Ourense procura unha alternativa tras catro anos de convulsión

Praza Maior de Ourense CC-BY darioalvarez de Celanova

Ourense afronta o vindeiro domingo unhas eleccións municipais que prometen aínda un consistorio con máis partidos e máis fragmentado do que o está agora. A presumible irrupción de Ourense en Común, a consolidación de Democracia Ourensana, as forzas do bipartito, a presenza do BNG e mesmo a posible entrada doutras formacións fan prever a necesidade de pactos nunha cidade que viviu, xunto con Compostela, os catro anos de goberno municipal máis convulsos da Galicia urbana

Ourense viviu, xunto con Compostela, os catro anos de goberno municipal  máis convulsos da Galicia urbana

Hai agora catro anos, Francisco Rodríguez converteuse en Ourense no candidato socialista de todo o Estado que máis aumentou a súa representación nun concello. Pasou dos oito concelleiros que tiña -e que lle permitiron gobernar a cidade os catro anos anteriores co apoio do BNG- a 11. A tan só cincocentos votos do PP, empatou coa formación conservadora en número de escanos e pactou co BNG para reeditar un acordo que mantivo un goberno de progreso na urbe. Era o segundo consecutivo encabezado polo PSOE tras os tres anteriores do popular Manuel Cabezas. 

Pero pouco durou a tranquilidade. En setembro de 2012, Francisco Rodríguez é detido no marco da operación Pokémon por un presunto delito de tráfico de influencias, alzamento de bens e branqueo de capitais. Sete días máis tarde anuncia a súa dimisión como rexedor e é expulsado do partido. O concelleiro do PSdeG, Agustín Fernández, consegue o apoio dos tres edís do BNG e ocupa a alcaldía. 

O alcalde socialista Francisco Rodríguez foi detido no marco da operación 'Pokémon' substituíuno Agustín Fernández

Menos dun ano despois de que Rodríguez fora detido, os presuntos pagamentos con fondos públicos de celebracións e facturas privadas provocan maís balbordo aínda no pleno municipal. O BNG afástase do alcalde socialista, que é reprobado polos outros tres grupos (PP, Bloque e Democracia Ourensana), que o acusan de situar a cidade no "desgoberno". Entre leas e conflitos varios, o alcalde acaba anunciando que non será candidato e que regresará ao seu traballo na Axencia Tributaria tras as vindeiras eleccións municipais. En xaneiro fora desimputado de varias causas, pero os problemas volven cando a Fiscalía decide que tanto el como o actual candidato, José Ángel Vázquez Barquero, deben declarar como imputados por un presunto enchufe dunha dirixente socialista. Trátase de Carmen Rodríguez, secretaria do PSOE local e número dous da actual lista, que fora nomeada directora xeral de Persoal, un nomeamento anulado logo polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Barquero é agora o candidato socialista malia estar imputado e asegurar que abandonaría se era chamado a declarar

"Pesan máis as responsabilidades asumidas co partido e os integrantes da lista que a coherencia do que dixen no seu momento", xustificou Vázquez Barquero, que anunciara que non levaría imputados nas listas e que dimitiría se el era chamado a declarar. Asegurárao logo de derrotar nas primarias a candidato a alcalde polo PSdeG a Pachi Vázquez, nunha contenda que escenificou tamén a división no socialismo ourensán que xa se amosara nos últimos anos. 

Ante esta fragmentación e como capital de provincia dominada polo baltarismo, o que fora conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, aterrou en Ourense para intentar recuperar o goberno local para os populares, que nese territorio non se libran, nin moito menos, das sospeitas da Pokémon. A xuíza De Lara detectou sobresoldos no PP de Ourense e atribuíunos á caixa B da formación. De Lara reclamou formalmente a contabilidade dos conservadores, baseándose nos documentos achegados polo ex xerente, e cifra en máis de 200.000 euros o fluxo de diñeiro ilegal entre 2007 e 2009. 

A xuíza De Lara sinalou o candidato popular, Jesús Vázquez, ao investigar os seus datos fiscais; tamén detectou sobresoldos en B no PP provincial

Mesmo o candidato popular na cidade, Jesús Vázquez, quedou sinalado. A maxistrada decidiu investigar os seus datos fiscais. Un informe de Vixilancia Aduaneira incluído no sumario da Pokémon indica que o actual alcaldable do PP en Ourense intermediou ante Julio Flores, tenente de alcalde na Coruña, para procurar un posto de socorrista para a filla dun "gran defensor" do partido. A persoa recomendada logrou o traballo.

Así, e mentres os dous grandes partidos se arrodeaban de sospeitas de corrupción, Ourense viviu tamén o auxe das mareas. A plataforma cidadá Ourense en Común foi durante meses un referente na confluencia, conseguindo o apoio e a colaboración de varias formacións políticas, entre elas Podemos, EU, Anova ou Compromiso por Galicia. Pero chegaron as primarias. O candidato de CxG neste proceso resultou ser o máis votado, pero entre acusación de múltiples irregularidades e mesmo de carretaxe. Máis de 1.500 persoas participaron nestas primeiras votacións e incluso o alcalde do PP da Peroxa recoñeceu que participara. 

As primarias de Ourense en Común esfarelaron unha plataforma que ía camiño dunha gran confluencia

As primarias abríronse tanto -sen esixencia de sinatura de manifesto ningún e nin tan sequera de residencia na cidade- que acabaron sendo un fracaso. CxG abandonou o apoio a Ourense en Común, ao igual que Anova. Podemos retirou tamén o seu apoio oficial e explícito, ao non cumprírense as condicións esixidas para participar nestes procesos cidadáns, aínda que moitos dos seus membros manteñen a colaboración. Malia todo, as enquisas danlle varios representantes a unha plataforma liderada polo líder veciñal Miguel Doval que podería ser clave nunha posible coalición progresista xunto ao BNG. A formación nacionalista, que alcanzou en Ourense un masivo apoio na última década en varias convocatorias locais, mantén a súa aposta pola política social e a súa implicación clara e visible contra casos como os desafiuzamentos, que afectaron tamén a cidade. Os inquéritos prevén que perda algún apoio, pero o Bloque confía no aval entre a veciñanza do que considera un bo traballo na cidade. 

O PP, preto da maioría absoluta, confía no "desgoberno" que atribúe ao PSOE para alcanzar unha alcaldía que perdeu hai oito anos. Será un panorama fragmentado, moi posiblemente con necesidade de pactos. Unha lexislatura municipal que os ourensáns agardan que, cando menos, sexa menos convulsa. O PXOM inacabable, o termalismo e o benestar social son as prioridades que marcan todos os candidatos. Iso é o que manifestaron nos debates. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.