Piñeiro (CxG): "O dominio do PP en Galicia non é mérito seu senón demérito dos demais"

Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de CxG © CxG

Compromiso por Galicia (CxG) celebra o Día Nacional de Galicia, desta vez acompañado non só por unha representación do PNV -aliado habitual da formación galeguista- senón tamén polo Partidos Socialista (PS) de Portugal. Logo da ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, o partido celebrará o seu acto político no parque Eugenio Granell de Compostela, con xantar e festa incluída. Falamos con Juan Carlos Piñeiro (San Cibrao, Cervo, 1977), o seu secretario xeral desde o pasado mes de xaneiro. 

Que balance fai deste máis de medio ano á fronte de Compromiso?

O cualificativo que utilizaría é o de ilusión. Estamos facendo un forte traballo de expansión territorial, activando moitas agrupacións que non o estaban e formando outras novas. As nosas iniciativas están a ter bastante repercusión; estamos artellando novas formas de traballo e estamos contentos. 

Cal é o estado de saúde de CxG na actualidade?

Despois dos resultados das autonómicas, que foron malos sen paliativos, pretendiamos levar a cabo un reinicio que se coseguiu. Temos moitas ganas e estase achegando xente nova ao proxecto. Acabamos de activar agrupacións novas na Mariña, proximamente farémolo na Coruña e estamos traballando arreo en Ourense. A estratexia política está funcionando ao 100%, así que a saúde é boa. 

"Apostamos por un proxecto propio centrado en Galiza pero máis no galeguismo que no independentismo"

A morea de actos convocados o 25 de xullo en Compostela por parte da esquerda e do nacionalismo en Galicia inciden na división dese espazo, por que aposta Compromiso ante a situación?

Nós apostamos sempre polo diálogo con todos os axentes políticos do país porque é o único xeito de que Galiza poida avanzar cara a onde precisa. Con todo, nunca unha formación nacionalista ou galeguista estivo unida de todo. Nós tivemos este debate en dúas ocasións, de cara ás xerais e cara ás autonómicas, e optamos por un proxecto propio de país, fondamente europeísta. Hai moitos parámetros que non encaixan cos doutros, por iso apostamos por un proxecto propio centrado en Galiza pero máis no ámbito do galeguismo que do independentismo. Cremos que o camiño para Galicia é obter o máximo autogoberno posible dentro da construción europea. Estamos decididos a facer un proxecto sólido e propio. 

"Queremos fuxir de ser unha forza municipalista porque temos unha clara vocación e estrutura nacional"

O traballo municipal de CxG en dúas importantes vilas galegas está a ser bastante ben valorado. É ese o modelo no que fixarse e que pór como exemplo?

Queremos fuxir de ser unha forza municipalista porque temos unha clara vocación e estrutura nacional, pero é obvio que temos dous concellos, Muros e Lalín, onde estamos a facer unha xestión de goberno que a xente pode medir e valorar día a día. Válennos como espello para amosar cales serían as nosas políticas para o resto de concellos de país pero sen perder o ámbito de actuación nacional. 

"Hai unha fonda crise de partidos en Galicia; o predominio do PP non é mérito seu senón demérito dos demais"

Entre tanta división da esquerda, problemas internas nos partidos ou mesmo falta de liderado, o PP continúa avanzando as súas posicións...

En xeral, creo que hai unha fonda crise de partidos en Galicia. Como partido, hoxe en día ten moita máis saúde Compromiso por Galicia có resto. Non creo que a supremacía do PP sexa tanto pola polarización da esquerda ou a división. O PP ten unha máquina electoral e non ten maior problema en apostar por un discurso sen complexos nun momento dado se iso lle beneficia á hora de conseguir votos. Pero non creo que o seu predominio electoral sexa polo seu mérito, senón máis ben polo demérito do resto.

"O PSOE non existe en Galicia; é un conglomerado de intereses persoais, sen proxecto de país nin acción diferenciada para Galicia"

E logo?

En Marea leva ano e medio de vida falando de si mesma e iso dificulta que o seu proxecto chegue á sociedade; o BNG ten un mecanismo de partido moito máis asentado pero está moi pechado na súa propia mensaxe; e o PSOE creo, persoalmente, que non existe. É un conglomerado de intereses persoais, de ocupar postos, de situarse... Non teñen nin proxecto de país nin moito menos unha acción diferenciada para Galicia como puido ter o PSdeG no seu día. Máis que polarización na esquerda, o que vexo é un desleixo claro en todos os partidos. En vez de traballar tanto de cara ao interior das súas estruturas, deberían traballar máis cara á sociedade. 

Que reivindica Compromiso por Galicia neste Día da Patria?

Celebraremos unha xornada con agrupacións de diferentes comarcas e reivindicaremos a nación galega desde unha óptica festiva e co obxectivo de cargar as pilas. Estaremos acompañados por unha delegación do PSP e do PNV, dúas forzas claramente de goberno coas que estamos artellando estratexias de colaboración que se irán vendo co paso do tempo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.