'Para facerlles frente', lema do BNG na "campaña da rebeldía"

Prado, na presentación da campaña do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Este mércores o BNG está de trixésimo aniversario. A formación frontista fai trinta anos e a efeméride cóllea na grella de saída da campaña electoral máis atípica, cando menos, da última década no país. A crise económica, as novas formacións e o incerto do resultado conforman parte dun cadro no que o Bloque, en verbas da súa secretaria de organización, Montse Prado, se dispón a realizar a "campaña da rebeldía e da insubmisión", intención que os nacionalistas tentarán amosar dende o seu propio lema electoral: Para facerlles frente, expresión coa que, di Prado, o BNG "expresa que lle planta cara aos que non se presentan ás eleccións" pero "toman as decisións na sombra" e provocan a "eliminación de dereitos sociais", os mesmos, di, "que queren que Galiza non decida".

'Gobernemos nós a nosa terra' será o sublema da campaña dos nacionalistas

Precisamente esa capacidade de "decisión" é a que inspira a segunda frase que acompañará a imaxe do candidato á Xunta, Francisco Jorquera, nos carteis electorais do BNG: "gobernemos nós a nosa terra", un lema xa empregado nos anos 70 polo BN-PG co que desta volta apostan por transmitir que "é precisa a soberanía". Xunto a ambas expresións figura o aspirante á Presidencia, "un candidato con naturalidade, resolutivo e auténtico", sen gravata e falando, porque "dialoga coa cidadanía", explica a tamén directora de campaña dos nacionalistas. A composición do cartel complétase co logotipo do BNG, situado "en primeiro termpo" porque é "un orgullo". "Non agochamos as siglas como fai Núñez Feijóo coas siglas do PP", afirma.

Convención nacional

Tanto o aniversario da asemblea de Riazor e a recta final da campaña electoral compartirán protagonismo na convención nacional que o BNG ultima para o vindeiro domingo 30 en Compostela. Despois do bo sabor de boca que deixou na formación a convención na que Jorquera foi proclamado candidato, os frontistas repiten fórmula, combinando intervencións políticas para presentar as súas candidaturas cunha "parte lúdica", centrada na celebración do trixésimo aniversario.

A área máis formal da convención, explica Prado, suporá o "pistoletazo de saída" para a campaña, na que o BNG irá á procura do "autogoberno", porque "a falta de soberanía deteriora a democracia". "As decisións tómanse en foros cada vez máis afastados de Galiza e dos seus intereses", polo que cómpre "plantarlles cara aos que queren negarlle" ao país "o dereito a decidir". Galicia, di, "non vai quedar atrás" mentres outros pobos do Estado, como Catalunya ou Euskadi, "toman as súas propias decisións en liberdade".

Prado, na presentación da campaña do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.