"Consigna sindical", "propaganda", "eslogan", "maniqueísmo", "enfrontamento". Son algúns dos cualificativos que o voceiro do PPdeG en materia laboral, Alberto Sueiro, lle dedicou este martes á convocatoria de folga xeral contra a reforma laboral. A menos de vinte e catro horas do paro convocado pola práctica totalidade das organizacións sindicais a Cámara galega acollía o debate dunha proposición non de lei (PNL) do BNG encamiñada ao rexeitamento da "contrarreforma" do Goberno que dirixe Mariano Rajoy. Na práctica, a proposta tivo a finalidade de forzar os grupos do lexislativo galego a clarificar aínda máis as súas posturas sobre un proxecto que, en verbas do voceiro nacionalista, Henrique Vieitez, foi "asinada en branco" polo Executivo central. "A letra pequena puxéronllela os especuladores, a banca e as grandes empresas", di.
Fronte ao rexeitamento nacionalista os conservadores optaron non só por ratificar que a proposta non tería o seu apoio, senón por descualificar a súa propia presentación. O feito de que xa se tratase a reforma laboral a través dunha iniciativa socialista no pleno anteiror serviulle a Sueiro para concluír que "o debate xa está dado" e, polo tanto, volver abordar a cuestión supón "a utilización impropia da tribuna do Parlamento como altavoz da convocatoria da folga xeral". A esquerda en xeral e o Bloque en particular, acusa, "patrimonializa a defensa das persoas traballadoras e das maiorías sociais" cando, "se alguén está lexitimado para falar no nome das maiorías sociais" en Galicia "é o PP", mantén.
Sueiro coida que a reforma non é "un ataque de clase" porque "non ten nada que ver coa clase"
Con todo, e malia non considerar axeitado tratar a reforma na Cámara galega, o voceiro popular non evitou realizar unha pechada defensa da mesma baseada, esencialmente, en que o PSOE tamén promoveu a súa propia reforma -a cal deu lugar a dúas folgas xerais, unha en todo o Estado e outra só en Galicia-. "Eu non sei quen vai ter a solución, pero o que sei é quen é o responsable da desfeita", asegura Sueiro, nun contexto no que, ademais, asegura que non cabe negociación ningunha sobre a reforma. "Que maior proceso negociador se pretende que as Cortes do Estado?", pregunta.
En calquera caso, para o parlamentario conservador non hai lugar a cuestionamento ningún das novas normas laborais que, ademais, "non son un ataque de clase" porque "non teñen nada que ver coa clase". "Nas actuais circunstancias, a prioridade é a creación de emprego, é unha emerxencia social e para iso hai que modificar o marco legal", argumenta. Iso mesmo fixérono os socialistas, di, e por iso "señor Vieitez -advirte- teña coidado, que é sabido que os conversos son os peores e mañá vai ter que estar a cobadazos [co PSdeG] para termar da pancarta].
Vieitez: "A folga xeral vai ser un éxito aínda que o PP e os empresarios o tenten impedir con ameazas"
Neste contexto, o voceiro socialista no debate, Miguel Ángel Fernández, pregúntase onde queda o PP que, a través de Dolores de Cospedal, se definiu como "partido dos traballadores". Os conservadores, di, "cansaron" de apoiar os traballadores "ao día seguinte de ter unha maioría suficiente para facer a política laboral que querían". "Mañá pode vir un empresario e dicirlle a un traballador de Sarria con dous fillos que en quince días ten que empezar a traballar en Canarias". "Quérennos convencer de que isto é bo para Galicia, para os traballadores e as súas familias?", ilustra.
"Esta reforma o que fai é acabar cos dereitos que tanto lles custaron aos traballadores que se lles recoñecesen", censura Fernández, coincidindo nesta sentido con Vieitez , en cuxa opinión non cabe "negociación de ningún tipo" sobre a reforma, senón, simplemente, a súa retirada. "Entenderán que non sexamos voceiros da CEOE porque, entre outras cousas, non queremos ir a Laponia a traballar", di o deputado do BNG. "O que os grandes banqueiros non son quen de conseguir na mesa de negociación vostedes fano mediante real decreto lei", acusa, e por iso, augura, "a folga xeral vai ser un éxito" aínda que "o PP e os empresarios o estean tentando impedir mediante ameazas".