“Impulsar” ou “promover”, sen datas ou cifras a continuación, son dúas das palabras máis empregadas no pacto de investidura asinado este domingo por PP e Ciudadanos para garantir o apoio destes a Mariano Rajoy como presidente do Goberno na sesión de investidura que comeza este martes. Un acordo no que boa parte dos seus “150 compromisos para mejorar España”, como se titula o documento, son xeneralidades, no que se fai fincapé en homoxeneizar as políticas autonómicas e no que se ofrece unha visión urbana da sociedade española.
O acordo de investidura dedica un só dos seus 150 puntos, e de xeito xenérico, ao rural e a pesca, mentres que insiste na uniformización das políticas autonómicas
O documento comeza co apartado dedicado á economía, no que, entre outras medidas, aposta pola “harmonización de licenzas e permisos en todo o país eliminando as excepcións e barreiras reguladoras inxustificadas, incluíndo as medioambientais, culturais ou de seguridade e hixiene”, sen indicar a que se refire coa categoría de “culturais”. A mesma “harmonización” é prometida para as políticas que aplican as comunidades autónomas en exercicio das súas competencias en materia social ou sanitaria, para o que se promete un novo financiamento autonómico baseado nunha “carteira de servizos comúns para todos os españois”.
Nesa liña, o acordo PP-Ciudadanos avoga por “transformar o Senado en estrita cámara territorial” con competencias para determinar o financiamento autonómico, os plans de infraestruturas ou os niveis comúns dos grandes servizos públicos. Sería cunha Cámara Alta con menos senadores que os 266 actuais.
De Galicia só fala para “axilizar” o AVE e apostar por que o Instituto Cervantes preste tamén atención ás linguas cooficiais
O documento avoga por “impulsar un pacto pola Unidade de España e a defensa da Constitución” pero en ningún momento diferencia as tres nacionalidades históricas do resto de comunidades autónomas. Do mesmo xeito, só se refire ás singularidades lingüísticas ao apostar por potenciar o Instituto Cervantes para que preste “atención tamén ás linguas cooficiais”. Nese ámbito, e ao referirse á educación, o pacto avoga por mellorar o ensino do inglés coa implantación dunha “educación bilingüe e trilingüe de calidade”, sen máis precisións.
En cuestións sectoriais, o documento dedica un só dos seus 150 puntos, o número 28, ao rural e a pesca. Alí aposta por “traballar” para apoiar non só a actividade agroalimentaria senón “cantas actividades económicas poidan desenvolverse no medio rural”. Do mesmo xeito, céntrase na identificación do nivel de explotación dos recursos pesqueiros avogando por unha xenérica “pesca sostible”. Fronte a esas propostas, o acordo aposta por “converter en cidades intelixentes todas as localidades de máis de 50.000 habitantes para facilitar a mobilidade urbana e a sostibilidade”, unha medida que en Galicia afectaría ás sete grandes cidades, que dun ou doutro xeito xa teñen iniciado os seus propios proxectos na materia.
O acordo obvia a investigación do accidente de Angrois prometida por Ciudadanos e calquera medida en materia costeira
Unha das precisións que si fai o documento é no apartado de grandes infraestruturas, onde agora Ciudadanos si está disposto a rematar o AVE galego. “Axilizaranse os traballos de execución de obras estratéxicas como o AVE a Galicia e a Variante de Pajares entre León e Asturias co fin de garantir a súa posta en servizo no ano 2017”, di de xeito ambiguo, xa que é imposible que o AVE galego estea rematado nin sequera en 2018 malia as promesas do Goberno.
En materia de loita contra a corrupción, o acordo de 150 puntos recolle as seis condicións iniciais de Ciudadanos para negociar co PP, entre elas a “separación inmediata dos cargos públicos que fosen imputados formalmente ou encausados por delitos de corrupción”. O texto segue sen diferenciar o ámbito estatal, autonómico ou local dos cargos públicos, malia os matices que PP e Ciudadanos teñen realizado nas últimas semanas e que ameazan con deixar á marxe desa esixencia a imputados como o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.
PP e Ciudadanos apostan agora por igualar a hora de toda España coa de Portugal
Por último, unha das medidas que máis efecto directo tería en Galicia sería a de “recuperar o fuso horario GMT”. Isto é, asumiríase así a vella reivindicación do BNG de que Galicia (toda España, no caso do pacto PP-Ciudadanos) conte coa mesma hora que Portugal e o Reino Unido.
No apartado das ausencias, nada di o documento de crear unha comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente de Angrois, como se comprometera Ciudadanos e rexeita o PP. Nesa materia limítase de xeito novamente ambiguo a “impulsar a reforma do Regulamento do Congreso dos Deputados para modificar, entre outros aspectos, o réxime de maiorías necesarios para a adopción de acordos relativos á creación de comisións de investigación polo Pleno da Cámara”. Tampouco nada di o documento en materia de ordenación costeira, cuestión con importantes conflitos abertos en Galicia como o de Ence.
Este acordo, en todo caso, só será aplicable en caso de que Rajoy acade a súa investidura como presidente do Goberno, para o que de momento aínda lle faltan cinco votos que engadir aos 170 que suman PP, Ciudadanos e Coalición Canaria.