Os socialistas procuran en Galicia receitas para transitar "da austeridade ao crecemento"

Besteiro, cos ex presidentes e os demais participantes na xornada CC-BY-NC-SA PSdeG

"Unha Europa na que o benestar e a competitividade económica sexan compatibles". É a premisa que  a Alianza Progresista dos Socialistas e Demócratas, o grupo no que se inscribe o PSOE no Parlamento Europeo, lanzou este venres en Santiago. Tras anos de crise económica global pero tamén de fonda crise no panorama socialdemócrata o PSdeG exerceu de anfitrión para reflexionar sobre as posibilidades políticas de transitar "da austeridade ao crecemento" e, asemade, desmarcarse das axendas de recortes dos últimos anos, presentadas en clave de reformas que, admiten, "só provocan máis empobrecemento e máis débeda".

Os eurodeputados José Blanco e Jonás Fernández ou o mediático economista José Carlos Díez compartiron protagonismo ao longo dunha xornada na que se deu unha escena practicamente inédita ata hai escaso tempo, como é a participación en primeira liña nun acto de partido dos dous ex presidentes socialistas da Xunta, os tamén economistas Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, xunto ao actual secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro. A de Touriño foi, precisamente, unha das principais voces da primeira quenda de intervencións, cun discurso especialmente crítico coa política económica da actual Xunta. "Con Feijóo, Galicia encabezou as políticas austericidas que nos levan ao desastre", afirma.

Touriño: "Os cidadáns agardan de nós capacidade de liderado"

Neste escenario, o ex presidente coida que os socialistas galegos e españois e os socialdemócratas en xeral deben buscar o seu "propio camiño" no actual panorama político para "conectar coa cidadanía para a resolución dos seus problemas". "Os cidadáns agardan de nós capacidade de liderado", afirma, nun sentido semellante ao expresado por González Laxe, quen coida que a formación debe traballar para poder volver ser alternativa de Goberno no Estado e tamén en Galicia, cuxo futuro económico debe pasar, ao seu xuízo, por "aumentar a conectividade con Europa polo mar".

"Frear a desigualdade"

Tras estas intervencións o líder dos socialistas galegos inscribiu a xornada celebrada na capital nunha aposta por amosar Europa como unha vía de "futuro" fronte "aos que ven Europa como unha escusa de actuación para impoñer a austeridade ou como escusa para ofrecer a súa mensaxe política". O espazo político da Unión Europea, sinala, é o axeitado para un "cambio de rumbo na política económica que abandone o dogma da austeridade". Tamén en Galicia, di, esa é a receita para "frear a vaga de desigualdade e contribuír ao xiro cara ao crecemento".

Besteiro cre "paradoxal" que o incremento da débeda en Galicia non servise "nin para crecer, nin para aforrar"

A xuízo de Besteiro tras máis de media década de crise xa é posible afirmar que a austeridade virou en "falacia", porque ademais de "desigualdade e empobrecemento" tamén trouxo consigo "débeda". No caso galego, subliña, a débeda vén de chegar ao 18% do PIB tras aumentar en máis dun 100% nos anos do Goberno de Feijóo. "Mesmo tomando a débeda para crecer, o paradoxal é que nin se creceu, nin se aforrou", lamenta. Neste escenario, subliña, cómpre lembrar que a situación de crise derivou "dun fallo grave do sector privado" ante o que "a dereita optou por atacar exclusivamente ao sector público", que debe ser "forte" e "eficiente", conclúe.

Besteiro, intervindo xunto a Ramón Jáuregui CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.