"Podemos é unha ferramenta, unha ferramenta cunha enorme capacidade de intervención política"

Antón Gómez-Reino, 'Tone' Dominio Público Praza Pública

Os inscritos e inscritas en Podemos votarán ao longo desta semana, entre o luns e o venres, para elixir a persoa que ocupará a Secretaría Xeral da formación en Galicia, os 34 integrantes do Consello Cidadán e os 6 da Comisión de Garantías Democráticas. Unha das persoas que presenta a súa candidatura para ser parte dese Consello Cidadán, dentro da candidatura de Claro que Podemos Galicia, é Antón Gómez-Reino Varela, Tone. Coruñés, de 34 anos de idade, técnico en Saúde Ambiental e cunha intensa traxectoria en múltiples movementos sociais, dende Hábitat Social a iniciativas de solidariedade con América Latina ou Palestina, e -máis recentemente- vencellado á actividade de Galiza Ano Cero ou a Marea Atlántica. Tone foi un dos asinantes iniciais do Manifesto Mover Ficha, que se pode considerar punto de partida de Podemos.

"Pensei que era necesario achegar todo o posible para que Podemos sexa unha ferramenta o máis útil posible para o cambio político que se ten que dar neste país"

Por que te decidiches a presentarte ao Consello Cidadán?

Inicialmente, obvio, polo xeneroso convite das compañeiras e compañeiros de Claro que Podemos Galiza. Poren, a nivel persoal, decidinme por tres razóns fundamentais. Inicialmente, por responsabilidade. Como asinante e promotor do manifesto Mover Ficha, texto que deu carta de natureza e sinal de saída a Podemos, pensei que era necesario achegar todo o posible para que Podemos sexa unha ferramenta o máis útil posible para o cambio político que se ten que dar neste país. De aí xorde a segunda razón. Axudar, na medida das miñas posibilidades, a que a nivel galego un instrumento fundamental do cambio como é Podemos, se constrúa como unha ferramenta sensible a realidade galega e aberta aos actores que existen no país e as demandas e particularidades dos mesmos.

"Para que este proceso teña lugar nun sentido transformador é imprescindible que cada quen estea onde crea que é máis necesario, onde pense que máis e mellor pode achegar"

E, finalmente, porque penso que estamos realmente ante un posible cambio de época. Existe un proceso de mudanza política que, quéirase ou non, está a darse no país, no Estado e a escala continental. Este proceso de cambio ten, para min, unha melodía común. Pero o importante é que esa melodía común constrúa unha sinfonía que sexa igual de emancipadora aquí e alá. Desta forma, para que este proceso, que se dá no centro dun conflito social e cultural enorme, teña lugar nun sentido transformador -tamén obviamente no noso país- é imprescindible que cada quen estea onde crea que é máis necesario, que cada quen se sitúe en cada momento, onde pense que máis e mellor pode achegar. E pensei, e penso, que un lugar imprescindible para que eu poida facer esta achega era esta candidatura ao Consello Cidadán, onde estou grazas ao convite das compas de Podemos.

"CQP Galicia buscou a fórmula máis acaida para o momento. Non unha fórmula estrita de partido, senón unha fórmula aberta, buscando un híbrido entre dentro e fóra de Podemos"

Que diferencia a candidatura de CQP Galicia das restantes?

Baixo o meu punto de vista hai tres cuestións importantes para ter en conta. En primeiro lugar creo que os documentos políticos e organizativos tratan de describir unha candidatura deseñada e pensada para os problemas concretos da realidade galega. Unha candidatura que ten un proxecto para o territorio social e político que habita, para o país que temos que mudar. En segundo lugar, sinto que na forma de conformar a candidatura, sen menosprezar as outras, tense buscado a fórmula máis acaida para o momento. Non unha fórmula estrita de partido, senón unha fórmula aberta, buscando un híbrido entre dentro e fóra de Podemos, e construíndo un espazo de traballo en base a dous grupos fundamentais: un amplo grupo de persoas dos Círculos, e un grupo de persoas que tratan de achegar a súa experiencia no ámbito técnico ou no social.

