Pontón acusa a Feijóo de "poñer medallas" pola fin do estado de alarma, “que é froito do traballo da sociedade galega”

Ana Pontón, este domingo no acto organizado polo BNG © BNG

O BNG celebrou este domingo en Compostela un acto de reencontro coa súa militancia que serviu tamén en certa forma para dar inicio á súa precampaña de cara ás eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 12 de xullo. Preto dun cento de persoas asitiron ao encontro, gardando en todo momento unha distancia de dous metros. 

O acto de reencontro coa militancia serviu tamén en certa forma para dar inicio á precampaña do BNG

Ana Pontón, portavoz nacional da formación e candidata á Presidencia da Xunta, abriu a súa intervención cun triplo agradecemento simbolizado por tres caraveis: branco, en lembranzas das 619 vítimas, para as que a mellor homenaxe, -recalcou-, “é unha sanidade pública de primeira e nunca máis a atención ás persoas maiores convertida nun negocio”; vermello, para todas as persoas, -a maioría mulleres-, “que nos coidaron e deron o mellor de si nos momentos máis duros”; e azul, de “admiración” polo pobo galego “que demostramos ser capaces cara ás dificultades desde a solidariedade e coa man tendida.

Acto organizado polo BNG este domingo © BNG

Pontón pediu deixar atrás "o inmobilismo decadente de Feijóo" apostando nas urnas polo proxecto “autocentrado, innovador e futurista que representa o Bloque"

O acto, conducido por Xuxo Souto, contou coas intervencións políticas dos cabezas de lista Xosé Luís Rivas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Xosé Luís Bará (Pontevedra), e candidatas como Montse Prado e Alexandra Fernández.

Ana Pontón pediu deixar atrás "o inmobilismo decadente de Feijóo" apostando nas urnas polo proxecto “autocentrado, innovador e futurista que representa o Bloque". “Estou máis ilusionada que nunca coas posibilidades que ten o Bloque de obter un gran resultados o 12X e poder cambiar o rumbo do país nos vindeiros anos, teño máis ilusión que nunca con que consigamos escribir unha páxina na historia, facendo que por primeira vez Galiza teña unha muller e unha nacionalista presidenta, neta de labregos e filla de xente humilde e traballadora”, dixo.

Pontón acusou a Feijóo de "poñer medallas por méritos que non son seus”, en referencia ao levantamento do estado de alarma, “que é froito do traballo conxunto da sociedade galega”

Así mesmo, Pontón afirmou que ante as urnas "só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG, para saír adiante dunha crise que deixa miles de persoas nun ERTE, ERE, no paro, que deixa a miles de autónomos pendentes dun fío"

Finalmente, a candidata do BNG acusou a Feijóo de "poñer medallas por méritos que non son seus”, en referencia ao levantamento do estado de alarma, “que é froito do traballo conxunto da sociedade galega”. O presidente da Xunta, engadiu, foi “o único galego que desentoou” porque "nin durante a pandemia foi capaz de renunciar a facer oportunismo utilizando de xeito obsceno a TVG para seguir en campaña". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.