Os secretarios provinciais do PSdeG inician mandato coa vista posta nas autonómicas

Caamaño, Besteiro, Fernández e Héctor CC-BY-SA Praza Pública

Un dos primeiros deberes que Pachi Vázquez tivo que afrontar como secretario xeral do PSdeG foi adaptar a estrutura do partido á do resto do Estado. Galicia era a única autonomía na que un partido federado ao PSOE non se organizaba de maneira provincial. Así, despois da abrupta perda do Goberno galego en 2009 iniciou o proceso para dotarse de estruturas e de, polo tanto, liderados nas catro provincias. Tras os correspondentes congresos as secretarias provinciais quedaron en mans de Salvador Fernández Moreda, na Coruña, Ricardo Varela, en Lugo, Raúl Fernández, en Ourense, e Modesto Pose, en Pontevedra. Despois do congreso extraordinario do PSOE en Sevilla e tras o duodécimo congreso nacional do PSdeG foi a quenda para renovar por segunda vez as provincias no socialismo galego. Ás portas da precampaña e da campaña das eleccións autonómicas e coa candidatura socialista para as mesmas aínda por decidir só un dos secretarios provinciais repite, o ourensán Raúl Fernández, mentres que as tres restantes direccións foron renovadas con Francisco Caamaño, José Ramón Gómez Besteiro e Santos Héctor á fronte.

Caamaño: "O meu papel vai ser buscar a mellor solución para que os socialistas galegos acadar os mellores resultados e, a poder ser, o Goberno"

Tras estas citas congresuais dun xeito esquemático é posible afirmar que dúas das direccións provinciais, Ourense e A Coruña, por esta orde, quedaron na órbita do secretario xeral, Pachi Vázquez. Outro congreso, o de Lugo -o único cun único candidato-, configurou unha directiva un chisco máis afastada e sensiblemente máis lonxe está a de Pontevedra, baixo o influxo do alcalde vigués, Abel Caballero. Esta correlación de forzas pode ser determinante ou, cando menos, ter un importante peso para o proceso de primarias que a dirección nacional do partido prevé culminar en setembro e nas que aínda é unha incógnita se haberá máis candidaturas que a do propio Vázquez. Neste sentido as olladas siguen pousándose sobre dous dos novos secretarios provinciais: o coruñés Caamaño e o lugués Besteiro.

En conversa con Praza Pública o ex ministro e o presidente da Deputación de Lugo optan pola prudencia, se ben ao seren cuestionados pola posibilidade de encabezaren unha candidatura alternativa non pechan a porta ou, cando menos, non o fan completamente. "O proceso de primarias abrirase no momento oportuno", constata Caamaño, e o seu "papel" no proceso vai ser "buscar a mellor solución para que os socialistas galegos poidamos acadar os mellores resultados e, a poder ser, obter o Goberno da Xunta". "Ese é o meu obxectivo, traballar para que o socialismo galego estea na mellor posición", abonda, nun contexto no que, lembra, no propio congreso provincial se comprometeu a "non tomar nunca en solitario" ningunha decisión sobre as primarias, sexa "apoiar" unha candidatura ou encabezala. El, di, decidirá "escoitando a militancia da provincia" e nunca en clave de "aventuras persoais". Así e todo, no entorno de Pachi Vázquez obsérvase a Caamaño próximo ao secretario xeral e considérase pouco probable que decida optar a ser cartel electoral.

Besteiro cre que "mal secretario provincial sería" se, tras ser elixido, "estivese pensando" nas primarias

Mentres, dende Lugo, Besteiro reflexiona, en declaracións a este diario, que "cando cheguen as primarias este partido saberá facer o que ten que facer", sen "medo a votar" pero, no seu caso particular, "mal secretario provincial sería se estivese pensando noutras cousas", isto é, en dar o salto á política galega. "Fun elixido e estou moi ilusionado co encargo que me fixo o meu partido", di Besteiro, que relega o "debate" das candidaturas ata o momento mesmo da "chegada" dunhas primarias que, en calquera caso, non son en absoluto un "proceso de debilitamento", senón "para fortalecerse". "Outros partidos prefiren a dedocracia", di o lugués, a quen voces internas sitúan nas proximidades do ex ministro de Fomento, José Blanco, pero tamén con boa relación co alcalde da capital da provincia, Xosé López Orozco, quen pola súa banda ten escenificado o seu divorcio político de quen fora número dous de José Luis Rodríguez Zapatero.

Onde non caben dúbidas a respecto do apoio a que Vázquez opte á presidencia da Xunta é na dirección de Ourense, onde o seu líder, Raúl Fernández, coida que o partido ten a "suficiente madurez" como para aparcar as "diferenzas" que puidesen quedar tras o congreso provincial -o deputado Pablo López Vidal encabezou unha candidatura alternativa-, "esforzo" encamiñado a "afrontar as autonómicas con toda a unidade". En calquera caso, explica Fernández, a estrutura da organización ten a "suficiente madurez" dado que "xa no propio período precongresual este congreso se distinguiu pola tranquilidade" e a ausencia de "saídas de ton". O debate, di, mantívose "no ámbito interno, que era o que a militancia quería".

Primeira Executiva nacional do PSdeG tras os congresos CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.