Os sindicatos plantan á Xunta na negociación dos horarios do persoal público

A conselleira de Facenda preséntalles a Lei de Emprego Público aos sindicatos © Conchi Paz

"Non lles imos facilitar a foto". Os sindicatos da función pública -CIG, CCOO, UGT e CSI-F- decidiron non acudir á xuntanza convocada pola Dirección Xeral de Avalación e Reforma Administrativa par este venres para negociar o contido da orde que vai regular a xornada, o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo do persoal ao servizo da Administración autonómica. A orde, que pasou polo Consello da Xunta o pasado xoves a modo de informe, non lles foi remitida ás centrais sindicais, que só están informadas "polo resumo do Consello da Xunta e polo publicado por algúns medios de comunicación.

"A convocatoria entrou nas nosas contas de correo o xoves ás 18 horas sen documentación". "Exactamente o mesmo", din, foi o que aconteceu a pasada semana co anteproxecto de Lei do Emprego Público, presentada aos sindicatos pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz, tamén sen documentación e "dun día para outro, sendo os últimos en ter información". Neste contexto, as catro organizacións sindicais "esixen un mínimo de respecto e boa fe dos responsables políticos da Administración, a nosa patronal, cos representantes dos traballadores e traballadoras".

Os sindicatos só teñe a información "do resumo do Consello da Xunta" e do "publicado por algúns medios"

CIG, CCOO, UGT e CSI-F non van acudir á xuntanza porque "non estamos dispostos a peder o tempo" nun encontro "no que simplemente lle van facilitar un documento aos únicos que non o teñen" que, ademais, terían que "escoitar as xustificacións que nos van soltar e agraciarnos cun prazo para presentar alegacións que nin sequera se van molestar en ler". O Goberno, lamentan, "nin sequera garda as apariencias" e por iso reclaman "unha auténtica negociación, que pasa por que nos faciliten a documentación con tempo dabondo para estudala". "Só asó poderemos albiscar que existe auténtica vontade por chegar a acordos e respecto polos traballadores e traballadoras", conclúen.

A conselleira de Facenda preséntalles a Lei de Emprego Público aos sindicatos © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.