Pontón chama a votar ao BNG cun "sorriso" fronte ao PP que "mete medo á xente"

Mitin do BNG en Pontevedra, este luns CC-BY-NC-SA BNG

Minutos antes das oito e media do serán deste luns o BNG vía como unha hipótese real a posibilidade de ter que suspender o seu mitin de Pontevedra, un dos principais da campaña. Unha vintena de persoas desenvolvían unha sonora protesta contra a formación soberanista polo seu apoio ao peche de Elnosa e mais pola reestruturación que impulsa no parque de maquinaria da Deputación. A protesta, non comunicada -segundo advertiron axentes policiais na zona- deu en disolverse mentres simpatizantes do Bloque que ateigaban a praza do Teucro coreaban "BNG, BNG". A música ascendeu e a concelleira Carme da Silva, encargada de abrir o acto, viu no acontecido unha mostra máis do "efecto Pontón ao que tanto temen". "Por iso o PP nos manda os seus lacaios", agregou. Pero o que agora toca, afirma o Bloque, é "sorrir" mentres os conservadores tentan "meter medo".

O debate na CRTVG da pasada semana, aseguran, rompeu para ben a campaña do Bloque. "Imos a máis, estamos en plena remontada, hai unha inmensa corrente de simpatía cara ao BNG e cara a Ana Pontón", proclamou o cabeza de lista pontevedrés, Luís Bará. Aos de Alberto Núñez Feijóo, ironiza, só lles resta "mudar o lema por nos gustan más los yates que los debates" mentres agardan pola "derrota", pola perda do goberno. É posible que iso suceda, manteen. "Ou non é certo que desaloxamos o PP da alcaldía dende 1999?", evidenciou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores: "Conseguimos moitas cousas entre todos e tamén imos conseguir liberar a ría de Pontevedra de celulosa e de Elnosa".

"Feijóo non ten proxecto e deixa un desastre brutal, por iso utiliza o medo"

Tras Da Silva, Lores e Bará o convite ao "sorriso" chegou da man da aspirante á Presidencia. "Sorride moito, que están nerviosos", por moito que "o PP nos envíe un comité de benvida". O Bloque, di a cabeza de cartel, aspira a impulsar un novo Executivo que represente "os galegos e galegas, que somos mellores que o goberno de Feijóo. Ao candidato á reelección, di a nacionalista, só lle queda "meterlle medo á xente" pola vía de afirmar "que o único en Galiza capacitado para gobernar é Feijóo, o elixido", o mesmo ao que "non lle gusta debater" porque "non ten proxecto e o desastre que deixa é brutal". "Por iso utiliza a política do medo e da difamación".

A candidata censura que o líder do PP non sexa quen de "explicar as súas amizades perigosas" con Marcial Dorado ou co presunto conseguidor da trama Zeta

Mentres o líder popular "non é capaz" nin de "explicarnos as súas amizades perigosas", xa sexa con Marcial Dorado ou co "conseguidor que estivo a recoller cartos dos cursos de formación para encher os petos de maneira ilegal", di, o BNG pon sober a mesa "un proxecto solvente que coñece o país, que sabe que facer ao día seguinte" de chegar á Xunta. "Necesitamos -aguilloa- que o BNG teña un gran resultado", porque "neste momento a clave para que o PP perda a maioría absoluta son os escanos que están en xogo" entre "o PP, a muleta do PP -en referencia a Ciudadanos- e o BNG".

"Collamos con entusiasmo o que nos queda por diante, hai moita xente mirando cara a nós", instou Pontón á concorrencia. "Fagámolo cun sorriso", porque "hai milleiros de persoas que teñen a Galiza no seu corazón" e "o único que necesitan é que petemos un pouco para que ese amor se convirta en votos ao BNG, o voto que realmente é útil para que Galiza avance", conclúe.

 

Pontón, flanqueada por Lores e Bará ao inicio do mitin © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.