Podemos pasa a proba da demostración de forza que o propio partido se marcara. Ao berro de "Sí, se puede" arrincou este mediodía de sábado a "Marcha do cambio". A manifestación convocada por Podemos conseguiu encher as rúas do centro de Madrid. Desde a Puerta de Alcalá unha marea de xente avanzou até a Puerta del Sol, onde a organización colocou un escenario para que a dirección do partido clausurase o acto.
Outro dos cánticos máis repetidos ao longo da manifestación é o "Tic-tac", unha referencia ao "tempo de cambio". "Recuperamos a ilusión", exclamaban un grupo de vascos a un tempo. "Xa estamos fartos, cansos. Isto ten que ser xa". "Acudimos á chamada de Pablo Iglesias", apuntaba un mozo madrileño de 18 anos que acudira á manifestación para "cambialo todo". "Cando vemos un partido que non nos toma por imbéciles apoiámolo e tentamos que remate o bipartidismo", engadía a súa amiga.
O partido pasa a proba da demostración de forza que el mesmo se marcara
Pancartas con diferentes mensaxes e reclamacións decoraban a rúa Alcalá. "Sanidade 100 x 100 pública e universal" ou "Renda básica universal. Si se pode!" podíase ler en dúas das moitas que inzaban a manifestación. A xente amoreouse nas rúas contiguas para tentar entrar na Puerta del Sol cando aínda outros seguían en Cibeles, punto de partido oficial da manifestación. Tamén se puideron ver moitas bandeiras republicanas ondeando ao longo do percorrido da manifestación, xunto a outras de Andalucía, Euskadi, Cataluña e Galicia, algunhas delas coa estrela vermella
Discurso de Pablo Iglesias
A marcha da formación culminou no acto político final, protagonizado polos principais dirixentes do partido acompañados por persoas afectadas pola crise, como unha investigadora emigrada. Luis Alegre, Juan Carlos Monedero, Íñigo Errejón, Irene Montero ou Carolina Bescansa -que comezou a súa intervención recitando a Rosalía de Castro- precederon na palabra ao secretario xeral, Pablo Iglesias, que nalgúns intres foi aclamado con berros de "presidente". "Hai que soñar, pero tomando moi en serio os nosos soños", advertiu Iglesias, que enmarca nese "soño" a súa intención de "gañarlle as eleccións ao PP" este mesmo ano.
Iglesias: "Ímoslle gañar as eleccións ao PP"
Na estela da vitoria de Syriza o líder de Podemos sinalou ante os seus que "gobernar é difícil", pero "en Grecia fíxose máis en seis días que nos últimos anos". Trátase, apunta, de demostrar que "a soberanía europea non é da troika, non é de Merkel" nin "dos bancos", senón "dos cidadáns". A esa "soberanía" apela tamén para, como en anteriores intervencións, recorrer ao concepto de "patria". "Nunca máis España como marca, nunca máis sen a súa xente, a nosa patria é a nosa xente" e "a comunidade que asegura que aos enfermos se lles atende", mantén, nun contexto no que cre que "fan falla soñadores, fan falla Quijotes".