As primarias para configurar as listas electorais de En Marea ás autonómicas do 25 de setembro desenvolveranse finalmente entre as 8.00 horas da mañá deste mércores día 17 ata a media noite do xoves 18. Os resultados coñeceranse o venres pola tarde. Adíanse así 24 horas con respecto aos prazos inicialmente previstos para dar cabida no proceso a Podemos, logo de que o líder estatal do partido, Pablo Iglesias, aceptase o pasado venres que os seus representantes participen na candidatura á Xunta como os do resto de formacións que impulsan a marea e non a través dunha coalición. Farano a través das dúas listas por provincia que veñen de presentar ás primarias de En Marea, unha oficialista encabezada en Pontevedra pola propia secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, e outra impulsada por críticos.
A secretaria galega, Carmen Santos, cabeza de lista por Pontevedra, pídelle ao candidato da confluencia, o xuíz Luís Villares, que faga “que o queiramos moito”
A propia Santos informou este luns en Santiago da presentación da súa propia candidatura, baixo o nome Contigo Podemos, que ademais de levala a ela como número 1 por Pontevedra sitúa a Magdalena Barahona, ata o de agora aspirante de Podemos Galicia á presidencia da Xunta, encabezando a lista pola Coruña. Nada dixo Santos ata que se lle preguntou por ela sobre a outra candidatura que, baixo o lema de En Confluencia Podemos, tamén presentará listas nas catro provincias en nome de Podemos. Segundo a secretaria de Podemos Galicia, foi informada polos impulsores desa outra candidatura da súa intención e considera “xusto que a inscribiran”, en referencia á posibilidade aberta por En Marea de que se presentasen varias candidaturas por parte de Podemos e que a formación morada actuase como avalista delas para axilizar así a súa inscrición nas primarias xa en marcha.
“Se non hai candidatos de Podemos nas listas de En Marea, dificilmente se pode dicir que está Podemos”, advirte Santos
Así pois, sumando as oito candidaturas agora engadidas de Podemos, serán 25 as listas que participarán nas primarias de En Marea: 6 pola Coruña, 5 por Lugo, 5 por Ourense e 9 por Pontevedra, cun total de 239 candidatos aos que os inscritos na marea poderán votar de xeito individual na provincia á que pertenzan. Sobre esa participación na votación, Santos asegurou que En Marea habilitará un “mecanismo” para que os inscritos en Podemos “poidan acceder con facilidade ao censo de En Marea” para poder votar. Santos dixo non temer desmobilización dos seus compañeiros pero advertiu de que “se non hai candidatos de Podemos nas listas de En Marea, dificilmente se pode dicir que está Podemos”.
A secretaria autonómica de Podemos tamén foi preguntada pola súa aceptación do maxistrado Luís Villares, candidato á presidencia da Xunta xa nomeado por En Marea, como o candidato tamén da súa formación. Asegurando que ela mesma ten “referencias inmellorables” de Villares, Santos evidenciou que aínda hai marxe de mellora: “Ten que convencernos e facer que o queiramos moito”, sentenciou.