Os tratos de 'El Pulpo' do Carballiño coa trama Pokémon

Vista do parque municipal do Carballiño © Concello do Carballiño

O pasado xaneiro o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, sorprendía o país cunha peculiar proposta: íase dirixir á Real Academia Galega para que aceptase como galega a palabra castelá "pulpo" e poder así utilizala como sinónimo do termo galego "polbo" na promoción da festa que a vila ourensá lle dedica a este cefalópodo. O escenario da Festa do Polbo que Marnotes quere que sexa do pulpo "porque aquí sempre foi pulpo" celébrase no parque da vila, un enorme espazo verde de máis de 30 hectáreas que é tamén protagonista da imputación de Marnotes no caso Pokémon. Segundo a xuíza Pilar de Lara o rexedor, fillo do ex alcalde carballiñés Argimiro Marnotes (Coalición Galega) e próximo a Baltar pero ben levado coa dirección galega do partido, puido incorrer en delitos de tráfico de influencias e suborno polos seus tratos cos supostos líderes da presunta trama corrupta, moi interesados no contrato de mantemento do devandito parque e que alcumaron a Marnotes, precisamente, como El Pulpo.

Segundo consta na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo "as relacións entre os responsables do Grupo Véndex" e o alcalde do Carballiño comezan en novembro de 2011, apenas cinco meses despois de que o PP lograra a alcaldía da vila. Nesa data os axentes de Vixilancia Aduaneira "detectan unha xuntanza" de Marnotes con Adrián Cordero, delegado de Véndex en Ourense e José María Tutor, responsable da empresa en toda Galicia. Dende esa data as escoitas telefónicas detectan contactos frecuentes centrados, entre outras cuestións, na elaboración do orzamento para o mantemento do parque que incluiría tamén a limpeza de certas vías.

Vendex traballou de balde no xardín do alcalde

"Para gañar a vontade do alcalde e optar con maiores garantías" ao "futuro concurso" para privatizar a xestión do parque Véndex mandou, segundo a investigación, que empregados da empresa realizasen de balde "varias obras de xardinaría no chalet do alcalde", onde acudiron tres vehículos, dous deles "rotulados co logotipo da empresa Véndex", segundo testemuñaron os axentes que vixilaron a visita. O traballo íase realizar inicialmente nun día, o 27 de febreiro de 2012, pero segundo se tira das intervencións telefónicas, os operarios tiveron que regresar na xornada seguinte porque tiveron que "arranxar un difusor" e Marnotes sinalou que "de paso lle podían cortar a herba". Dende Véndex, di a documentación xudicial, dixéronlle que "non había problema, que total eran cinco minutos máis". Segundo a empresa, o alcalde estaba "empalmado co parque".

"Teño que reservar a pasta xa"

Un día despois de rematar os traballos no xardín do alcalde Cordero e Tutor abordan como marchan as xestións co Concello carballiñés. O rexedor, comentan, urxe a que a empresa lle detalle un orzamento do mantemento do parque para así poder acomodalo nos orzamentos municipais. "Díxome 'mira, o que ti queiras, pero teño que reservar a pasta xa", afirman que reclamou o alcalde, tamén denominado "el del pueblo" pola presunta trama.

Nesta liña, a comezos de marzo os investigadores detectan unha cha mada na que o propio Argimiro Marnotes lle pregunta ao delegado provincial de Véndex "como leva eses números" e "Adrián di que ben, pero que lles falta algún dato que outro" porque "depende da duración coa que se faga o tema", isto é, o contrato. Segundo pasan os días os responsables da empresa semellan ter serias dificultades para ofrecer unha cifra por mor da gran dimensión do posible contrato. O parque, comentan, é "unha salvaxada".

Segundo transcendeu, Marnotes argumentou que pretendía enlear a empresa para que non recorrese a súa decisión de anular o concurso do servizo de ORA

Dous meses despois, e tras barallar a cifra de 300.000 euros, Marnotes por fin recibe unha cifra. En conversa telefónica Tutor ratifica que poden situar como referencia un prezo de 410.000 euros, aínda que "vai ser menos seguro". "Se lle baixamos poderíamos baixalo corenta ou cincuenta mil euros, pero é unha tolería agora mesmo", afirma. Ao coñecer a proposta Marnotes explica que "agora teño que xuntar os cartos de onde sexa". "A ver que carallo dou feito eu a xa vos pego unha chamada", resume.

En marzo de 2013 Marnotes compareceu ante De Lara en calidade de imputado e declarouse "tranquilo" ante os que puidera suceder. Segundo transcendeu, admitiu que Véndex traballara no seu xardín e que non pagara os arranxos, pero porque foran defectuosos. Ademais, o argumentario do alcalde basearíase en que os seus tratos coa trama consistían en enlear os responsables da empresa aínda que non prevía darlles o contrato a dedo. O que pretendía, disque asegurou, era enlealos para que non presentasen un recurso contra a súa decisión de anular a contratación do servizo municipal de ORA, que comezara a tramitar o anterior goberno municipal, do PSdeG, e para o que Véndex era a única candidata despois de que outra empresa se tivese que retirar por defectos na súa proposta.

Marnotes, entre Baltar e Feijóo nun mitin das municipais © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.