O pasado 10 de abril tivo lugar na Lama un dos exames dos que consta unha oposición convocada polo Concello para xestionar a biblioteca municipal e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), unha praza ocupada desde hai 23 anos por unha auxiliar administrativo. Das seis persoas presentadas, tan só dúas aprobaron: a actual traballadora, con formación e anos de experiencia no ámbito bibliotecario, cunha nota de 5,6; e Antón Xil, portavoz do PP en Ponte Caldelas e candidato á alcaldía nese municipio, cunha cualificación de 7,8 malia carecer de estudios ou formación específica.
Só dez días antes de levarse a cabo esta primeira proba, Cristina Villanueva -a actual responsable da biblioteca e unha das aspirantes-, presentou un recurso de alzada do que non recibiu resposta. Considera que o proceso polo que se convocou a praza está cheo de "irregularidades", tal e como denunciou este luns xunto a Miguel Ángel Cuña, secretario xeral en Pontevedra da CGT, sindicato ao que está afiliada a traballadora.
A bibliotecaria que leva 23 anos na praza denuncia irregularidades: a maioría de membros do tribunal son de concellos do PP para os que traballa o outro aspirante
Villaverde apunta, entre outras cousas, á constitución do tribunal, que denuncia que está conformado por maioría de representantes de municipios gobernados polo PP: dous funcionarios do de Cerdedo-Cotobade e un do de Campo Lameiro, cuxos alcaldes participaron no nomeamento. Nestes dous concellos, Antón Xil exerce labores de comunicación, ao igual que no propio da Lama, onde ademais do seu labor de prensa e de xestor das redes sociais exerce tamén como director da radio municipal Radio Nova.
"É sorpresivo. O señor Xil carece de titulación e profesionalidade relacionada coas bibliotecas ou a información xuvenil e non ten experiencia municipal como auxiliar no ámbito. O resto de persoas que nos presentamos temos experiencia en bibliotecas", aclarou Villanueva, que suma máis de dúas décadas traballando no Concello da Lama e que desde xaneiro de 2022 ten recoñecida a súa indefinidade no posto. A cinco días de que a lei para a consolidación de persoal interino entrase en vigor, o goberno local, liderado polo alcalde Jorge Canda, convocou a oposición para a praza que ocupa.
PSdeG e CGT din que a intención é "colocar" o portavoz do PP en Ponte Caldelas, responsable de comunicación na Lama
O PSdeG da Lama xa anunciara tamén hai uns días que impugnaba o proceso, pedindo "garantías de imparcialidade" e alegando que en realidade é unha oposición convocada para "colocar" como funcionario municipal o actual asesor do alcalde da Lama, Jorge Canda.
"É evidente que está a piques de se consumar a intención de colocar este señor na praza que levo ocupando 23 anos", di Villaverde, que aclara que xa recorreu por vía administrativa, "sen renunciar a ningunha opción legal, mesmo a vía penal". "Teño 62 anos e logo destes anos no posto e de que me obriguen a pasar unha oposición para confirmarme como persoal laboral fixo, non estou disposta a tolerar ningún atropelo á miña profesionalidade nin tolerar prácticas caciquís e discriminatorias", engadiu.
A traballadora afectada pediu estar "atentos" a como se desenvolve un proceso de concurso-oposición ao que aínda lle quedan dúas probas e alerta da "gran falta de transparencia" na que xa se realizou, tanto no que ten que ver coa custodia do exame como ás preguntas do exame, "que non se correspondían cun exame de bibliotecas e eran moi confusas".
Desde a CGT, Cuña asegura que todo o proceso é "un agravio, un atropelo que non ten xustificación, ilícito e inmoral".