Ourense, centro da política galega a un mes das eleccións

Hoxe quedou claro que non veremos moitas veces xuntos a Rajoy e Feijóo na campaña © PP

Ourense converteuse esta semana no centro da política española e por suposto galega. A detención do alcalde da cidade, os movementos do partido de Mario Conde na provincia ou os millonarios investimentos da Xunta a última hora puxeron Ourense no centro da actividade dos partidos esta fin de semana. Rajoy e Jorquera celebraron actos na cidade das Burgas este sábado, mentres que Pachi Vázquez estivo o venres. O alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, pasou toda a mañá do sábado declarando nos xulgados de Lugo. A esa mesma hora varios centos de persoas convocadas por twitter e a través das bases do PSdeG-PSOE na cidade concentráronse na Praza Maior en apoio do rexedor.

Mariano Rajoy estivo en Ourense, nun acto con militantes do PP na provincia, no que estivo acompañado de Manuel Baltar pero non de Alberto Núñez Feijoo. E é que á mesma hora Feijoo celebraba un acto na Coruña para presentar os candidatos do seu partido na provincia, e lonxe do presidente do Goberno central, co que parece non querer coincidir nesta campaña, consciente de que Rajoy é hoxe máis un lastre que un apoio. 

O propio Rajoy parece ser tamén consciente diso. E de feito causou moita polémica que a convocatoria vía SMS para o mitin no Hotel Auriense de Ourense incluíse a recomendación de evitar "alertar a persoas que poidan boicotear o acto". Os xornalistas tamén denuncian que non tiveron acceso directo ao discurso e foron recluídos nunha sala de prensa. Se cadra estas precaucións estaban motivadas polas protestas que o venres recibiron a Feijoo na cidade das Burgas: afectados polas preferentes, empregadas e empregados públicos, dependentes, pensionistas e parados concentráronse ante a visita do presidente da Xunta.

O PP parece darlle unha grande importancia aos votos de Ourense nestas eleccións, ameazados pola presenza de novos competidores no centro e na dereita e tamén na aparente desafección entre algúns sectores populares, molestos por un suposto maltrato á provincia por parte da Xunta nos últimos tres anos. Non parece casual neste senso que o Consello da Xunta deste xoves se centrase de forma case monotemática en actuacións e proxectos en Ourense. Á cabeza estivo un informe sobre a licitación das obras do bloque de hospitalización do hospital da capital, isto é, un documento sen valor legal ningún que lle permite ao Executivo colocar na axenda informativa do día un proxecto determinado.

Non parece casual neste senso que o Consello da Xunta deste xoves se centrase de forma case monotemática en actuacións e proxectos en Ourense

Na súa intervención Rajoy centrouse en dúas grandes ideas. A primeira, o perigo que ao seu xuizo supón para Galicia unha oposición formada "pola suma de mil partidos mal avenidos e produto das decisións duns e outros" e cuxo "único punto programático é que non Goberne o PP". Rajoy concluíu que "Galicia non merece ese espectáculo e esa chapuza". A segunda grande mensaxe estaba dirixida a enxalzar o labor dos militantes do partido: "os xenerais son moi importantes, pero sen tropa non se pode facer nada", animando as bases do PP en Ourense a mobilizarse en apoio de Núñez Feijoo.

Rajoy quixo mobilizar os militantes do PP de Ourense "os xenerais son moi importantes, pero sen tropa non se pode facer nada"

Na Coruña, Feijoo centraba o seu discurso en que o PP representa a "estabilidade" fronte ás divisións "dos partidos que se presentan contra o PP". O popular tamén se referiu a algúns dos candidatos opositores e por exemplo dixo de Pachi Vázquez que é candidato do PSdeG só "porque as eleccións se lles botaron enriba ao seu partido". De Jorquera afirmou que "os galegos o coñecen menos que a Durán i Lleida; e por último cualificou a Beiras, como "prehistórico político con zapatos novos".

Hoxe quedou claro que non veremos moitas veces xuntos a Rajoy e Feijóo na campaña © PP
Concentración en Ourense en apoio de Francisco Rodriguez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.