E, finalmente, paréceme importante reseñar que a título individual o que máis me ten animado é saber que tanto Breogán Rioboo como as compañeiras e compañeiros que conforman esta candidatura teñen demostrado, nos seus procesos locais, saber estar a altura dos tempos que vivimos e estar polo diálogo e pola busca de iso, tan complexo como necesario, que damos en chamar unidade popular e cidadá.

En que medida é determinante o apoio a esta candidatura dalgúns dos dirixentes máis coñecidos de Podemos a nivel estatal a través de Claro que Podemos?

Honestamente, non alcanzo a valoralo. Sei ben que a democracia é escoller entre diversas opcións, pero probablemente a enorme velocidade de construción interna de Podemos, derivada dos inhumanos tempos da cronopolítica electoral, non ten facilitado o proceso interno inicial. Agora ben, penso que hai que comprender para que é especialmente útil unha ferramenta como Podemos, para que foi e está pensada: para producir cambios no taboleiro político institucional. E neste sentido, particularmente, ao que animo é a preguntarse sobre algo máis importante. Interrogarse sobre cal é a proposta que fai a análise da situación máis acaida, cal é a proposta que fai as propostas de intervención política máis oportunas e, sobre todo, cal é a proposta que ofrece máis posibilidades de elaborar un proxecto para o cambio construído desde a sociedade, aberto aos diferentes actores sociais e políticos e máis imbricado nas problemáticas do mundo real.

"Podemos é unha ferramenta. Unha ferramenta cunha enorme capacidade de intervención política"

Que é Podemos? Debemos entendelo só como ferramenta, como panca para forzar un cambio? Ou debemos analizalo con lóxicas máis tradicionais de forza política de masas?

Para min Podemos é unha ferramenta. Unha ferramenta cunha enorme capacidade de intervención política, neste momento unha ferramenta fundamental, pero unha ferramenta que trata de estar en mans da xente, que é onde ten que estar.

Seguindo o fío da pregunta, quen quixer podería falar dunha ferramenta política de masas, no sentido de que Podemos tivo e ten, neste momento, a capacidade de conectar co enorme sentimento de indignación e de esperanza existente nas rúas e na opinión pública. Que ten a capacidade de propoñer unha canle política a este sentimento e -isto é importante- que está en posición de darlle unha expresión institucional que podería ser hexemónica a esta sensación colectiva e a esta esixencia de novas formas de facer política baixo control cidadán.

Pero afortunadamente o tempo presente non é, baixo o meu punto de vista, o das forzas políticas de masas. Antes falei dun cambio de época. Ese cambio de época ven derivado dunha nova forma de entender a participación política. Unha forma tendente a pensar o poder político como un poder revogable. Podemos depende do poder da xente, non é a xente a que depende do poder de Podemos. No tempo que vivimos, baixo o meu punto de vista, todo instrumento de cambio está en función do apoio e o respaldo popular. Esta semana tivemos un claro exemplo coas mobilización de Grecia en apoio das propostas de Yanis Varoufakis e de Syriza. Sen ese apoio, multitudinario e ollo, moitas veces, espontáneo e producido á marxe da lóxica de partido, serán imposibles transformacións políticas reais.

"Podemos depende do poder da xente, non é a xente a que depende do poder de Podemos. No tempo que vivimos, baixo o meu punto de vista, todo instrumento de cambio está en función do apoio e o respaldo popular"

E todo isto tendo moi claro algo esencial: a vía electoral, que nestes meses parece o centro de todo o espazo político, nunca producirá, por si mesma, as profundas mudanzas que precisamos para ter o pais e a vida digna e sostible ao que, creo, temos que aspirar.

Que pode supoñer Podemos para Galicia?

