Pachi Vázquez acusa a Feijóo de "avalar" uns Orzamentos que provocarán "un abismo social"

Pachi Vázquez, candidato do PSdeG á Xunta CC-BY-NC-SA PSdeG

Pachi Vázquez cre que os Orzamentos Xerais do Estado presentados este sábado "confirman" que España vai "camiño dun segundo rescate". O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta cre que esta futura petición de rescate foi o que levou o xefe do Executivo galego a adiantar as eleccións, xa que el é ademais "un avalista" dusn presupostos que conducen "a un abismo social".

Nunha visita a Bueu, Pachi Vázquez propuxo unha alternativa similar á do Goberno francés facendo recaer o custo da crise nos que máis teñen". Para o candidato socialista, os Presupostos anuncian "máis paro, máis recesión e  menos consumo", xa que renuncian á recuperación do emprego e "confirman a destrución dos dereitos sociais", conducindo o Estado á situación de "Grecia e Portugal".

"Confirman que adiantaron as eleccións para que a xente non soubese que imos camiño dun rescate", engadiu, tras aclarar que o Goberno tamén pretende "retirar aos pensionistas un 3% de poder adquisitivo e privatizar a sanidade". Fronte á actitude de Feijóo, que "engana e mente", o socialista asumiu o compromiso de "dicir a Galicia a verdade".

Precisamente por isto, Vázquez citou "o escándalo do caso Pemex" e a auditoría "que supostamente avalaba a viabilidade da fusión de Caixa Galicia e Caixanova". "Agora resulta que haberá que pór 10.000 millóns", dixo, en alusión á suma das axudas xa recibidas e as actuais necesidades de capital da entidade nada desa integración.

Pachi Vázquez, candidato do PSdeG á Xunta CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.