"Para facer un cambio real, necesitamos de todos e todas vós. A asemblea debe defender as decisións que se tomen"

Asemblea de Ferrol en Común, este mércores CC-BY-SA Praza Pública

Unha das máximas expresadas polas mareas e as candidaturas de confluencia é a da participación cidadá, e o seu compromiso con escoitar e servir de vehículo ás demandas debatidas por asembleas abertas. Ese avanzar preguntando púxose en práctica este mércores en Ferrol, de igual xeito que tamén se está a facer noutras cidades e vilas, onde as novas candidaturas están a celebrar asembleas para dar conta dos procesos en marcha e coñecer as prioridades e propostas dos cidadáns e cidadás. 

Ferrol en Común celebrou a súa asemblea nun auditorio Carvalho Calero practicamente cheo, con bastante máis asistencia da que rexistrou o seu derradeiro mitin de campaña, realizado neste mesmo lugar

Ferrol en Común celebrou a súa asemblea nun auditorio Carvalho Calero practicamente cheo, con bastante máis asistencia da que rexistrou o seu derradeiro mitin de campaña, realizado neste mesmo lugar. Unha mostra do interese espertado polo triunfo electoral acadado pola formación, que situará a Jorge Suárez na alcaldía, co apoio de PSdeG-PSOE e BNG. O que aínda non está claro é se estas dúas formación entrarán no goberno municipal, unha posibilidade que semella próxima no caso dos socialistas, e algo máis complicada no do Bloque, que en calquera caso garantiu o seu voto favorable á investidura. Jorge Suárez manifestou, no entanto, a súa confianza en que o BNG tamén forme parte dese goberno de esquerdas e que, en caso contrario, "sexan unha oposición leal, para conformarmos unha maioría social para defender os intereses dos cidadáns". Suárez defendeu, así mesmo, que no caso de construíse finalmente este executivo a dúas ou tres bandas, non funcione como "dous ou tres gobernos en paralelo", senón de forma unida, compartindo responsabilidades en todas as concellarías.

"Temos a necesidade de acertar, de demostrar que somos outra cousa, de que podemos facer un cambio. O primeiro ano, os primeiros meses son fundamentais", subliñou o futuro alcalde

A forza desa maioría social foi invocada en varios momentos ao longo dunha asemblea moi participativa. "Para facer un cambio real, necesitamos de todos e todas vós. A asemblea debe defender as decisións que se tomen", destacaron os concelleiros electos de Ferrol en Común. "Vai ser difícil, vannos atacar por todos lados, pero debemos ser atrevidos, ousados, xerar debate na cidade. Imos ter que enfrontarnos a grandes poderes, por exemplo a grandes multinacionais para recuperar para Ferrol servizos públicos que foron privatizados", sinalaron. "Temos a necesidade de acertar, de demostrar que somos outra cousa, de que podemos facer un cambio. O primeiro ano, os primeiros meses son fundamentais", subliñou o futuro alcalde. 

Nas rúas de Ferrol, unha cidade que ás veces semella cargar co peso de demasiadas derrotas, percíbese ilusión, desexo de cambio, mesmo máis que durante a campaña electoral, alegría por uns resultados que recuperaron o Concello para a esquerda e unha marxe de confianza para o novo executivo. O debate político, sobre os cambios que o novo goberno municipal vai facer ou non vai facer, escóitase nas rúas e nos bares. Hai debates e decisións de fondo, e outros máis simbólicos. Esta semana estivo marcada pola disputa ao redor da Semana Santa, despois de que Jorge Suárez afirmara nunha entrevista que apostaba por retirarlle ás confrarías os 75 mil euros de subvención que todos os anos reciben por parte do Concello, destacando en calquera caso que dende o goberno local se apoiaría esta celebración que todos os anos trae milleiros de turistas á cidade, reforzando as programacións culturais alternativas, axudando ao comercio ferrolán e fomentando o turismo, pero sen financiar directamente a Igrexa Católica. 

