Os deputados galegos de PP e Ciudadanos non presentaron ningunha iniciativa en catro meses

Pleno do Congreso © Congreso dos Deputados

O pasado 13 de xaneiro botou a andar a undécima lexislatura no Congreso dos Deputados, a que agás sorpresa maiúscula pasará á historia como a máis breve ata o momento pola incapacidade dos grupos para acadaren un pacto que permitise a formación do novo Goberno. Malia á incertenza xerada polas propias conversas entre partidos e a expectativa de lexislatura fallida, os órganos das Cortes Xerais e, nomeadamente, do Congreso dos Deputados, levan catro meses a funcionar e os grupos, a traballar con diferente intensidade. No caso galego, dous dos catro grupos con representación, En Marea e PSdeG, tramitaron xa un bo número de iniciativas mentres que PP e Ciudadanos non asinaron ningunha.

Os rexistros dos representantes de En Marea e PSdeG suman 186 iniciativas

Os servizos do propio Congreso permiten acceder ás fichas persoais de cada representante das circunscricións galegas na Cámara Baixa, que Praza.gal agrupou no panel de control que acompaña estas liñas, dende o que é posible acceder ao perfil de cada deputado ou deputada. Esas fichas rexistran un total de 186 iniciativas rexistradas dende os seis escanos de En Marea e os seis dos socialistas galegos. No entanto, o marcador dos 10 representantes do PP e do deputado que obtivo o partido de Albert Rivera pola provincia da Coruña, Ciudadanos, está como estaba o devandito 13 de xaneiro: a cero. 

Nas deputadas e deputados que si abordaron o traballo parlamentario con normalidade as cifras de iniciativas presentadas varían se a fonte consultada son as devanditas fichas persoais ou o Boletín Oficial das Cortes, publicación que recolle a tramitación das diversas proposicións de lei, proposicións non de lei, preguntas ou solicitudes, entre outras. Esta disparidade de números débese a que é práctica habitual que varios membros dun mesmo grupo asinen unha mesma iniciativa, se ben non todas elas lles son asignadas nas fichas persoais.

O representante galego con máis iniciativas é Guillermo Meijón (PSdeG) seguido por Yolanda Díaz (En Marea)

Atendendo ás cifras dispoñibles nesas fichas, o deputado galego que máis iniciativas tramitou nestes catro meses foi o socialista Guillermo Meijón, con 95, unha sesentena das cales corresponde a unha batería de preguntas en materia educativa. A continuación figura Yolanda Díaz, de En Marea, con 14 iniciativas formuladas, cantidade semellante á do seu compañeiro de grupo David Bruzos ou ás deputadas do PSdEG Margarita Pérez, Dolorez Galovart ou Rocío de Frutos.

No entanto, se a fonte consultada son os boletíns oficiais, onde si figuran as iniciativas impulsadas por varios deputados ou deputadas conxuntamente, as cifras varían. O maior número de propostas segue sendo de Meijón, se ben o número de iniciativas publicadas baixa a 70. No caso de Yolanda Díaz o seu rexistro pasa de 14 a 54 e outros compoñentes de En Marea tamén soben notablemente: a voceira, Alexandra Fernández, chega a 45, David Bruzos acada as 36, Miguel Anxo Fernán-Vello ten 32, Ángela Rodríguez acada 29 e Antón Gómez-Reino, 27. No que atinxe a Ciudadanos, a única variación é que Antonio Rodríguez asinou unha emenda a unha proposta doutro grupo xunto a outro deputado de Ciudadanos.

As arredor de duascentas iniciativas presentadas polas deputadas e deputados galegos comparten, así e todo, un risco. Se finalmente non hai pacto de Goberno e, polo tanto, son convocadas novas eleccións xerais para o 26 de xuño, ningunha delas chegará a ter efectos prácticos. Deste xeito, decaerían plans xa aprobados como a esixencia de revisar a prórroga de ENCE ou a comisión de investigación do accidente de Angrois, que previsiblemente recibirá o visto e prace do pleno este mércores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.