Pontón métese a panadeira e promete créditos a custo cero para apoiar os autónomos

Ana Pontón, nunha panadería de Sarria © BNG

Ana Pontón exerceu este martes de panadeira e elixiu un establecemento de Sarria para presentar as propostas do Bloque para os autónomos, que suman máis de 215.000 persoas en Galicia e máis do 22% da afiliación á Seguridade Social. 

Pontón reclamou acceso ao crédito para os autónomos, financiamento para os seus negocios e un tratamento fiscal e cobertura social xusta

Na Panadería Pallares, e logo de reunirse con varios traballadores dese colectivo, Pontón visitou a súa localidade natal e atendeu a clientela para destacar o traballo dos "autónomos e autónomas, de pequenas empresas que son quen manteñen vivas vilas e cidades de Galiza e un puntal importante para o desenvolvemento do país". A candidata do BNG á presidencia da Xunta destacou o "mal" que o pasou este colectivo "ao longo destes anos" e prometeu medidas para "mellorar as súas condicións, para poder acceder ao crédito, para que teñan financiamento para os seus negocios, pero tamén para que teñan un tratamento fiscal e unha cobertura social xusta”.

Así, explicou que o BNG propón unha liña de crédito a xuros cero destinada a financiar a instalación e mantemento dunha actividade autónoma durante un período de tres anos para facilitar a súa viabilidade. Ademais, para financiar investimentos innovadores e de modernización dos negocios e tamén sería financiables con cargo a esa liña de créditos a custo cero as actividades como autónomos no sectores máis golpeados pola crise e as persoas autónomas que se atopan na último treito da súa vida laboral.

“Somos conscientes das dificultades polas que pasan os e as traballadoras autónomas, que tratan de levar a cabo os seus propios proxectos, na maior parte dos casos con longuísimas xornadas laborais e sen poder tomarse vacacións”, explicou Pontón.

O BNG aposta por que a tarifa plana de 50 euros mensuais durante seis meses "se estenda ata os dous anos"

Ao tempo, Pontón tamén incidiu noutro aspecto clave para este colectivo, o fiscal. O BNG reclama a xestión íntegra dos impostos que se pagan en Galiza, "pero mentres se manteña o marco actual propón que o Estado corrixa a normativa actual". Así, aposta por que a tarifa plana de 50 euros mensuais durante seis meses "se estenda ata os dous anos e, ademais, queden exentos de tributación cando no acaden o SMI, e acabar co dislate de que teñan que cotizar por ingresos que non se teñen realizado".

Outra proposta que o Bloque defenderá desde o Goberno da Xunta é que as traballadoras autónomas queden exentas de tributar as cotas da Seguridade Social mentres estean de baixa por maternidade.

Preguntada polo debate na CRTVG, Pontón cre que demostrou que o BNG ten un proxecto "solvente, con iniciativas" e demostrou tamén que coñece o país e, sobre todo, “que ten empuxe e confianza para sacar adiante os galegos e as galegas, nun momento de graves problemas de paro, precariedade, desigualdade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.