Os vindeiros 17 e 18 de novembro cúmprense cen anos da celebración da Asemblea Nacionalista de Lugo organizada polas Irmandades da Fala. “Por tanto este 2018 cúmprense 100 anos da existencia do nacionalismo galego”, sinalan desde a Fundación Galiza Sempre, que en colaboración coa Fundación Moncho Reboiras presentou este martes en Santiago unha serie de catro mesas de debate nas que ao longo dos próximos meses varios expertos internacionais reflexionarán sobre os Dereitos dos Pobos de Europa. Os pobos de Europa e a articulación dos seus dereitos na UE e nos seus Estados membros.
Os encontros estás coordinados academicamente polos profesores Xosé Manuel Carril e Uxío-Breogán Diéguez e contan coa colaboración da Coppieters Foudation, que promove a investigación de políticas sobre os problemas nacionais. A primeira xornada, na que se analizará a cuestión nacional na Europa da primeira metade do século XX, centrada no caso ibérico, terá lugar este xoves, 19 de abril ás 17.30 horas na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e nela participarán os profesores María do Carme García Negro e Uxío-Breogán Diéguez, Giovanni Cattini da Unviersidade de Barcelona e Eduardo Alonso da Universidade do País Vasco.
Expertos internacionais reflexionarán no marco do centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo impulsada polas Irmandades da Fala considerada o comezo do nacionalismo galego
A segunda xornada será o sábado 7 de xullo na Coruña, onde se analizará a articulación dos dereitos dos pobos de Europa no proceso de construción da UE coa presenza de Albert Noguera, profesor de dereito constitucional da Universidade de Valencia, Mikael Bodlore-Penlaez, activista bretón e experto en minorías nacionais, Encarna Otero, historiadora e Luis Gonçales Blasco (“Foz”), “que tivo un papel destacado, en 1972, na asinatura da Carta de Brest entre a UPG, a Unión Democrática Bretona e o Movemento Republicano Irlandés á que se adheriron despois organizacións doutras nacións sen estado de Europa”.
O 25 de xullo, no marco do Festigal, terá lugar a terceira mesa redonda con representantes de forzas políticas das nacións sen estado de Europa, e o ciclo rematará no outono cunha cuarta xornada co título Soberanía: alternativa á ditadura do mercado, con representantes de organizacións sindicais das nacións sen estado de Europa e coa presenza de Jule Goikoetxea, profesora de filosofía da Universidade do País Vasco, e Andrés Piqueras Infante, profesor titular de antropoloxía social e socioloxía social da Universitat Jaume I de Castelló (UJI).
"As reivindicacións dos dereitos dos pobos de Europa están máis vivas que nunca", di Francisco Jorquera
Na presentación destas xornadas este martes en Santiago, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Francisco Jorquera, salientou que “as reivindicacións dos dereitos dos pobos de Europa están máis vivas que nunca” xa que, ao seu ver, “fronte aos tópicos, é precisamente nun mundo globalizado cando a defensa dos dereitos dos pobos cobra máis sentido porque nun mundo globalizado, se non tes un poder político propio, non pintas nada, outros deciden por ti”.