Pachi Vázquez chama a "parar a dereita" para facer "unha Galicia distinta"

Pachi Vázquez, durante a manifestación pola defensa dos servizos públicos © PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, chama os galegos a "parar a dereita" para facer "unha Galicia distinta". Tras ser ratificada a súa candidatura á Xunta no Comité Federal do PSOE, o candidato socialista á Xunta asegurou tamén que o secretario provincial do PSOE da Coruña e ex ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, "é un máis" dos integrantes do partido e apostou por presentar unha candidatura ás eleccións autonómicas de outubro que forme "o mellor equipo" para gobernar Galicia.

Vázquez di que Caamaño "é un máis" e aposta por formar "o mellor equipo"

Logo de ser ratificada a súa candidatura á Xunta no Comité Federal do PSOE, Vázquez lembrou que en Galicia os socialistas teñen unha morea de concelleiros, alcaldes e deputados provinciais e autonómicos que suman uns "recursos humanos amplísimos e Caamaño é un máis". "Todo o que sexa achegar recursos humanos, coñecementos e capacidade política sempre é bo", engadiu.

En canto a se os socialistas galegos aprobarán a lista proposta polo PSdeG coruñés, que encabeza Caamaño e que deixou fóra ao deputado Lage Tuñas ou a Méndez Romeu e que incluíu tras dúbidas á ferrolá Beatriz Sestayo, Vázquez lembrou que este luns se celebrará o comité nacional no que se aprobarán os integrantes da candidatura. "O máximo órgano galego decidirá este luns", manifestou Vázquez, que di descoñecer que o equipo de Caamaño ameazase con dimitir en bloque se non vai incluído. "Non teño ningún coñecemento diso", aclarou. "O único obxectivo é formar o mellor equipo de homes e mulleres para dirixir e gobernar Galicia no próximos catro anos", insistiu.

"Hai que dar a volta e empezar a construír un modelo distinto de país"

Ademais, o candidato socialista á Xunta expresou a súa "esperanza" dunha "Galicia distinta" para "demostrar que a dereita está a converter ás vítimas en responsables da crise", que "esta dereita quere cargar os problemas" sobre pensionistas, parados, enfermos e estudantes. "Hai que parala e levantar a cabeza", apostou o candidato socialista, que apostou por "dar a volta e empezar a construír un modelo distinto de país" "Queremos cambiar este sufrimento sen sentido que nos leva aplicando Feijóo e Rajoy e cambialo polo crecemento", aseverou en relación á "garantía dun estado social".

Así, resaltou que a "folla de ruta" dos socialistas está centrada nos "problemas de Galicia". "Máis aló dunha visión dun presidente cosmético que se preocupa de si mesmo hai unha Galicia que está a sufrir", recalcou. Por iso, Vázquez considerou que "esa Galicia que oculta a dereita e viu como se escapaba un sistema financeiro vai ter unha oportunidade". "Estamos seguros de que a imos a aproveitar", sentenciou, para agregar que se van a decidir as eleccións nun escenario moi aberto no que todos teñen oportunidades".

O  secretario xeral do PSdeG manifestou preséntase ás eleccións "con ilusión, esperanza e ganas". "Esperamos ser capaces de dicir a toda España que as eleccións galegas son a lexitimación do último arreón de Rajoy contra o Estado social", afirmou, para indicar que "a técnica que Rajoy tentou en Andalucía e Asturias, agora vaina a tentar en Galicia; primeiro as eleccións e logo as decisións". "É un adianto electoral para acurtar espazo e que os galegos vaian votar", criticou.

Preguntado sobre outros partidos como o de Mario Conde, Sociedad Civil e Democracia, Vázquez cre que se trata da "escenificación dunha ruptura no PP", aludindo en concreto ao ourensán Baltar, porque "ten as súas relacións con Mario Conde".

"Hai unha coalición de nacionalistas con EU para que non quede un só voto polo camiño da esquerda para non chegar ao Parlamento; o meu máximo respecto"

 "Iso abre o escenario de ruptura e no nacionalismo vai haber coalición de nacionalistas con EU para que non quede un só voto polo camiño da esquerda para non chegar aos escanos parlamentarios", manifestou, para expresar o seu "máximo respecto". "O que si din todas as enquisas é que a gran forza vertebradora en Galicia se chama PSOE", concluíu.

Pachi Vázquez, durante a manifestación pola defensa dos servizos públicos © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.