Pachi Vázquez promete impedir a "xestión privada" no hospital de Vigo

Vázquez, en Vigo coa Plataforma da Sanidade Pública CC-BY-NC-SA PSdeG

"Revisalo absolutamente todo". É o que o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, se compromete a facer coas obras do futuro hospital de Vigo se os resultados das eleccións do 21 de outubro lle permiten sentar na cadeira do xefe do Goberno galego. Tras reunirse na cidade con representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública o líder socialista erixiu o futuro complexo hospitalario vigués en "todo un símbolo do que non se debe facer na sanidade pública", a comezar pola elección do sistema elixido para erguer o edificio, de colaboración público-privada. "Nunca vou permitir que alguén xestione con carácter privado este centro hospitalario", di Vázquez, quen ademais advirte das dificultades financeiras da operación, recoñecidas mesmo polas empresas ás que a Xunta lles adxudicou o complexo".

O remate e posta en marcha deste centro sanitario está, segundo Vázquez, en "grave perigo" pola falta de financiamento que xa está a atrasar a obras. O sistema financeiro "non dá crédito a 20 anos", o tempo previsto para a adxudicación da obra e explotación do edificio, circunstancia á que, di, se engade o "cúmulo de mentiras, medias verdades e sobrecustos innecesarios" que está a caracterizar toda a operación. Feijóo, di, "despilfarra cartos cun modelo de adxudicación público-privada" que é "innecesario" e ademais, asegura, a Xunta "incumpriu normas, modelos de contrato e compromisos". Por todo isto, compromete, se o PSdeG chega á Xunta "levantará a documentación que temos, para poñernos a negociar coas empresas e resolver o contrato en busca de acordos".

"Levantaremos a documentación que temos, para poñernos a negociar coas empresas e resolver o contrato"

Trátase, di Pachi Vázquez, de frear a concesión "asinada polo PP", que obriga a "pagarlle a unha empresa privada 70 millóns anuais durante 20 anos", isto é, 1.400 millóns, "fronte aos 750 con financiamento 100% público do proxecto elaborado" polo bipartito, o cal "foi desbotado por Feijóo ao comezo da lexislatura". Ademais, subliña, este incremento de custo non se corresponde cun mellor servizo, xa que "o proxecto orixinal prevía 1.495 camas" e "o proxecto de Feijóo estima entre 600 e 900 camas, reduce os quirófanos de 36 a 22 e o volume de edificación reduciuse un 30%".

A aposta de Vázquez en torno ao hospital de Vigo produciuse tras recibir un documento sobre o complexo de mans da propia plataforma en defensa da sanidade, moi crítica co proxecto. Cos representantes destes colectivo sanitario o candidato do PSdeG subliñou que a sanidade pública "non é gratuíta, senón que levamos pagando toda a vida por ela" e non "para que algúen nola quite agora". Por este motivo, asegura, os socialistas "deixarán sen efecto as medidas de recorte de dereitos á cidadanía é ás persoas traballadoras da sanidade", que "só pode ser universal e solidaria" e ofrecer un "refuxio seguro para a cidadanía", non a "angustia, e incluso medo" que "provoca a dereita".

Vázquez, en Vigo coa Plataforma da Sanidade Pública CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.