Pontón promete a fin dos "privilexios urbanísticos" de Defensa para "abrir Ferrol ao mar"

Ana Pontón, este sábado en Ferrol CC-BY-NC-SA BNG

"O compromiso de abrir Ferrol ao mar non ten volta atrás". As verbas son de Alberto Núñez Feijóo e están datadas a mediados da pasada lexislatura, en 2011, cando o actual presidente da Xunta se reuniu na cidade departamental con quen daquela era o seu alcalde polo PP, José Manuel Rey. Media década despois ese obxectivo semella afastado, cando menos na súa integridade. É a visión da candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, que dende os ferroláns xardíns de San Francisco debullou este sábado os seus plans para poñer fin aos "privilexios urbanísticos e fiscais do Ministerio de Defensa" e así, por fin, "abrir Ferrol ao mar".

O caso ferrolán é senlleiro, pero non único, no que atinxe á necesidade de "recuperar para o público terreos e propiedades" militares "sen uso", caso da Illa de Tambo, e darlles usos públicos. Son, di a nacionalista, "privilexios que nin sequera compensan co servizo" que as forzas armadas prestan "na extinción de incendios, polos que tamén pagamos no canto de ser gratuíta". Esta é, para Pontón, unha mostra máis de que cómpre "decidir por nós mesmos".

Pontón lamenta que Defensa non responda aos seus "privilexios" en Galicia "nin sequera co servizo de extinción de incendios, que tamén pagamos no canto de ser gratuíto"

Esa marxe de decisión comezaría, se o Bloqeu chega ao Goberno, pola "reclamación da recuperación desas propiedades para o ben público". Paralelamente, detalla, cómpre "defender a transferencia a Galiza das instalacións militares e poder facer unha reordenación do espazo público". Será así, asegura, como a apertura ao mar será unha realidade en Ferrol, pero tamén en vilas como Marín, onde as instalacións militares ocupan boa parte da fraxa litoral.

"O obxectivo -resume- é recuperar o carácter público destes bens que foron usurpados en tempos pretéritos" e "darlles valor cultural, social e medioambiental", así como "prohibir as manobras militares" nesas zonas. Estes adestramentos do Exército "prexudican a seguridade", pero tamén "o ecosistema das rías". Isto só é posible logralo, afirma, "a través dunha negociación directa con Defensa" que o Goberno galego, ata agora, non desenvolveu.

Accidente do Porriño

A candidata do Bloque afirma que, se chega ao Goberno, esixirá a "modernización dos servizos ferroviarios"

Esta foi a primeira mensaxe nun reinicio de campaña que tamén para o BNG estivo marcado, en boa medida, polo accidente ferroviario do Porriño. "É un día triste" pola "perda terríbel" de catro persoas, di Pontón, en cuxa opinión tamén "cómpre lembrar que é fundamental que se faga unha investigación independente sobre cales foron as causas deste sinistro, que non se descarte de partida ningunha hipótese" e se adopten medidas "para garantir a vida e a seguridade das persoas que viaxan nos trens do noso país"."Que non se cometan os erros do pasado, que haxa unha investigación independente".

Neste sentido, di, se o Bloque chega a goberar asumirá o "compromiso de modernizar os servizos ferroviarios". Mostra de que esta é unha necesidade urxente é que "a liña do sinistro é do século XIX e o tren accidentado sumaba uns trinta anos". "Non se fixeron investimentos na súa modernización, nin na súa seguridade", por iso cómpre "un compromiso claro nunha zona estratéxica para Galiza, como é o norte de Portugal".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.