Pontón, partidaria de menos alumnado por aula para evitar a covid-19 se a esquerda goberna tras o 12X

Pontón e outros membros da candidatura do BNG, nun intre do encontro sobre ensino na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Un dos primeiros labores do Goberno que elixa o Parlamento que se constituirá o vindeiro 7 de agosto, o que será conformado nas urnas o 12 de xullo, será abordar un inicio do curso escolar marcado polos posibles rebrotes da pandemia do coronavirus e, rebrote ou non, polas medidas de precaución para evitar contaxios. Entre as medidas propostas polo Ministerio de Educación con esa finalidade figura a redución de alumnado por aula, posibilidade que o actual Goberno galego do PP desbotou. Non hai fondos para facelo e ten riscos "socioemocionais" para o alumnado, argumentou a conselleira Carmen Pomar.

A candidata do BNG promete a constitución dunha "mesa de diálogo" con persoal docente, alumnado e ANPAS para planificar "dous escenarios: e pandemia baixo control e de rebrote" no vindeiro curso

Este foi un dos asuntos abordados este venres pola candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, nun encontro con representantes da comunidade escolar na Coruña. O centro da conversa, sinalou a líder soberanista, foi "abordar unha cuestión que preocupa a miles de familias, a organización do curso escolar 2020-2021". Alén deste acto, avanzou, se o Bloque chega ao Goberno tras o 12X promoverá "unha mesa de diálogo" que inclúa persoal docente, alumnado e ANPAS que aborde "dous escenarios: o actual, de pandemia baixo control, e como actuar en caso de rebrotes".

"Un Goberno responsable", coida Pontón, que estivo acompañada pola profesora e escritora Mercedes Queixas, integrante da candidatura coruñesa do BNG, xa estaría "traballando" con eses dous escenarios. Galicia, avanza, terá diante de si "unha normalidade alterada, pero con docencia presencial", pero tamén a posibilidade de que "un rebrote fixese necesario aplicar a teledocencia en maior ou menor medida".

Pontón, ante o IES Eusebio da Guarda da Coruña, con participantes no acto do BNG sobre ensino CC-BY-NC-SA BNG

No caso do primeiro escenario, Pontón ve "evidente" que á procura da seguridade será "necesario ampliar quendas, horarios e aulas" para "que as clases poidan impartirse respectando a distancia de seguridade". "E para iso -evidencia- hai que baixar a ratio de estudantes por clase". Alén disto, agrega, cumprirán "protocolos concretos para a utilización do transporte ou do comedor escolar".

"Non se pode volver repetir a discriminación do alumnado en función dos recursos para as súas familias" se cómpre retornar ás aulas por internet, advirte Pontón, que promete axudas para "sufragar a compra de material informático" e conexión á rede

Ante a segunda posibilidade, a de ter que volver ás aulas a través de internet, a aspirante á Presidencia advirte de que "non se poden volver repetir a improvisación destes meses nin a discriminación do alumnado en función dos recursos para as súas familias". Por iso, asegura, o Bloque "porá en marcha axudas para sufragar a compra de material informático e conexión a internet". Esta proposta vai na liña da lanzada tamén polo candidato socialista, Gonzalo Caballero, coa mesma finalidade.

A xuízo da candidata do BNG, "moitos pais e nais pregúntanse como vai ser o próximo curso escolar" e lamenta que "o candidato do PP", actual presidente, "siga ausente e botando balóns fóra". "A súa gran achega foi a de pedir que os fondos previstos para educación -en referencia ao fondo estatal polo coronavirus, no que o Goberno de España pide que as autonomías destinen unha parte a ensino público- pola pandemia se poidan destinar a outros gastos". 

Fronte á postura de Feijóo, di Pontón, "o curso escolar ten que comezar coas máximas garantías" e o Goberno galego non pode limitarse a "dicir que non hai cartos", menos aínda, no caso do actual Executivo, "despois de pedir desviar fondos" para outras finalidades, acusa. Cómpre algo maís, agrega, que "estar de brazos cruzados" malia non "conseguir que Galiza reciba un trato xusto nos fondos do Estado ou de Europa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.