Pachi Vázquez pide "unidade" e rexeita "présas" na renovación do PSdeG

Vázquez, durante o consello territorial do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

Pachi Vázquez terza no debate interno. Tras semanas de silencio ao respecto o secretario xeral do PSdeG aproveitou este sábado a súa presenza no consello territorial do PSOE en Madrid para deixar caer a súa mensaxe a respecto dos movemento que se están a producir no seo do partido de cara ao vindeiro proceso congresual. Na xornada en que botaba a andar a corrente interna En Positivo e case á mesma hora á que, en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro ratificaba a súa aposta por "dar un paso á fronte cando chegue o momento", Vázquez "celebrou" a existencia de debate interno porque todas as voces "enriquecen coas súas achegas a procura de solucións". Pero sempre "dende unha grande unidade e sen présa", advirte.

Mentres na sede federal do PSOE se producían tensos intercambios de pareceres -o que máis, segundo as novas que chegan dende Madrid, entre o líder do PSOE madrileño, Tomás Gómez, e Alfredo Pérez Rubalcaba- Vázquez consideraba que o PSdeG está agora "no gran debate" e non "en debates pequenos sobre persoas". Ata o momento "avanzamos coa constitución dun grupo parlamentario sólido" e agora "tócano straballar por un modelo de sociedade e un novo modelo de partido nas datas que sempre propuxen", abonda.

Vázquez sitúa o inicio da recuperación nas europeas e nas municipais: "se alguén sabe como se fai iso ás présas, mellor para todos"

Neste contexto, o líder dos socialistas galegos sinala que o seguinte paso a dar é a convocatoria dunha Executiva nacional para o vindeiro luns, na que o PSdeG "abordará o calendario e as propostas" que o partido trasladará ao comité federal de xaneiro. "Temos que traer a Madrid unha proposta forte e sólida" para "adaptar o ideario socialista aos novos tempos", explica. De xeito paralelo, asegura, a súa intención é "construír unha alternativa propia para gobernar Galicia dentro de catro anos", se ben a "recuperación", di, debe comezar "nas europeas e nas municipais" de 2014 e 2015. Neste contexto, o do Carballiño bota man da retranca para sinalar que "se alguén sabe como se fai iso ás présas, mellor para todos", pero "hai que dar con fórmulas e solucións dende grandes consensos".

"Un partido como o socialista, con vocación de goberno, ten que construírse en grandes consensos e grandes acordos e niso estamos traballando", asegura Pachi Vázquez, nun escenario no que, asegura, o PSOE no seu conxunto xa está a "sentar as bases reais para abordar os grandes cambios que está a demandar a sociedade de nós". As novas propostas programáticas, augura, "van ir acompañadas dunha remodelación orgánica" do conxunto do PSOE, "que debe virar o rumbo" para ser "máis áxil, máis vertebrado, máis operativo e útil nun momento en que a sociedade o está a pasar fatal". Todo isto, conclúe, "collerá corpo, calendario e datas" a partir do devandito comité federal.

Vázquez, durante o consello territorial do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.