Pablo Crespo e o financiamento do PPdeG volven cruzarse no camiño de Feijóo en pleno debate sobre a sucesión de Rajoy

Pablo Crespo, declarando no xuízo da Gürtel CC-BY-SA eldiario.es

“Cando asumín a presidencia do partido esta persoa non traballaba no partido”. Con ese argumento, que vén repetido desde hai unha década, o presidente do PP galego e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quitouse de enriba este xoves a pregunta que se lle formulou sobre a ameaza do ex-número 3 do PPdeG, Pablo Crespo, de desvelar supostas probas do uso de diñeiro negro no partido non só en Valencia, onde está ser xulgado estes días polo caso Gürtel, senón tamén en Galicia. En pleno debate sobre a sucesión do presidente do Goberno central e do PP, Mariano Rajoy, para a que é un dos mellor colocados, nada dixo de novo Feijóo, como adoita, sobre o feito de que el mesmo, sendo conselleiro de Política Territorial de Manuel Fraga, mantivese a Crespo como conselleiro de Portos de Galicia desde a súa chegada ao cargo a comezos de 2003 ata que os dous foron relevados polo bipartito en 2005.

O presidente obvia a ameaza de desvelar probas do uso de diñeiro negro lanzada polo ex-número 3 do partido en Galicia, a quen Feijóo mantivo dous anos en Portos de Galicia

Foi precisamente durante a campaña electoral autonómica de 2009 que levou a Feijóo á presidencia da Xunta cando saltou á luz o caso Gürtel e se soubo da implicación nel de Crespo, secretario de Organización do PP galego ata 2003. Daquela como agora, Feijóo evitou dar explicacións sobre a permanencia de Crespo no consello de administración de Portos de Galicia durante os dous anos en que el foi o conselleiro responsable de nomear os responsables dese ente público.

Este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, a Feijóo preguntóuselle pola advertencia lanzada por Crespo de que “utilizará se necesita” no xuízo da Gürtel as supostas probas que manexa do uso de diñeiro negro no PP galego e non só no valenciano. A súa resposta: “Levan dez anos preguntándome distintos xornalistas en relación coa Gürtel e levo dez anos dicindo o mesmo, que cando asumín a presidencia do partido esta persoa non traballaba no partido e en consecuencia estou convencido de que calquera verdade xudicial que se esclareza será mellor para todos, pero o que lle podo trasladar é que, cando asumín a presidencia do partido, levaba varios anos esta persoa sen traballar dentro do PP de Galicia”.

Crespo, acusado dunha lista interminable de delitos e condenado por varios como un dos xefes de Gürtel, desvelou os segredos económicos do PP de Fraga en 2013 a Jordi Évole no programa Salvados: "Declarabamos que nas campañas se gastaban 1,2 millóns de euros, cando en realidade custaban tres ou catro. Recibía doazóns que non se declaraban. Cada ano, polo menos uns 300.000 euros, o cal se incrementaba moitísimo en campaña. Entre un 35% do diñeiro era regular e o 65% era irregular, non declarado, por así dicilo. Metíase nuns cartafois de cartón azul con gomas que había hai anos. Era diñeiro non declarado. Era parte do meu traballo, eu tiña que coidar que esas doazóns que chegaban non se perdesen polo camiño. A organización por dentro funcionaba así e até hai pouco seguía facéndoo. O meu traballo era conservar a estrutura aboiando, que a xente cobrase a fin de mes e os provedores cobrasen a fin de mes. Eu era consciente de que eran métodos irregulares".

Feijóo di que Rajoy está lexitimado para volverse presentar como mellor líder actual "de proxección nacional", en comparación cos de PSOE, Podemos e Ciudadanos, e engade que "queda moito tempo" para o momento en que "toque" formalizar esa candidatura

A ameaza que supón a figura de Pablo Crespo volve cruzarse no camiño de Feijóo en pleno debate sobre a sucesión de Mariano Rajoy, que este mércores el mesmo tentou frear dicindo que está disposto a volverse presentar ás próximas eleccións xerais. Un día despois, e preguntado por esa cuestión, Feijóo dixo que Rajoy está lexitimado para volverse presentar e que actualmente é o mellor líder “de proxección nacional” en comparación cos de PSOE, Ciudadanos e Podemos. Tamén dixo que “queda moito tempo” para o momento en que se concretarán as candidaturas e Rajoy confirme esa a súa intención de volverse presentar, que formalizará “cando toque”.

Feijóo este xoves na súa rolda de prensa semanal Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.