Os partidos teñen até o venres que vén para formalizar coalicións electorais

Asistentes ao acto de Anova CC-BY-SA Merixo

Os prazos marcados pola lei para cada un dos trámites previos aos comicios son moi axustados e todas as formacións aceleran os seus procesos, sobre todo no caso daquelas que queiran presentarse conxuntamente con outros partidos. Pode ser o caso de Compromiso por Galicia, Anova ou Esquerda Unida e a súa proposta de fronte de esquerdas. De feito, todos eles levarán a cabo entre esta semana e comezos da que vén unha intensa actividade para valorar a posibilidade de chegar a acordos entre eles ou con outros partidos para presentarse aos comicios. No caso de que decidisen acudir en solitario, o prazo sería máis amplo (até o 17 de setembro), pero a data límite para formalizar coalicións é o venres 7, dez días despois da convocatoria.

Esquerda Unida continuará co calendario de xuntanzas que xa tiña proxectado para valorar a posibilidade de conformar unha fronte de esquerdas e nos vindeiros días reunirase con Ecogaleguistas ou Equo. Porén, a formación que lidera Yolanda Díaz afirmou en varias ocasións que esta fronte non tiña obxectivos electorais, pois sondaxes propias e alleas apuntaban a que EU podería superar por si soa o 5% nas provincias da Coruña e Pontevedra e, polo tanto, obter representación no Parlamento galego. Aínda que manteñen a porta aberta a que esa alianza ampla se concretase antes da semana que vén, sobre todo á espera da resposta de Anova.

Compromiso por Galicia celebrou o luns pola tarde a xuntanza da súa Executiva Nacional, e o sábado reunirá o seu Consello Nacional en Compostela. Esa reunión determinará o procedemento das primarias (en urna, electrónico, en asemblea...), convocará as agrupacións comarcais e decidirá a fórmula para presentarse ás eleccións. Sempre á espera do que decida Anova, aínda os responsables de Compromiso reafírmanse en que os candidatos, ben presentándose en solitario ou ben en coalición con outras forzas, deberán ser elixidos en primarias abertas.

Unha vez que está totalmente descartado que EU e CxG se presenten conxuntamente, Anova é o obxectivo duns e doutros para pechar unha posible coalición. E, sobre todo, a presenza de Beiras, todo un empurrón para calquera cartel electoral. A Permanente da formación asemblearia reunirase este mércores para debater unha proposta de acción de cara ás eleccións, é dicir, de que forma e con quen presentarse, ou ben facelo en solitario. En calquera caso, a decisión final correspóndelle ás asembleas locais e comarcais, que se celebrarán maioritariamente entre o venres e o domingo. A pesar de que a FPG xa valorou positivamente a posibilidade de conformar unha "fronte anticapitalista" con Esquerda Unida, o partido respetará a decisión que adopten maioritariamente as asembleas, o mesmo que o Encontro Irmandiño.

 

Calendario até o 21 de outubro

  • 27 de agosto: Decreto de disolución
  • 28 de agosto: Publicación do decreto da convocatoria no DOG. 
  • 28 de agosto: Ábrese o prazo para solicitar o voto por correo (até o 11 de outubro)
  • 29 de agosto: Ábrese o prazo para formalizar coalicións electorais (até o venres 7 de setembro)
  • 12 de setembro: Ábrese o prazo para a presentación de candidaturas, ben de partidos, coalicións ou agrupacións de electores (até o 17 de setembro)
  • Entre o 22 e 26 de setembro: Sorteo dos membros das mesas electorais
  • 24 de setembro: Proclamación de candidaturas
  • 5 de outubro: Comezo da campaña electoral
  • 11 de outubro: Data límite para solicitar o voto por correo
  • 20 de outubro: Xornadas de reflexión
  • 21 de outubro: Eleccións

 

 

Asistentes ao acto de Anova CC-BY-SA Merixo
Faixa de Esquerda Unida © Susete
Acto de Compromiso por Galicia CC-BY-NC-SA Santi Agra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.