Unha ferramenta para apuntalar o cambio político. Para axudar a vestir, electoral e politicamente, o amplo espazo cidadán que se manifesta por outro pais e outra vida, contrario a status quo. Con todas e entre todas. Pero sen dúbida, unha ferramenta fundamental para desprazar do poder político ao Partido Popular deixando tamén fóra de xogo a aqueles e aquelas que participaron da corrupción e do espolio, e construíndo, no institucional, unhas novas bases para a vida económica, social e cultural.

"Podemos debe participar e potenciar a creación de espazos de unidade popular e cidadá. Coas súas singularidades e controversias, penso que en case todas as cidades e moitas vilas do país este proceso estase a dar"

Cal debería ser a participación de Podemos nas eleccións municipais? Que criterios e liñas vermellas deben definir a conformación das candidaturas municipalistas?

Claro e sinxelo. Participar e potenciar a creación de espazos de unidade popular e cidadá. Pero isto non é algo que diga eu. É algo que, dentro de Podemos, xa o dixeron e decidiron os milleiros de persoas que votaron os documentos políticos da Asemblea Cidadá estatal.

Coas súas singularidades e controversias, penso que en case todas as cidades e moitas vilas do país este proceso estase a dar. Porén, en lugares onde non se dan estas circunstancias, onde non existe un tecido cidadán amplo e autónomo que poida liderar un proceso de cambio e unidade popular, creo que o mellor é, tendo en conta que Podemos non participa organicamente do proceso municipal, facer valer o sentido común e favorecer que se dean as condicións para que o Réxime municipal de caciquismo, austeridade e corrupción, non volva a gobernar.

"É imprescindible axudar a artellar Podemos como un instrumento baixo o control da xente co que exercer e transformar o poder institucional"

Como debe ser a relación entre Podemos e os movementos, plataformas e entidades que operan na sociedade e que comparten un obxectivo de transformación e ruptura?

Retroalimentarse. De abaixo a arriba. É imprescindible crear formas de representación que sexan unha pirámide invertida. Inverter a orde tradicional das escalas é fundamental. En primeiro lugar o espazo de decisión, a democracia, que sempre ten que estar en mans da cidadanía. En segundo lugar estar sempre atentos e acompañar as demandas e as propostas dos movementos sociais e cidadáns. E, consecuentemente, en terceiro lugar, artellar as ferramentas institucionais, no caso de que saiamos elixidos e elixidas, axudar a artellar Podemos como un instrumento baixo o control da xente co que exercer e transformar o poder institucional.

"É imprescindible artellar un proxecto de pais que garanta a nosa existencia, a base de cohesión e xustiza social"

Como debe ser a relación con forzas como EU, Anova (e os restantes compoñentes de AGE) ou o BNG, coas que Podemos comparte ou pode compartir propostas e o obxectivo de mudar o Goberno e as políticas en Galicia?

En primeiro lugar cómpre dicir, claramente, que todos os espazos que nomeas, son espazos políticos onde, desde hai moitos anos, participan activamente moitas persoas conscientes, necesarias e honestas. En segundo lugar, baixo o meu punto de vista un Podemos galego, como xa dixen, ten que ser unha ferramenta transformadora, e polo tanto que busque a hexemonía política, gañadora e aberta. Aberta en primeiro lugar as demandas da xente e, en segundo lugar, ao diálogo constante con todos aqueles que non teñen participado e se teñen oposto ao enorme proceso de desgaste económico, social e cultural que temos sufrido. É imprescindible artellar un proxecto de pais que garanta a nosa existencia, a base de cohesión e xustiza social. E na construción dese novo escenario é sempre fundamental o diálogo e crear ecosistemas de entendemento nos que, baixo o que exprese a cidadanía, cooperar con todos aqueles espazos e partidos transformadores, tendo sempre claro que o inimigo ten que ser unha forma de poder e de goberno, que en Galiza se caracteriza pola cleptocracia e o caciquismo. Este estado de destrución social e corrosión política é o que temos que superar. Falamos de reconstruír un país. E de facelo con forzas moi poderosas fronte a nós. E aí onde temos que estar.

Antón Gómez-Reino, 'Tone' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.