Os concellos do 'sorpasso'

En Marea domina nas áreas urbanas e en boa parte das comarcas do litoral Dominio Público Praza Pública

Un dos conceptos máis repetidos ao longo desta campaña electoral é o do sorpasso. Inspirado na competición electoral entre a Democracia Cristiá e o PCI na Italia dos anos setenta, foi importado por Julio Anguita nos 90 e empregouse xa en Galicia a finais desa década, cando o BNG superou o PSdeG-PSOE, converténdose na principal forza de oposición a Fraga. A posibilidade de que Unidos Podemos e as confluencias territoriais superen os socialistas devolve o termo á actualidade, aínda que dende estas candidaturas se prefira recorrer ao argumento de campaña de que "o verdadeiro sorpasso é ao PP".

Nas eleccións do 20 de decembro Podemos e as confluencias quedaron moi preto dos resultados do PSOE no conxunto do Estado (20,7% fronte a 22%), pero en Galicia En Marea si superou os socialistas (25,04% fronte a 21,33%), unha diferenza duns 50 mil votos. A marxe foi mesmo máis ampla na Coruña (26,35% a 20,43%) e Pontevedra (27,95% a 20,92%), pero o sorpasso non se produciu nin en Lugo (23,98% fronte 20,96% en favor do PSdeG-PSOE) nin en Ourense (23,2% fronte a 17,84% en favor dos socialistas).

Analizada esta competencia concello a concello, obsérvase que En Marea só superou o PSOE en 54 concellos, sendo a vitoria socialista nos outros 260. Iso si, os bos resultados da candidatura integrada por Podemos, Anova e Esquerda Unida nas cidades e nas vilas máis poboadas foron suficientes para ser a segunda forza máis votada en Galicia. As áreas metropolitanas de Vigo, A Coruña, Compostela e Ferrol, as comarcas do Morrazo, O Barbanza, O Salnés e O Baixo Miño si levaron a cabo maioritariamente este sorpasso.

Moi distinta foi a situación nas provincias de Lugo e Ourense. Nesta última provincia En Marea só quedou por diante en Allariz, Manzaneda, A Teixeira e na propia capital. En Lugo, cinco concellos da Mariña (Xove, Cervo, Burela, Barreiros e Ribadeo), ademais da capital provincial.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.