Pachi Vázquez, á procura dunha fórmula para ir ás primarias sen agardar por Ferraz

Vázquez intervén ante o Comité Nacional CC-BY-NC-SA PSdeG

O debate pasa do "que" ao "cando". Malia ir contra o aprobado no Congreso Federal de Sevillla a dirección do PSOE vén de asumir que as eleccións primarias, isto é, a votación de toda a militancia, será o sistema que de agora en diante empreguen para renovar liderados internos e non só para escoller candidaturas electorais. A cúpula do PSdeG le este cambio de rumbo en clave de triunfo, toda vez que despois de varios meses reclamando primarias para o partido en Galicia agora o equipo de Rubalcaba anúnciaas para todo o Estado. Pero a cuestión é o tempo: a Executiva que dirixe Pachi Vázquez di non estar disposta a agardar a que as primarias sexan encaixas nas normas internas a través dun cambio de estatutos e os seus críticos, tampouco.

Vázquez recibe a nova con "satisfacción" pero isto, afirma, non cambia a súa intención de acudir ao Comité Nacional deste venres cunha proposta pechada de calendario para consultarlle á militancia polo nome da persoa que debe encabezar a formación. "En ningún caso", asegura, esa consulta terá que agardar polo Comité Federal de xullo ou pola conferencia política que o PSOE celebrará no outono, como sinala o secretario de organización, Óscar López. Para Vázquez o feito de que "Madrid", en referencia á dirección federal, amose "simpatías cara á proposta galega" fai que sexa "obrigado sentar e buscar fórmulas que nso dean solvencia e garantías para que Galicia sexa a primeira" en elixir secretario ou secretaria en primarias.

Vázquez asegura que a consulta galega será "extraordinaria" e por iso se poderá celebrar antes do cambio de estatutos

"Estamos moi cerca de que isto se faga de acordo coa executiva federal", asegura o do Carballiño, quen non obstante mantén que a consulta galega terá "carácter excepcional" o cal, asegura, lle permitirá non ter que cumprir o roteiro marcado este xoves por López. En caso de ter que asumir ese calendario sería máis que probable que a consulta galega e o Congreso Nacional non puidese celebrarse ata finais de 2013 ou mesmo ata comezos de 2014, algo que a actual dirección di non estar disposta a asumir e que os aspirantes a encabezar o partido tampouco comparten.

Puentes e Besteiro coinciden na necesidade de non adiar o proceso

Neste contexto, o ata agora único candidato á secretaría xeral, José Ramón Gómez Besteiro, realiza unha chamada á "responsabilidade e ao compromiso coa cidadanía" para que o proceso congresual non se estenda máis do previsto. "Galicia non pode esperar máis por un novo proxecto progresista" e por iso, ademais de considerar "unha boa nova" que o PSOE asuma "a proposta de elixir os secretarios xerais por primarias", confía que "en Galicia se chegue a un acordo bo para todos canto antes para traballar e construír un partido máis aberto e que sexa o referente da xente progresista", sinalou nun encontro con militantes en Vilagarcía.

Tampouco o portavoz nacional de Novo Socialismo Galego, Iván Puentes, considera axeitado adiar a renovación. "Pode o PSdeG seguir agoniando ata 2014 e adiar ata entón o Congreso do que terá que saír o novo partido e o novo proxecto? Eu creo que non", sinala. Así as cousas, resta saber cal será o calendario que saia do Comité Nacional, convocado para o serán do venres en Compostela e que, a priori, debera deixar convocada a data non só da consulta, senón tameń do propio Congreso.

 

Vázquez intervén ante o Comité Nacional CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.