sentise orgullosa de pertenecer a un ente como este". A importancia industrial e económica dos tres municipios aspirantes é aludida por todos. O alcalde de Sada por un exemplo: "En Cerceda está o lago de Meirama, fundamental na estabilización e sostenibilidade do complexo hídrico Mero-Barcés, chave no abastecemento de auga da poboación".
A entrada de Carballo, A Laracha e Cerceda na área metropolitana é vista como "positiva" polo resto de municipios
Para Ferreiro, hai "relacións evidentes" entre estes tres concellos, A Coruña e a súa contorna. "Desde o punto de vista da mobilidade, da ordenación do territorio ou da promoción económica son unha parte da comarca e deben tomarse como tal", di o alcalde, que entende que a cuestión, en todo caso, "terá que someterse a todos os alcaldes e a alcaldesa" que asinaron a Declaración de María Pita. "Penso que existe unha opinión positiva ao respecto para que concellos que non se sumaron no primeiro momento a este proceso de conformación política da área poidan incorporarse ao traballo que estamos a desenvolver", engade.
O goberno da Marea Atlántica rexeita antigas "visións localistas" e lembra que sabe que "A Coruña non remata na ponte da Pasaxe"
A opinión é semellante para García Seoane, aínda que cre que "agora mesmo, cos que están, para tirar cara adiante é máis que suficiente". O rexedor de Oleiros considera que "o caso de Carballo pola súa situación xeográfica é distinto ao da Laracha ou Cerceda, moito máis conectados á comarca". "En calquera caso, o proceso está aberto e pode ser positiva a incorporación destes municipios", remata.
Por último, o alcade da Coruña insiste no optimismo e aclara que a cidade "ten por primeira vez unha clara vocación metropolitana que este novo goberno amosou desde o principio". "Confronta con visións demasiado localistas, que contribuíron a entorpecer intentos anteriores", insiste quen aclara que o executivo local "sabe que A Coruña non remata na ponte da Pasaxe".