Os ecogaleguistas reparten culpas polo "fracaso" da fronte ampla

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Os ecogaleguistas lamentan que "non se dera unha ampla alianza nacional e democrática", logo de que Compromiso por Galicia non entrase finalmente na coalición Alternativa Galega, que lideran Anova e Esquerda Unida, e asegura que abre agora "un espazo de reflexión" que culminará cunha asemblea convocada para o vindeiro mércores. Espazo Ecosocialista, un dos partidos integrados na formación liderada por Xoán Bascuas, decidirá daquela se aposta pola coalición ou se segue o seu camiño en Compromiso.

Os ecogaleguistas lembran que Acción Galega e Máis Galiza non apostaron nun principio por unirse a EU, o que foi "un grave erro"

Os ecogaleguistas, malia as súas dúbidas do principio, optaran no Consello Político de CxG de hai unha semana por integrarse nesa fronte e apostar así por "unha ampla alianza progresista" baseada "nos principios fundacionais de Compromiso: proxecto dirixido á maioría social, galeguismo como expresión do nacionalismo máis aberto e progresismo inclusivo". Segundo asegura no comunicado o Espazo Ecosocialista, "os outros dous grupos de CxG (Acción Galega e Máis Galiza) non o entenderon así", o que cualifica como "un grave erro".

"As bases de CxG conseguiron, nun exercicio de responsabilidade, que o rexeitamento dun primeiro momento da proposta de unidade electoral  con Anova e EU se aprobara", lembran os ecogaleguistas, que aseguran que "todo facía presupoñer que, aínda que tarde, era posible esa alianza a tres" toda vez que a formació de Beiras e Yolanda Díaz "xa expresaran a súa vontade unitaria ampla".

"Non houbo altura de miras suficiente por parte de Anova, Compromiso e EU"

Para o Espazo Ecosocialista, as culpas están repartidas. Nin máis duns nin doutros. "Consideramos un grave erro non ter tido a altura de miras suficiente por parte de Anova, CxG e EU para conseguir esa alianza que demanda a cidadanía", asegura. Os ecogaleguistas consideran a unión entre o partido que lidera Beiras e Esquerda Unida como "un paso importante na unidade da esquerda e na concentración electoral fronte ao PP e como nova experiencia na procura de superar a división da esquerda nacionalista e non nacionalista", pero considera tamén que "é un fracaso en termos de ofrecer á cidadanía unha alternativa ampla necesaria e crible".

Espazo Ecosocialista decidirá agora se segue en Compromiso ou se aposta por apoiar a coalición de Anova e EU

Do mesmo xeito, os ecogaleguistas din que o debate xurdido nas últimas semanas en Compromiso "puxo de releve dúas concepcións de construción do proxecto: a fundacional da cooperativa política inclusiva situada na esquerda renovadora e a do partido nacional neutro defendida por outros, ambas lexitimas pero desde o noso punto de vista incompatibles". Ademais, aseguran que a súa formación "mantívose con lealdade ata o último momento, mesmo aparcando a posibilidade de participar como un membro da coalición, para facilitar un acordo de incorporación de CxG á alianza ampla que nunca chegou".

Por todo isto, o Espazo Ecosocialista cre que as forzas políticas "deben aínda esforzarse para buscar formulas de encontro da esquerda nacional e do galeguismo político e para acadar espazos nos que superar o sectarismo e a fragmentación". Ademais, anuncia que se dirixirá a outras forzas políticas de esquerda "para coñecer de primeira man cales son as súas visións sobre o que esta a acontecer e de como abordar este período electoral no que a tarefa número un pasa por derrotar á dereita e as súas políticas".

Así, anuncia que "abre un período de reflexión que culminará cunha asemblea extraordinaria, xunto co Consello Aberto (asesor)" na que se tomará a decisión sobre dúas cuestións: "a urxencia electoral de botar o PP e a necesidade de situarse no campo de xogo onde se poida reconstruír a esquerda nacional renovadora".

 

Asemblea constituínte do Espazo Ecosocialista © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.