Paulo Carril colle o temón da CIG instando á "contestación social permanente"

Congreso da CIG en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

Con Paulo Carril como novo secretario xeral, en substitución de Suso Seixo, e a nova executiva confederal, a CIG pechou o seu VII congreso este domingo. O novo líder do sindicato nacionalista colleu o temón da organización apostando e reivindicando o asemblearismo e a participación e instou a seguir na "contestación social permanente" e no "compromiso constante como mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega". Así, animou a militancia a ser colectivamente atrevida á hora de lanzar as propostas para pórse á fronte das loitas sociais para insistir "no obxectivo da transformación revolucionaria" e por "unha Galiza ceibe e sen explotación".

Carril instou a seguir na "contestación social permanente" e no "compromiso constante como mellor defensa da clase traballadora galega"

Paulo Carril foi elixido co 96% dos apoios (con 511 votos a favor, 17 brancos e 3 nulos), mentres que a executiva confederal foi referendada por 506 congresistas (95%), ao tempo que 22 votaron en branco e 3 emitiron voto nulo. Cunha única candidatura presentada, a nova dirección da CIG queda composta por, ademais de Carril: Margarida Corral, Francisco Xabier Cartelle, Susana Méndez, Fernando Acuña, Lucía Freire Ces, Miguel Malvido, Nicolasa Castro Monteiro, Paulo Paio Rubido, Anxo Noceda, Renato Núñez da Silva e Francisco González.

O novo secretario xeral advertiu do intento do capitalismo neoliberal por "consolidar unhas relacións laborais altamente precarizadas e individualizadas" e foi moi crítico co papel xogado pola UE e coa "obediencia cega" do goberno español ás instrucións "ditadas pola troika" e "co papel servil" da Xunta de Feijóo "incapaz de tomar ningunha iniciativa a favor do desenvolvemento económico e social de Galiza".

Neste contexto, defendeu que a CIG ten que ser o principal activo para enfrontar esta situación, levando aos centros de traballo unha mensaxe que "transforme a resignación, o individualismo, a pasividade e os medos, en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada".

Carril pide unha folga xeral "para demostrar a nosa disposición á resistencia, á loita pola recuperación dos nosos dereitos"

Ademais, Carril lembrou que a CIG leva meses defendendo que é "o momento de acumular forzas e mobilizármonos para chegar á convocatoria dunha folga xeral que obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antiobreiras e antisociais". "Unha folga xeral para demostrar a nosa disposición á resistencia, á loita pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor defensa ante unha inminente e regresiva reforma das pensións", dixo. Ao tempo, censurou o "papel submiso" das centrais UGT e CCOO co executivo español e a patronal, que nestes momentos "cociñan un novo pacto social e un novo Acordo Estatal de Negociación Colectiva", e colaborando deste xeito coa perda de dereitos, a aplicación da reforma laboral e das novas formas de empobrecemento da clase traballadora.

Carril tamén tivo palabras críticas coas forzas da oposición e da esquerda no Parlamento español, "incapaces até agora" de aproveitar a perda da maioría absoluta do PP para "promover proxectos de lei encamiñados a derrogar as contrarreformas laborais e as políticas austericidas". Salientou a urxencia de "rescatar" os nosos sectores produtivos básicos para crear emprego digno e a "urxente necesidade" de pór o desenvolvemento da economía ao servizo da maioría social. Obxectivos para os que "precisamos ter capacidade de decidir. Non queremos que sigan decidindo máis por nós nin os de fóra, nin os banqueiros, nin os especuladores".

"Dende a CIG chamamos, aínda nestes tempos duros, a participar nunha contestación social permanente e dun compromiso constante para avanzar na conquista dun sistema económico ao servizo da clase traballadora, sen explotación e na que o pobo galego, a nación galega, poida existir en pé de igualdade con todos os pobos e nacións do mundo", concluíu.

Congreso da CIG en Compostela CC-BY-NC-SA CIG
Paulo Carril, novo secretario xeral da CIG CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.