"Os partidos derivan o seu financiamento opaco a un armazón de agrupacións xuvenís e fundacións"

Manifestación ante a sede do Partido Popular en Madrid CC-BY-NC-ND Adolfo Luján

María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, repite decote que as contas do seu partido son "públicas, transparentes e están auditadas". Cada vez que se cuestiona a contabilidade do partido, repite o mesmo lugar común, e engade que a contabilidade está depositada no Tribunal de Contas. O libro Que hacemos con la financiación de los partidos, que vén de publicar Akal, demostra que ningún deles é certo: as contas dos partidos non son nin públicas nin transparentes, nin están correctamente auditadas, e menos polo Tribunal de Contas. Unha ollada á corrupción que se agocha baixo a impunidade que a lexislación actual facilita, e que conclúe cunha proposta por un verdadeiro control democrático e transparente das finanzas dos partidos.

A obra destaca, por exemplo, que a gran maioría dos partidos non presenta axeitadamente as contas das súas corporacións locais. Dos 299,5 millóns recibidos en subvencións en 2008, 63,2 millóns de euros de grupos políticos locais e autonómicos quedaron sen fiscalizar, segundo o Tribunal de Contas, que carece na práctica de mecanismos para facer efectiva esa obriga. Tamén lembra que o control das fundacións e outras organizacións vinculadas resulta moi deficiente. No informe do Tribunal de Contas de 2007 analizáronse por primeira vez as finanzas das fundacións vencelladas aos partidos. Con todo, só as doazóns, un 14% dos seus ingresos, están fiscalizadas. Este informe de 2007 reflectía igualmente que as fundacións reciben dos partidos avais, préstamos, e subvencións para comprar inmobles, que posteriormente ceden para o seu uso aos partidos.

A análise engade que a información sobre o financiamento privado non é publicamente accesible. Realmente, como recoñece a propia institución, o Tribunal de Contas tampouco audita as contas dos partidos (non é algo que entre sequera dentro das súas competencias) e é máis: as principais auditoras privadas negáronse en 2013 a emprestar servizos ao PP, debido ás restricións que lles impuña o partido. Ademais, continúan as condonacións de créditos e non existen institucións eficaces de supervisión e sanción.

O libro está formado por catro textos de Manuel Maroto, Victoria Anderica, o galego Suso Baleato e Miguel Ongil, con quen falamos. Ongil é analista económico, especializado en temas sociais e políticos relacionados coa Unión Europea. Colabora activamente con movementos sociais en España e en toda Europa e promoveu campañas como #CuentasClaras.

Que reformas legais poderían reducir a corrupción en España?

"Trátasenos como cidadáns menores de idade: por exemplo, non se nos permite ver as contas dos partidos e só as coñecemos a través dos lentes de cor de rosa do Tribunal de Contas"

Con esta pregunta poderíase escribir outro libro (ri). É unha cuestión principalmente política pero hai cando menos tres áreas importantes que necesitan reformas legais. Primeiro, hai que acabar coa impunidade: isto inclúe ampliar as prescricións, tipificar delitos coma o financiamento dos partidos, endurecer as inhabilitacións e réxime de incompatibilidades e reformar o indulto. O Goberno debe xustificar cada indulto e débese poder impugnar pero eu prohibiríao en áreas concretas coma os delitos contra a administración e delitos financeiros. Segundo, garantir a independencia da xustiza e órganos de control e dotar estes últimos con plenos poderes de inspección e sanción do poder político.

E terceiro, estender os dereitos cidadáns de vixilancia e control sobre a administración e a política. Trátasenos como cidadáns menores de idade: por exemplo, non se nos permite ver as contas dos partidos e só as coñecemos a través dos lentes de cor de rosa do Tribunal de Contas. Outro exemplo: necesitamos o apoio dun partido para alzar un recurso ao Constitucional. Hai que desintermediar o poder político, o que ten varias implicacións: Garantir a transparencia e dereito ao acceso á información, especialmente en áreas coma a contratación pública. Permitir que os cidadáns presenten denuncias e recursos sen depender do poder político e sen taxas xudiciais. Iso inclúe mecanismos participativos de control e supervisión, incluíndo a posibilidade de revogar mandatos. E unha lei de participación. Canto máis se abre e comparte a decisión política, menos espazo queda para decisións arbitrarias en beneficio particular.

"Canto máis se abre e comparte a decisión política, menos espazo queda para decisións arbitrarias en beneficio particular"

É o financiamento dos partidos o nó gordiano da corrupción no noso país? Como se debería actuar para atallar este problema?

Expós dous problemas fundamentais: a interdependencia actual do poder político e o poder económico e, doutra banda, os límites da actual democracia representativa. É fundamental comprender que nesta área os partidos teñen un conflito de interese inherente como lexisladores e lexislados. Os partidos son incapaces de adoptar as reformas necesarias porque van en contra dos seus propios intereses. É o paradigma do impasse que afecta a todo o sistema político.

