Os partidos botan a vista a 2015 para coller impulso cara ás municipais do ano próximo

Actos políticos dos principais partidos galegos esta fin de semana Dominio Público Praza Pública

PP, En Marea, BNG e Anova centran nos comicios locais a súa actividade desta fin de semana mentres o PSdeG apoia en Madrid, coa ausencia de Abel Caballero, as novas normas internas do PSOE

O prognóstico que veñen facendo voces de todos os partidos políticos de que 2018 será un longo ano de precampaña cara ás municipais de maio de 2019 está a verse cumprido. As principais formacións con implantación en Galicia están a organizar case cada fin de semana todo tipo de actos de marcado contido local, e nesta varios deles mesmo coincidiron á hora de enfocar as mensaxes que quixeron trasladar á opinión, nas que botaron a vista ao ocorrido nos comicios locais de 2015 para apostar por corrixir ou ratificar os seus resultados. PP, En Marea, BNG e Anova centran nos comicios locais a súa actividade desta fin de semana mentres o PSdeG apoia en Madrid, coa ausencia de Abel Caballero, as novas normas internas do PSOE.

O PP admite que as últimas locais foron “un toque de atención” e centra o seu obxectivo nas cidades

O PP celebrou este sábado na Cidade da Cultura un acto no que reuniu a “máis de mil alcaldes, concelleiros e voceiros municipais” e no que Alberto Núñez Feijóo puxo o foco en cargar contra “as Mareas de Podemos”, salientando así que as cidades, das que só goberna Ourense, son o seu principal obxectivo cara ao ano próximo. “As Mareas de Podemos, co imprescindible apoio dos socialistas e os nacionalistas, conseguiron transformar nun tempo récord a ilusión en decepción, ese será o seu legado”, dixo Feijóo.

O propio partido, na súa nota de prensa sobre o acto, admitiu que “as últimas eleccións municipais foron un toque de atención” e que “moitos quixeron interpretar o que ocorreu en 2015 coma o punto final do PP de Galicia”, para salientar que a formación se recuperou e gañou de xeito sobrado as autonómicas de 2016. “Fronte á Galicia de taifas do PSOE, á Galicia paralizada das Mareas, á Galicia irreal do BNG, e á non-Galicia doutras forzas políticas, nós nunca separamos os pés da terra”, dixo Feijóo.

Feijóo no acto con cargos municipais na Cidade da Cultura [Foto: PP]

Anova aposta polas mareas municipalistas á marxe dos partidos para “outra primavera como a de 2015”

Anova celebrou este sábado en Teo a súa Conferencia Política Nacional baixo o lema “República dos Concellos”. Nela, o seu portavoz nacional, o deputado Antón Sánchez, tamén se referiu ás eleccións municipais de 2015 para reclamar que as forzas de esquerda reediten a súa aposta polas mareas municipalistas á marxe dos partidos para volver a obter “outra primavera” como a de aquel ano. “A primavera rebelde de 2019 debe estar liderada polas mareas municipais, os partidos debemos ser motores auxiliares. Dentro das mareas non debe haber lugar para os protagonismo e intereses de parte. Sería un paso atrás respecto a 2015», dixo Sánchez, para advertir de que “funcionar con lóxicas de coalición ou de parte debilita o espazo de unidade. O protagonismo é o do espazo unitario das mareas municipais. Debe ser a súa xente a que decida, non os partidos».

Conferencia política de Anova en Teo [Foto: Anova]

O BNG quere estender as súas “políticas transformadoras” nos concellos rurais

O BNG celebrou este sábado en Lugo un encontro sobre política municipal en concellos rurais co alcalde de San Sadurniño, Secundino García, como protagonista. Nel abordouse a posible translación a outros concellos de “políticas transformadoras do BNG aplicadas en concellos como Allariz, Ribadeo, A Pobra de Brollón, A Pastoriza, San Sadurniño ou Muras” que segundo García “supuxeron un antes e un despois na vida para as persoas destes concellos”. No encontro tamén se salientou como “exemplo recente das posibilidades da xestión municipal a iniciativa do concello de Muras para que veciñas e veciños se beneficiasen de vivir nun concello cunha grande produción eléctrica nos seus parques eólicos e que agora, grazas á acción política do BNG, reverte na recuperación de parte do importe do recibo eléctrico”.

Acto municipalista do BNG en Lugo [Foto: BNG]

Caballero, principal alcalde do PSOE, queda en Vigo mentres o partido reforma as súas normas internas

Esta fin de semana o foco informativo do PSOE estivo en Madrid, onde o seu Comité Federal, máximo órgano de decisión entre congresos, aprobou unhas novas normas internas que reforzan a dirección de Pedro Sánchez e o poder da militancia sobre os seus baróns rexionais. No encontro participou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o portavoz no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, e outros cargos galegos, pero non o máximo referente da política municipal no partido, o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) Abel Caballero. O rexedor optou por permanecer en Vigo, igual que tampouco acudiron outros baróns territoriais críticos con Sánchez.

Cargos do PSdeG no comité federal do PSOE en Madrid [Foto: @G_Caballero_M]

En Marea debate sobre o seu papel de coordinación e colaboración coas mareas locais

Pola súa parte, En Marea celebrou este domingo unhas xornadas sobre municipalismo repartidas entre Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra. Nelas participaron “máis de 60 mareas e máis de 200 persoas”, segundo a formación, e recolleronse propostas para presentar no plenario que a formación celebrará o 17 de marzo no que se decidirá que papel xogará En Marea nas candidaturas locais do próximo ano. O voceiro de En Marea, Luís Villares, agradeceu ás persoas inscritas o seu “esforzo” por sentar “alicerces para que En Marea teña unha relación cada vez máis fluída e colaborativa coas mareas galegas”. Nesa liña, un dos obxectivos de En Marea é evitar que, a diferenza do que ocorreu en 2015 nalgunhas localidades, non se presenten en cada municipio varias candidaturas de unidade popular que dispersen o voto.

Un dos catro encontros celebrados este domingo por En Marea en Santiago (na imaxe), Lugo, Ourense e Pontevedra [Foto: En Marea]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.