Pachi Vázquez aposta por unha reforma profunda dun PSdeG para o que pide "un trato diferenciado" no PSOE

Pachi Vázquez, durante o seu discurso no Comité Nacional © PSdeG

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, abriu este domingo a porta a que se celebre un congreso ordinario para que a reforma do PSdeG sexa máis profunda, participativa e transparente, tal e como pediron algúns dirixentes o sábado no Comité Nacional. Así o dixo no peche do cónclave e no que foi trasladada esta postura na intervención dos delegados e delegadas socialistas, entre eles Ceferino Díaz.

"O próximo congreso debe renovar persoas e proxecto para non só cambiar a tripulación, senón facer un barco novo"

Pachi Vázquez apostou por que o próximo congreso do partido “renove persoas e proxecto” para “non só cambiar a tripulación, senón facer un barco novo”. Así o dixo no peche do Comité Nacional Galego celebrado onte en Santiago durante 14 horas no que a folla de ruta ata o Congreso de 2013 marcada pola dirección do partido foi avalada pola inmensa maioría dos delegados e delegadas.

O PSdeG pedirá un “trato diferenciado” para o PSdeG na estrutura federal do socialismo

Xa que o congreso ordinario non correspondería ata dentro de catro anos, pero sería necesario para acometer unha renovación profunda, foi polo que o secretario xeral defendeu "un itinerario propio do PSdeG-PSOE dentro do PSOE federal amparándose na condición de comunidade histórica de Galicia, xunto con Cataluña e Euskadi". "En calquera caso, Galicia determinará un itinerario propio logo de escoitar ao próximo Comité Federal, que terá lugar o 15 de decembro, e de fixar o calendario para as conferencias política e de organización", di o comunicado.

Así, Pachi Vázquez avogou pola renovación de persoas e proxectos logo de que durante o debate fora demandada a celebración dun congreso ordinario en lugar de extraordinario. A diferenza baséase en que un congreso extraordinario tan só renovaría a dirección, mentres un Congreso ordinario, ademais de cambiar a dirección inclúe un documento político cun proxecto novo para renovar persoas, ideas, proxectos e programas.

"Precisamos darlle a volta ao PSdeG como a un calcetín"

Dixo que o PSdeG "necesita algo máis parecido a un congreso ordinario que a un extraordinario” para “darlle a volta ao PSdeG-PSOE como a un calcetín”, se ben a decisión, aclarou, non será "tomada unicamente" por el Así o dixo logo de presentarse como “responsable do resultado” electoral dos pasados comicios, tras asegurar que a actual dirección “cumprirá coa responsabilidade” de dirixir o partido ata a súa renovación.

Pero ademais, Vázquez aclarou que a dirección presidida por el mesmo “non vai ser interina, exercerá as súas competencias e responsabilidades con todas as consecuencias e garantirá a neutralidade de cara ao próximo congreso”. Pediu “tranquilidade” e reclamou polo tanto “que non haxa deslealdades que prexudiquen o partido” porque “xa hai quen pague os pratos rotos". "Vou ser eu”, aclarou. Así o dixo logo de confirmar a “sensación de gravidade” na que se atopa o partido e que foi plasmada no encontro do sábado.

Pachi Vázquez, durante o seu discurso no Comité Nacional © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.