Pontevedra: A cidade que se afixo a pasear sen Rajoy

Rúa Michelena, no centro de Pontevedra © Concello de Pontevedra

No ano 1987 un médico de 34 anos acabados de cumprir tomou posesión como primeiro e único concelleiro do BNG en Pontevedra. Facíao avalado por 1.594 votos nunha cidade que era practicamente territorio comanche para o nacionalismo. O grupo máis numeroso da corporación municipal era Independientes de Galicia, con 10 concelleiros, e prácticamente ninguén apostaba por que un concelleiro do Bloque tivese gran percorrido na urbe de referencia do vicepresidente da Xunta, Mariano Rajoy, na que imperaba o cóctel de Liceo Casino, touradas e procesións. Doce anos despois, en 1999, a lista encabezada polo doutor Miguel Anxo Fernández Lores multiplicou por nove o resultado daquela primeira votación, ficou a 618 sufraxios dun PP co que empatou en edís e converteuse no primeiro alcalde nacionalista de Pontevedra.

O reto non era en absoluto menor. O Liceo Casino, as praza de touros e as procesións seguían onde sempre estiveran e o novo rexedor non tiña intención de achegarse aos bailes de debutantes nin ás touradas, eventos dos que si gozaba o ministro de Administracións Públicas de José María Aznar, Mariano Rajoy. Ademais, o novo gabinete encabezado por Fernández Lores, tardou apenas un mes en promulgar un decreto que, co tempo, sería un emblema do novo goberno. "Tomei posesión o 3 de xullo e a primeira semana de agosto acordei o decreto de peonalización", lembra o rexedor en numerosas ocasións.

Como noutros procesos deste tipo, o veto á libre circulación de coches polo daquela degradado casco histórico da cidade do Lérez tivo non poucas oposicións. Pero o novo goberno tiña a intención decidida de aplicar en Pontevedra un modelo que, a priori, poucas persoas relacionarían co BNG: o ideado e impulsado polo pedagogo italiano Francesco Tonucci, ese no que as persoas e, máis concretamente, a infancia, teñen "prioridade" sobre os coches. "A cidade convidaba os peóns de Pontevedra a camiñar en fila india", lembraba Tonucci nunha conferencia recente, ata que no Concello "inventaron unha medida qeu non é convencional, como os metros ou os quilómetros: dúas persoas cun paraugas aberto".

A peonalización, seguindo o modelo de Tonucci, converteuse no gran emblema da cidade

A peonalización estendeuse e, por onde seguían pasando os coches, as beirarrúas pasaron a ter ata seis metros. "A cidade cambiou" e pasou a "convidar os nenos a iren á escola sen adultos". "Eu -bromea o pedagogo- propóñolle ao alcalde de Pontevedra que ao entrar na cidade poida haber un cartaz que poña: Coidado, os nenos desta cidade van á escola sós e xogan na rúa".

ENCE e o futuro

A transformación urbana de Pontevedra é un logro apenas discutido e abondosamente recoñecido -o modelo urbano pontevedrés acadou nos últimos anos galardóns da DGT, da FEMP, da UE e mesmo da ONU- e sustenta, en boa medida, os éxitos electorais recolleitados por Lores nas sucesivas eleccións, mesmo cando a dinámica electoral do Bloque comezou a decaer. A cidade ten, non obstante, outras materias pendentes de resolución, caso por exemplo do tratamento de residuos ou, sobre todo, o paro, toda vez que as inscricións nas oficinas de emprego practicamente se duplicaron nos últimos anos sen que, no entanto, Pontevedra sexa a cidade con máis desemprego do país, como afirma o PP baseándose na EPA -escasamente fiable para o ámbito local-.

O emprego, precisamente, é o gran argumento dos conservadores para xustificar un dos seus grandes argumentos desta campaña: que a fábrica de ENCE se manteña onde está dende que as autoridades franquistas a ubicaron á beira da ría nos anos 50 do século pasado. Tras emendar nos programas electorais de 2009 e 2012 a posición que o PP mantivera mentres Fraga estivo á fronte, Alberto Núñez Feijóo protagonizou nos últimos meses unha viraxe que, a coro co seu candidato pontevedrés, Jacobo Moreira, culminou a poucos meses das eleccións. O paro e a recesión económica, di o presidente da Xunta, xustifican agora que a pasteira siga onde está alén de 2018, cando expira a súa concesión.

Esta e outras apostas, como a potenciación das touradas, son algunhas das ideas forza dos populares para o 24-M, unhas eleccións tras as que, segundo as enquisas, seguirán sendo a segunda forza política dunha corporación municipal na que o BNG de Lores estaría ao bordo da maioría absoluta. Se non a logra tería que buscar apoios nunha oposición que, atendendo a eses inquéritos, sería a máis plural das últimas dúas décadas, toda vez que semellan estar ás portas da casa consistorial novas formacións como Ciudadanos ou a Marea Pontevedra, que sustentan as súas críticas ao actual goberno na ausencia de "transparencia" ou na necesidade de "rexeneración" tras quince anos de mandato. 

Ciudadanos, a Marea Pontevedra ou CxG aspiran a entrar na nova corporación municipal

Outras forzas, como Compromiso por Galicia ou Todos por Pontevedra, encabezada pola ex do PP María Biempica, aspiran tamén a emerxer nun contexto no que Lores se presenta como un galo resistente que mesmo protagoniza unha banda deseñada que non fixo graza ningunha no resto de formacións. Mentres o BNG presenta, máis ca nunca, Pontevedra como o seu gran aval, Mariano Rajoy optou por protagonizar un mitin no Teatro Principal a unha hora allea ao prime time televisivo e aos grandes titulares. Pontevedra, proclamou ante os seus fieis, "sempre será a miña cidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.