Outra enorme manifestación presiona a Mas para que "poña as urnas" en Cataluña

Manifestación a prol da consulta pola Diada en Barcelona © Edu Bayer

Un V xigantesco. E unha Diada que volve bater marcas de mobilización. Unha enorme manifestación encheu este 11 de setembro as rúas de Barcelona formando unha b baixa -así se di en catalán- para reivindicar o dereito do pobo catalán a votar na consulta que o seu Parlament acordou para o vindeiro 9 de novembro. Foi unha nova mostra de forza do soberanismo e un novo e poderoso argumento para as organizacións políticas que maioritariamente reivindican o referendo. Pero tamén unha presión para o Govern de Artur Mas, encirrado agora por unha enorme marea que lle pide que non se deteña e que continúe adiante. Poden sacar peito.

O apoio á consulta volveu amosar a súa forza; a Guàrdia Urbana fala de 1,8 millóns de persoas e o Goberno central de arredor de medio millón

Senyeres, estelades e camisolas vermellas e amarelas foron as protagonistas dun V xigante que superou as inscricións da exitosa cadea humana do ano pasado. En números reais, semella que a cifra tampouco foi menor. Chegados de todas partes de Cataluña, foron milleiros os que ateigaron as rúas. Máis de 1.500 autocares e uns 100.000 coches privados, segundo os organizadores, viaxaron ata a capital catalá. Entre todos eles e os propios barceloneses, encheuse a Diagonal e a Gran Via de les Corts Catalanes, con vértice na plaza Glòries. 200.000 metros cadrados. Once quilómetros. A Guárdia Urbana de Barcelona falou de 1,8 millóns de persoas, que tería superado o 1,6 da Via Catalana do ano pasado. A Delegación do Goberno fala, pola contra, de entre 470.000 e 520.000 persoas, o que equivalería a que menos persoas das inscritas terían acudido á marcha.

Ás 17:14, en referencia ao ano 1714, e formada xa o V, unha moza que cumpre 16 anos o vindeiro 9 de novembro depositou un voto nunha urna mentres se despregaba unha pancarta co lema 9N Votarem. 9N Guanyarem (9N Votaremos. 9N Gañaremos). O V de gañar e de vencer, explicaron os organizadores.

"Hoxe enchemos as rúas e o 9-N encheremos as urnas", asegura a ANC, que pide a Mas e ao Govern "que poña as urnas"

"Conseguímolo, hoxe enchemos as rúas e o 9-N encheremos as urnas", dixo Carme Forcarell, presidenta da Assemblea Nacional Catalana (ANC), que asegurou que o pobo fixo "un V de vontade" que será "un V de vitoria" na consulta convocada. "Decidiremos en paz se queremos seguir sendo parte do Estado español ou un Estado soberano; o seny dinos agora que cómpre cambiar e votaremos porque somos cidadáns e non súbditos", engadiu a voceira, que apostou claramente pola "independencia" e chamou a "voluntarios" para levar a cabo o referendo.

"Pedimos aos nosos representantes políticos que deixen a un lado os intereses de partido e que actúen de acordo coa transcendencia histórica do momento que estamos a vivir", insistiu a líder da ANC, que pediu aos políticos "que sexan dignos do pobo que os votou". "Non chegamos aquí para botarnos atrás, senón que chegaremos ao final", insistiu Forcarell, que foi ben clara ao solicitar "ao Parlament, o Govern e o president" que "poña as urnas" o vindeiro 9 de novembro.

"Foi un éxito rotundo", asegurou tamén á TV3 Carme Forcarell, que cre que "non cómpre dar cifras porque as imaxes falan por si soas". "Votaremos porque empezaremos a construír un país", insistiu Ómnium Cultural, que xunto a ANC lanzou unha nova mensaxe a Artur Mas: "Xa sabe o que quere a cidadanía, que é votar; e non o sabe só el, senón todo o país".

É a cuarta gran manifestación soberanista desde a que protestara contra a sentenza do Estatut en xullo de 2010

A deste xoves foi a cuarta gran manifestación soberanista en Cataluña desde que o 10 de xullo de 2010 se enchesen tamén as rúas contra a sentenza do Estatut. Foi aquilo o xermolo do que agora se denomina "proceso catalán". Na Diada de 2012 a masiva mobilización convocada pola ANC sorprendeu a moitos, pero xa non tanto a cadea humana de hai un ano, que teimou na forza de apoio a unha consulta. O obxectivo dos organizadores -a ANC de novo e o Ómnium Cultural- é que esta marcha sexa a "definitiva". A que force o Govern a continuar adiante co referendo malia o recurso constitucional á lei de consultas catalá que xa anuncia o Estado e a negativa tanto do Executivo como dos dous grandes partidos, o PSOE e o PP.

Presenza galega na V catalá da última Diada Dominio Público Praza Pública
Manifestación a prol da consulta pola Diada en Barcelona Dominio Público @araeslhora
Manifestación de apoio a Cataluña, este 11-S en Compostela Dominio Público @frentepg

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.