Pontón, Aymerich, Paz e Pombo, canda Jorquera á fronte das listas do BNG

Ana Pontón, Cosme Pombo, Tareixa Paz e Carlos Aymerich CC-BY-SA Praza Pública

As asembleas comarcais do BNG culminan nestes días o debate en torno ás listas electorais coas que a formación frontista concorrerá ás eleccións do 21 de outubro. Despois de que a Executiva Nacional lles remitise ás comarcas a súa proposta o pasado luns, tras os debates desenvolvidos durante esta semana só resta que o Consello Nacional lles dea, o vindeiro sábado, o visto e prace definitivo a unhas candidaturas que xa teñen nomes propios para acompañar a Francisco Jorquera, número un da lista da circunscrición da Coruña e candidato á Presidencia da Xunta.

Por tras de Jorquera na lista coruñesa estará no número dous, como hai tres anos, Ana Pontón, que na campaña electoral desenvolverá un rol semellante aos das persoas situadas no primeiro posto das outras tres candidaturas, xa que o aspirante á Xunta reparte a súa presenza polo conxunto do país. A de Pontón é a única repetición en postos destacados a respecto dos comicios de 2009. Así, en Lugo o primeiro posto será para Cosme Pombo, quen fora delegado provincial da Consellería de Vivenda co bipartito. O cartel do Bloque en Ourense será para Tareixa Paz, actual voceira parlamentaria de medio rural e en Pontevedra estará á fronte da candidatura Carlos Aymerich, máis ligado á vida política coruñesa pero nado en Vigo.

Suárez Canal, Lobeira, Nogueira e Bao pecharán as listas electorais do BNG

Ana Luísa Bouza e Fernando Branco, na Coruña, Isabel Sánchez e Ana Ermida, na lista luguesa, Xosé Manuel Cid, en Ourense ou Carme Adán e Montse Prado, en Pontevedra, son outros dos nomes que, previsiblemente, estarán nos primeiros postos dunhas candidaturas que estarán pechadas por nomes destacados da formación nacionalista, algúns dos cales se despiden da vida parlamentaria coa conclusión da presente lexislatura. É o caso, por exemplo, de Alfredo Suárez Canal, situado no último posto en Ourense, ou de Bieito Lobeira, en Pontevedra. No caso coruñés o peche pono Camilo Nogueira e en Lugo este posto corresponderalle a Antón Bao, actual tenente de alcalde na capital da provincia.

De xeito parello ao peche das listas o BNG, que deben estar rexistradas definitivamente nas xuntas electorais o vindeiro luns, os nacionalistas traballan tamén no seu programa electoral que, en verbas de Jorquera, estará centrado en eixos como "máis soberanía, máis servizos públicos" e na vontade de "poñer Galiza a producir". Con estas liñas básicas, di o aspirante nacionalista, o Bloque concorrerá a uns comicios tras os que aspira non só a colaborar nunha "alternativa" de Goberno, senón a impulsar un "cambio profundo" que free "o desmantelamento dos servizos públicos" e a "degradación da democracia de das institucións", di.

Jorquera, candidato do BNG á Xunta CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.