Partidos, sindicatos e colectivos amplían a manifestación cidadá e unitaria do 25X

Persoas promotoras do 25 de xullo cidadán CC-BY-SA Praza Pública

A marcha unitaria polo Día Nacional de Galicia impulsada polo Manifesto pola Unidade vai acumulando adhesións a tan só poucas horas de celebrarse. Formacións políticas, sindicatos e diversos colectivos sociais e culturais deron xa o seu apoio público á manifestación que sairá este sábado da Alameda compostelá e que, tal e como destacan os seus promotores, será "o primeiro 25 de Xullo na historia recente de Galicia que non é convocado por un partido político ou un conxunto de partidos".

Anova anuncia que Beiras e Lidia Senra acudirán á manifestación unitaria

"Hoxe por hoxe, este 25 de Xullo xa é un éxito, polos apoios que concita, e polo debate de levantou", asegura Suso de Toro, un dos impulsores do Manifesto e da marcha que baixo o lema A Nación Galega percorrerá as rúas de Santiago. Nelas xuntarase a cidadanía con representantes políticos de numerosas formacións, que se adheriron, animaron ou facilitaron a participación da súa militancia. O último en anunciar a súa presenza foi Xosé Manuel Beiras, voceiro nacional de Anova, xunto con Lidia Senra, eurodeputada por AGEe. Supón o apoio de facto á marcha dunha formación que non se adheriu como tal pero que decidiu atrasar os seus actos posteriores para "facilitar a quen o desexe a asistencia á manifestación". 

O resto do nacionalismo manifestou publicamente o seu apoio á manifestación unitaria, deixando a cabeceira da marcha e a pancarta principal á cidadanía sen afiliación e aos promotores e impulsores da marcha. O BNG aposta por "compartir" a mobilización "cos e coas nacionalistas, organizados en forzas políticas e non organizados, que pensen que Galiza merece un apoio de todos e de todas para facer oír a súa voz, que queren ver recoñecidos os seus dereitos nacionais e que aspiran a que Galiza poda gobernarse de forma plena, ter soberanía para decidir sobre as cuestións que afectan á vida da xente deste país”. "Unha gran celebración de todo o nacionalismo unido nas rúas de Compostela será un salto adiante cualitativo no avance cara o recoñecemento da nosa vontade soberanista e dos dereitos nacionais”, insistiu este venres o voceiro nacional do Bloque.

BNG, CxG e Cerna animan a acudir a unha marcha que tamén apoian EU, CCOO, CIG ou Fruga

Alén, CxG animou á súa militancia e á cidadanía galega a participar, facéndoo os seus simpatizantes "a título individual, como galegos e como galegas" e sen simboloxía ningunha. Tamén Cerna amosou o seu apoio á marcha e instou ás organizacións partidarias a "colaborar nun 25X sen siglas para ceder o protagonismo á cidadanía, tanto na convocatoria, como no lema, na cabeceira e nas intervencións finais", mentres que a FPG tamén celebrou que sexa un Día da Patria "de unidade e xenerosidade". O bloque independentista, con Causa Galicia, tamén apoiará a mobilización. 

Pola súa banda, Esquerda Unida apoia tamén a marcha unitaria. “É a hora de sumar vontades, levar unha mensaxe de esperanza e apostar por un momento histórico no que sumar multiplica”, sinalou a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz. Ao seu xuízo, “en Galicia temos que seguir loitando para que continúe a primavera de devolver as institucións para a maioría, recuperando así a ilusión e a dignidade para a nosa cidadanía”, precisou, tras asegurar que "a cidadanía debe asumir o rol protagonista". 

Mentres, outras forzas minoritarias como a plataforma A Esquerda, formada por Nova Esquerda Galega e a Federación Republicanos, tamén se adheriu á marcha deste sábado, ao igual que fixeron colectivos como a Asemblea Republicana de Vigo.  En canto ao movemento sindical, a CIG chamou publicamente "a participar o 25 de Xullo na marcha unitaria en Santiago e nos actos para conmemorar o Día da Patria Galega", mentres que CCOO-Galicia tamén fixo "un chamamento á súa afiliación" para que participe na mesma manifestación, do mesmo xeito que fixo a Fruga ou que fan as organizacións da mocidade nacionalista ou colectivos, entre outros, como Galiza Cultura, a AS-PG ou a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, que cre que "a conmemoración do Día da Patria Galega é un bo momento para que os emigrantes do noso país poida deixar claro o seu máis enérxico rexeitamento ás políticas económicas e sociais da dereita española e da súa sucursal na Xunta" e que chama á cidadanía a participar nela. 

A AS-PG, os emigrantes retornados ou Galiza Cultura tamén se adheriron á mobilización d'A Nación Galega

Logo da manifestación, que se prevé histórica, Xurxo Souto será o mestre de cerimonias do resto de actos, nos que Valentín García Bóveda (neto de Alexandre Bóveda), Patricia de Lorenzo, Federico Pérez Rei e Alba Cuba serán os encargados de ler o manifesto. Ademais, Mercedes Peón, Uxía, Paula Chaves, Alba María e Lidia Botana levarán a cabo as actuacións musicais, para rematar o acto co himno de Galicia interpretado polo gaiteiro Moncho do Orzán.

O grupo promotor do Manifesto pola Unidade e da posterior marcha unitaria insisten en convocar toda a cidadanía galega nunha xornada que "debería ser día de todos os galegos e galegas, o Día Nacional no que reivindicamos o noso dereito a ser, a gobernarmos por nós mesmos". "Que ninguén quede na casa", aseguran. 

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.