Pachi Vázquez, convencido de que o PSOE debe "actualizar proxecto e mensaxe"

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

"Temos a obriga de actualizar o proxecto e a mensaxe". A pouco máis de dez días de que o Comité Nacional do PSdeG fixe o calendario que desembocará nun congreso da formación e, previsiblemente, nun relevo na súa dirección, o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, acudiu este luns a Madrid para asistir, no seo da Executiva Federal, á análise da crise que vive o partido tras as derrotas en Galicia e Euskadi. Coa vista posta en ambos procesos, o galego e o estatal, Vázquez asegura que o "compromiso" debe ser "redobrar esforzos" para volver "sintonizar coa sociedade".

Mentres en Madrid arrecia o debate sobre a idoneidade de Alfredo Pérez Rubalcaba para comandar este proceso Vázquez non dubida de que a "dirección do partido" conta cun "apoio pechado". É precisamente esa dirección a que, di, se encargará de "acelerar os prazos para celebrar as conferencias políticas" que xa estaban previstas e que, a priori, servirán para concretar o cambio de rumbo da formación, un "debate profundo", di o líder do PSdeG, para "acadar máis credibilidade".

O que foi candidato socialista á Xunta ten a "sensación" de que no seo do PSOE cómpre tamén "incrementar o traballo" e, dende esa perspectiva, di, tamén o PSdeG abordará a súa propia reflexión, partindo da base de que "terá o seu ritmo" pero "cumprirá os prazos fixados" a nivel federal. Con esa autonomía concorda tamén o propio Rubalcaba que, ao termo da Executiva, considerou que a "reflexión" dos socialistas galegos é "unha decisión deles", que deben formular despois de que "a xente" non observase o 21-O a posibilidade de que se formase "un goberno alternativo" que tería que ser "a suma de catro partidos".

Vázquez coida que o PSOE debe "incrementar o traballo" para volver "sintonizar coa sociedade" e apoia a Rubalcaba

Neste contexto, non obstante, Rubalcaba non cre que a perda de apoio en Galicia estea relacionada con aspectos como os aludidos recentemente por dirixentes como o ex ministro José Bono, que considerou que o PSOE está "desdebuxado" por establecer pactos con diversas formacións nos distintos territorios do Estado. "A desnaturalización pódese dar por pactar con alguén que non ten que ver contigo", pero "non por pactar con moitos", sentenza o secretario xeral do PSOE.

Rubalcaba lanzaba estas consideracións sobre Galicia tras unha Executiva na que, asegura, se sentiu "unanimemente apoiado" para continuar á fronte do partido e na que non sentiu presión ningunha para acelerar a convocatoria de primarias para elixir a persoa que encabezará a candidatura socialista ás eleccións xerais. Esas primarias serán "cando toque", tendo en conta que as eleccións "son dentro de tres anos", polo que na actualidade sería "política ficción".

Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Rubalcaba comparece tras a Executiva Federal CC-BY-NC-SA PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.