Remata unha campaña electoral que foi gañando en intensidade cara aos últimos dias pero que por momentos adoeceu de tensión e viviu xornadas dunha estraña calma a pesar da transcendencia destes comicios. Boa parte do interese situouse fóra: en primeiro lugar nas dúbidas ao redor de varias das promesas e supostos logros de Alberto Núñez Feijoo, dos contratos de Pemex aos datos do déficit de 2010 e 2011. E en segundo lugar, na posibilidade de que España fose rescatada oficialmente antes dos comicios, opción finalmente sorteada polo Goberno de Rajoy para o alivio dos populares galegos. O rescate chegará probablemente en novembro, e tamén en novembro España vivirá a súa segunda folga xeral do ano. Porque gañe quen gañe o domingo a crise seguirá aí.
Boa parte do interese situouse fóra: en primeiro lugar nas dúbidas ao redor de varias das promesas e supostos logros de Alberto Núñez Feijoo, dos contratos de Pemex aos datos do déficit de 2010 e 2011. E en segundo lugar, na posibilidade de que España fose rescatada oficialmente antes dos comicios
Nesa folga do 14N visibilizarase a unidade de acción da oposición ao Partido Popular en Galicia, plasmada na creación da Alianza Social Galega e que completa un proceso iniciado nas masivas mobilizacións do 19 de xullo. O domingo saberemos se ese proceso de converxencia chegou a tempo para arrebatarlle a maioría absoluta ao PP.
Foi a campaña na que se recuperaron os debates electorais despois de case vinte anos. E así puidemos ver como PSdeG e BNG confrontaban as súas propostas cun Feijoo que non está tan afeito a ter que responder cara a cara da súa acción de goberno. E a pesar de que a campaña viviu momentos de tedio, viuse animada pola irrupción de novos actores, que se engadiron ao tradicional escenario de tres partidos. Con poucos medios, compensados con imaxinación e entusiasmo, Compromiso e Alternativa foron quen de atopar o seu espazo na campaña. Sobre todo a AGE de Beiras que sen dúbida se converteu no gran protagonista da última semana e nalgúns dias converteu o 21-O nun impensable cara a cara entre el e Feijoo.
O PP pechou a campaña en Vigo e Ourense, nuns acto no que se puido ver xuntos, desta vez si, a Feijoo e a Rajoy. O presidente do Goberno salientou que votar o PP "é votar a idea da España que construímos entre todos, integradora, integrada no corazón de todos e no corazón de Europa" .
Compromiso por Galicia pechou a campaña en Ourense cun mitin no que Xoán Bascuas acompañou o cabeza de lista da formación por esta provincia.