Para Gómez Reino, a mobilización da sociedade galega "marca o camiño" ás forzas de esquerda para "desterrar" a Feijóo

Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino © Galicia en Común

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, continúa facendo chamamentos á mobilización do electorado progresista para rematar coa maioría absoluta do Partido Popular en Galicia. “Estamos a nove días e tan só 15.000 votos de deixar no pasado ao PP de Núñez Feijóo e construír un futuro transformador e de progreso”, afirmou este venres en Ourense, onde estivo acompañado pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Gómez Reino tendeu pontes en dirección a PSdeG-PSOE e BNG, ofrecendo un "decálogo" de medidas "para cogobernar Galicia fronte a un Feijóo que xa ten un pé en Madrid”

Gómez Reino tendeu pontes, así mesmo, en dirección a PSdeG-PSOE e BNG, ofrecendo un "decálogo" de medidas ás forzas progresistas "para cogobernar Galicia fronte a un Feijóo que xa ten un pé en Madrid”. "Quedan sete días de traballo e de tender pontes para desterrar ao pasado a un Goberno irresponsable que antepuxo as siglas a saúde pública”, dixo Gómez Reino, que considera que a mobilización de numerosos colectivos da sociedade galega debe ser un exemplo para as forzas de esquerda.

Unha imaxe do mitin deste venres en Ourense © Galicia en Común

"A veciñanza de Verín márcannos claramente o camiño para abrir unha alternativa de esquerdas que transforme o país e non poña en risco as persoas”

"A veciñanza de Verín márcannos claramente o camiño para abrir unha alternativa de esquerdas que transforme o país e non poña en risco as persoas”, dixo, engadindo outros exemplos de mobilizacións: "tantas outras loitas de colectivos que se opuxeron a sementar o país de minas e de parques eólicos que masacran os nosos recursos naturais pero alimentan as súas portas xiratorias”.

“Unha vez mais, a sociedade galega levántase contra Feijóo e o Goberno dos recortes, as privatizacións, as estafas industriais, as cacicadas e corrupcións. As galegas e os galegos márcannos o camiño e fica unha semana de intenso traballo: sete días de campaña por diante no que poremos toda a vontade e o máximo esforzo en tender a man a BNG e PSdeG para facer realidade unha alternativa que sume os votos necesarios para desterrar o decenio negro do PP na Xunta”, incidiu.

“Feijóo non pode seguir a gobernar este país. Deixáronnos un deserto industrial cheo de cadaleitos cando tiñan todas as competencias en Industria no artigo 30 do Estatuto de autonomía de Galicia"

No mitin de Ourense, no que tamén participaron Juan Carlos Monedero ou David Bruzos, Yolanda Díaz sinalou que “Feijóo non pode seguir a gobernar este país. Deixáronnos un deserto industrial cheo de cadaleitos cando tiñan todas as competencias en Industria no artigo 30 do Estatuto de autonomía de Galicia". "Son os do non, os do odio, os que piden o voto para Vox. Feijóo pactaría con mesmo diaño para seguir privatizando as nosas vidas”, engadiu.

Yolanda Díaz participa tamén no mitin deste sábado en Pontevedra (Praza da Ferrería), xunto con Marcos Cal, Iria Figueroa, Martiño Noriega, Eva Solla e o propio Antón Gómez Reino. De igual xeito, este domingo ás 12 horas o Auditorio Mar de Vigo acollerá un acto no que xunto a Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz participará o líder de Unidas Podemos e vicepresidente do Goberno central, Pablo Iglesias.

Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino nunha imaxe do mitin deste venres en Ourense © Galicia en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.