"A Semana Santa non é unha prioridade. O peche de camas, o paro ou a pobreza son as cousas importantes e niso temos que centrarnos"

Na asemblea Suárez quixo zanxar a cuestión, reafirmando o expresado nesta entrevista, pero destacando que "a Semana Santa non é unha prioridade. O peche de camas hospitalarias, o paro ou a pobreza son as cousas importantes e niso temos que centrarnos". Neste senso, Suso Basterrechea, concelleiro electo, salientou que "non debemos ser anti cousas, debemos ser pro cousas, debemos xerar ilusión. Este goberno non debe ser a oposición ao PP, senón que temos que construír un proxecto de cidade, defendendo as nosas posicións con argumentos e cun importante traballo previo de pedagoxía".

"Non debemos ser anti cousas, debemos ser pro cousas, debemos xerar ilusión. Este goberno non debe ser a oposición ao PP, senón que temos que construír un proxecto de cidade"

A participación é unha das prioridades do novo Goberno. Os edís de Ferrol en Común comprometéronse realizar periodicamente asembleas coma esta (por exemplo unha antes de cada pleno) e, de feito, é probable que se convoque unha nas videiras semanas, para explicar, debater e aprobar o posible acordo de goberno ao que se poida chegar con PSdeG-PSOE e BNG. O compromiso pasa por manter un Concello aberto, cuns representantes que escoiten e dean contas continuamente sobre a súa xestión, e estimulando fórmulas de participación e co-decisión, algunhas xa existentes (o valioso regulamento de participación cidadá nunca aplicado polo Goberno de Rey Varela) e outras novas, previstas no Código Ético con que Ferrol en Común se presentou aos comicios. 

Prométese que as decisións importantes serán consultadas de forma directa coa cidadanía, a través de referendos ou asembleas. Tamén se aplicarán fórmulas de revogabilidade dos representantes elixidos

Por exemplo, prométese que as decisións importantes serán consultadas de forma directa coa cidadanía, a través de referendos ou asembleas. Tamén se aplicarán fórmulas de revogabilidade dos representantes elixidos. E, ademais, quérese que as asembleas e os foros cívicos debatan a xestión da cidade e eleven decisións vinculantes cara ao Goberno, comezando polos orzamentos participativos. Este tecido social, esta rede de control, fiscalización e apoio, é un dos sinais do que son ou deberían ser as mareas, o goberno da cidadanía exercido pola cidadanía. A promesa está, cando menos, sobre a mesa.

"Tedes moito traballo por diante", destacaron varios dos e das participantes na asemblea, antes de facer un bo número de propostas, algunhas máis concretas e de aplicación máis inmediata, e outras de máis longo percorrido e de impacto máis fondo. "Quero desexarvos sorte, porque afortunadamente imos ter un goberno de esquerda, e esperemos que non vos corrompades", engadiu outro. 

"Quero desexarvos sorte, porque afortunadamente imos ter un goberno de esquerda, e esperemos que non vos corrompades", dixo un veciño

No debate xurdiron propostas coma o control dos salarios do alcalde e concelleiros, a redución do número de asesores ou a renuncia aos privilexios ligados aos cargos. Tamén a esixencia de transparencia e a realización de auditorías sobre a xestión do goberno saínte, e contratos e subvencións asinadas por el. De igual xeito, falouse da remunicipalización dos servizos de auga e lixo, do polémico acceso por tren ao porto exterior, da renegociación do millonario convenio co Ministerio de Defensa, do traspaso do hospital Nóvoa Santos e a súa utilización como xeriátrico público, dos comedores públicos ou da rehabilitación do barrio de Ferrol Vello: "Gustaríanos que Ferrol en Común pasase a historia por ser a forza que impulsou a rehabilitación do barrio", dixo unha veciña. Outras propostas eran máis sinxelas: "Hai moitas cousas que se poden facer gastando pouco. Eu só quero que nos deixedes facer cousas por esta cidade"

Asemblea de Ferrol en Común, este mércores CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.