Cada reforma do financiamento consagra o principio de "suficiencia financeira" dos partidos, o cal non se pode medir de forma obxectiva. Cada reforma supón unha auténtica amnistía e sempre resulta nunha maior disposición de recursos. Nós queremos falar de "independencia financeira". Se os partidos din representar unha gran masa social, deben financiarse principalmente cos recursos dos seus afiliados, xa sexa en termos de diñeiro, tempo ou traballo. Con todo, se son incapaces de reformase de forma endóxena, este círculo vicioso só se pode romper introducindo a participación cidadá no proceso lexislativo.

"Os partidos son incapaces de adoptar as reformas necesarias porque van en contra dos seus propios intereses. É o paradigma do impasse que afecta a todo o sistema político"

Ademais, é fundamental que os controis cheguen ao nivel local e se estendan a todas as fundacións e asociacións vinculadas. Os partidos non xustifican máis de 60 millóns de agrupacións locais e o Tribunal de Contas non fiscaliza as contas de partidos en municipios de menos de 20.000 habitantes, onde se concentra gran parte da corrupción, sobre todo urbanística. Só unas poucas fundacións entregan as súas contas, pero non son controladas de forma efectiva nin existen mecanismos de sanción. A nosa maior preocupación é que os partidos están derivado o seu financiamento opaco a través deste armazón de asociacións, agrupacións xuvenís e fundacións.

A corrupción deixa a política en mans do poder económico?

Si. As dependencias financeiras dos partidos e o enriquecemento persoal dos corruptos crea dependencias políticas. Se os representantes políticos non obedecen ao interese dos seus representados, senón ao interese económico, prodúcese unha captura da vontade popular. Se non exercen o seu papel de canalizar as preferencias cidadás, ademais, acaban perdendo lexitimidade.

"A nosa maior preocupación é que os partidos están derivado o seu financiamento opaco a través deste armazón de asociacións, agrupacións xuvenís e fundacións"

É un problema de lexislación ou priman máis aspectos sociais, de educación, de mentalidade, de permisividade cara a estas actuacións?

Hai sen dúbida aspectos sociais e debemos esixir unha tolerancia cero coa corrupción a todos os niveis. Doutra banda, se non existen mecanismos efectivos de rendición de contas, nin no interior dos partidos nin no exercicio da función pública, non estamos a falar de permisividade, senón de impunidade. O que non pode ser é que confundamos a responsabilidade política coa responsabilidade legal e que ao final a impunidade xudicial acabe por exonerar a responsabilidade política.

"Mentres que non contemos cun dereito ao acceso á información, non haxa un órgano de control independente e non se amplíe o espectro de documentación esixible non estaremos a falar dunha verdadeira lei de transparencia"

Avanzamos algo coa Lei de Transparencia aprobada este ano ou a norma quedou a medias?

Na miña opinión, o único avance é a publicidade proactiva, é dicir, que as administracións publiquen automaticamente información relevante. Con todo, mentres que non contemos cun dereito ao acceso á información, non haxa un órgano de control independente e non se amplíe o espectro de documentación esixible non estaremos a falar dunha verdadeira lei de transparencia. Por principio creo que só se pode limitar o acceso de información en casos excepcionais, que a carga da xustificación estea de lado da administración e que en calquera caso estea limitada no tempo.

Creceu a corrupción en España ou simplemente saíu máis á luz nos últimos anos?

Creo que había máis corrupción cando había máis diñeiro. Non hai que confundir a corrupción coa percepción da corrupción. A percepción é alarmante pero porque estamos a coñecer agora o que pasou na última década. Agora que se están empobrecendo amplas capas da sociedade, escandalízanos máis que algúns non estean a sufrir os mesmos recortes, e mesmo que haxa quen se está enriquecendo grazas á crise.

"Un día decatarémonos de todo o que está a pasar no banco malo, por pór un exemplo"

A corrupción lastra a recuperación económica e a tan invocada 'marca España' no exterior?

Sen dúbida. É unha indicador clave para quen queira vir facer negocios. E desde logo lastra a imaxe política do noso país no mundo. Con todo, parece que hai certos negocios que semella que se benefician desta corrupción e seguen atraendo fluxos de investimento. Un día decatarémonos de todo o que está a pasar no banco malo, por pór un exemplo. Ademais a corrupción aumenta a desigualdade da repartición de beneficios polo conxunto da sociedade. A longo prazo, unha desigualdade crecente e a consecuente acumulación xogan en contra dunha economía sustentable.

Manifestación ante a sede do Partido Popular en Madrid CC-BY-NC-ND Adolfo Luján

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.