O actual mandato na Deputación de Lugo comezou marcado pola sesión de investidura na que o alcalde de Becerreá, o histórico militante do PSOE Manuel Martínez, dera o goberno da institución ao PP como vinganza contra o seu partido pola negativa a que fose candidato á presidencia pola negativa do BNG a investilo -o Bloque negárase porque Martínez estaba imputado a causa da denuncia dun alcalde do PP, xa arquivada-. O goberno dos populares durou apenas catro meses e o rexedor becerrense iniciou unha senda de entendemento co grupo de goberno que o levou á vicepresidencia do ente provincial e tamén á presidencia da sociedade urbanística provincial Suplusa.
Se chegasen a sumarse os dous salarios dependentes da Deputación á remuneración como alcalde o rexedor becerrense percibiría 163.219 euros anuais, se ben dende o goberno provincial avanzan que os Orzamentos de 2019 non incluirán estas partidas
Aspectos concretos da xestión de Suplusa -reclamou, por exemplo, que esta sociedade xestionase as residencias de maiores que impulsa a Deputación- estiveron na cerna dunha nova serie de desencontros de Martínez cos seus compañeiros socialistas. O rexedor de Becerreá volveu votar co PP e o PSOE iniciou un novo procedemento de expulsión, mentres que el ratificaba tamén a súa marcha do partido, a súa permanencia na Deputación como deputado non adscrito e mais a súa vontade de concorrer ás eleccións municipais de 2019 como candidato independente.
Este é o pano de fondo co que quen durante lustros foi rostro da oposición ao PP lucense en tempos de Francisco Cacharro Pardo vén de ver a porta aberta a chegar a cobrar o duplo que o presidente da Xunta grazas aos votos, precisamente, dos populares. A pasada primavera, cando foi destituído como vicepresidente da Deputación, o Concello de Becerreá ratificaba un soldo para o seu alcalde por 40.804 euros anuais en concepto de dedicación exclusiva, que entrou en vigor en abril. En setembro deste mesmo ano Martínez formulou unha moción no pleno da Deputación para que o ente provincial o dotase "dunha dedicación exclusiva" como deputado non adscrito, o que equivale a 50.567 euros anuais.
Martínez, votando co PP nun pleno da Deputación de Lugo / Praza Pública
Con este pano de fondo este mesmo luns Suplusa celebraba o seu consello de administración, presidido por Martínez e coa presenza dos deputados do PP -os membros de PSdeG e BNG non participan deste órgano porque defenden que, tras última modificación estatutaria, o seu funcionamento é irregular e impulsan nos xulgados que a sociedade sexa disolta-. Tiña sobre a mesa o plan de actuación e investimento para 2019, que inclúe unha dotación de 71.848 euros en concepto de "persoal órganos de goberno", isto é, de soldo para o seu presidente. A suma da retribución do Concello e das dúas da Deputación, estas apoiadas polo PP, chegaría daquela aos 163.219 euros. Ou, o que é o mesmo, algo máis do duplo do que cobra o presidente da Xunta, cuxa retribución actual é de 80.818,23 euros anuais entre salario bruto (74.599,62 euros) e trienios como funcionario.
Dende o goberno que preside o socialista Darío Campos non se oculta o malestar cos votos a prol do PP a estas substanciosas retribucións para Martínez, se ben lembran que as dúas dependentes da Deputación -como deputado non adscrito e como presidente de Suplusa- dependen da inclusión das correspondentes partidas nos Orzamentos provinciais para 2019. E isto, avanzan, non sucederá. Mentres, dende o PP sinalouse que o acordo adoptado no consello de Suplusa entra dentro da legalidade. A súa voceira, Elena Candia, resaltou ademais que o orzamento aprobado inclúe proxectos relevantes para a formación, como os relativos a polígonos industriais.